23 mar 2016
En Bruxelas, camiñando cara a igualdade
Unha delegación de SOS Sanidade Pública de Galicia, entre os que se encontraban, Camen Nores e José Sáez Penelas (membros da Plataforma en Defensa da Sanidade Pública de Cangas), emprendían este luns unha viaxe a Bruxelas que se tornou un pesadelo, mais os terribles atentados, a pesares da consternación provocada e grazas á valentía dos membros da Plataforma, non foron quen de botar por terra o propósito desta viaxe: Defender a igualdade na Área Sanitaria de Vigo. A mellor das homenaxes que podíamos brindar ás víctimas e aos seus familiares e amigos/as é non ceder perante a crueldade dos terroristas.
Onte, mantiñan unha reunión cos grupos parlamentarios europeos de PODEMOS e IZQUIERDA PLURAL (AGE e IU), para esixir que todas as mulleres da Área Sanitaria de Vigo teñan dereito a ser tratadas na Unidade Multidisciplinar de Cancro de Mama do Hospital Meixoeiro, independente da localidade na que habiten ou cal sexa o seu hospital de referencia.
O resultado de dita reunión non pode ser mellor, posto que a nosa proposta tivo unha moi boa acollida por parte de tódolos grupos parlamentarios. Velaquí está o texto íntegro:
Camiñando cara a igualdade
A área sanitaria de Vigo comprende a zona sur
da provincia de Pontevedra e é unha das tres grandes áreas de referencia de
Galicia, está conformada por 26 municipios, aglutinados contornan a cidade de
Vigo e a súa ría, cunha poboación próxima ao medio millón de habitantes, entre
os que se establece un alto grado de integración económica, social e cultural.
Cangas e Moaña, situados na outra beira de Ría de Vigo, son dous dos municipios
da comarca do Morrazo adscritos a esta área sanitaria.
Dende comenzos dos 90, a un total de 139.000 habitantes desta área
sanitaria, dos que 72.123 son mulleres, condenáronnos, sen consulta previa, a
unha asistencia sanitaria deficitaria nun hospital privado que non conta cos
mesmos recursos técnicos e humanos que os hospitais públicos.
Queremos centrarnos hoxe, especialmente nunha
das discriminaciones que padecemos a diario, queremos poñernos á beira e no
lugar de 72.123 mulleres que non están
exentas de enfrontarse ao cancro de mama e que están asignadas ao hospital
privado Povisa, S.A.
O cancro de mama é o tumor máis frecuente entre
mulleres occidentais, en España se diagnostican ao redor de 25.000 novos casos
ao ano. Segundo moitos estudos, unha de cada catorce mulleres padecerá esta
doenza ao longo da súa vida e, na actualidade, segundo os expertos, existe un
aumento na incidencia en mulleres máis novas.
As recomendacióms propugnadas no informe sobre
o cancro de mama da Unión Europea (2002/2279(INI)) do 7 de maio de 2003 na
Comisión de Dereitos da Muller e Igualdade de Oportunidades, sendo ponente, a
parlamentaria Karin Jöns, entre outras cousas, pídese aos estados membros que a
loita contra o cancro de mama sexa unha prioridade da política sanitaria.
Proponse, en devandito informe, que toda muller
con cancro de mama teña dereito a ser tratada por un equipo multidisciplinar, é
dicir, que sexa tratada en Unidades especializadas, formada por equipos
multidisciplinares capaces de ofrecer a atención médica necesaria en todas as
fases da enfermidade, con garantías de calidade, baseados nos principios de
igualdade e accesibilidade ao sistema sanitario público.
Na Área Sanitaria de Vigo, seguindo as
recomendacióms da UE, no Complexo Hospitalario público Universitario de Vigo
(concretamente no hospital Meixoeiro) créase no ano 2010 a primeira Unidade
Multidisciplinar para tratar o cancro de mama de Galicia. Esta Unidade ademais
dos recursos técnicos necesarios, conta cun equipo multidisciplinar de
profesionais altamente cualificados e especializados con dedicación exclusiva
ao tratamento da patoloxía mamaria composto por: dous ciruxáns especialistas en
patoloxía de mama, tres xinecólogos, catro especialistas en diagnóstico por
imaxe mamario, dous especialistas en Anatomía Patológica, dúas enfermeiras,
unha psicóloga, especialistas de oncoloxía médica e radioterápica, e
especialistas en rehabilitación multimodal e unidade de linfedema.
Nesta Unidade trátanse anualmente máis de 320
novos casos de cancro de mama (150 novos casos ao ano é o requisito mínimo que
esixe a Sociedade Europea de Mastoloxía -EUSOMA- para que sexa custo-efectiva a
creación dunha Unidade de Mama, e asegurar a calidade e experiencia na materia
de todos os seus compoñentes) . Realízanse máis de 500 intervencións
quirúrxicas ao ano, incluíndo as técnicas máis actuais de ciruxía radio-guiada,
ciruxía reconstructiva oncolóxica e lipofilling (enxerto graso autólogo) para
mellora dos resultados cosméticos. Os seus índicadores cumpren cos estándares
de calidade recomendados polas sociedades de expertos: ciruxía conservadora en
máis do 70% das pacientes e reconstrución inmediata en máis do 70% das
pacientes que precisan unha mastectomía para tratar a súa enfermidade. Outros
aspectos a destacar, e derivados desta alto volume de traballo e experiencia,
son a súa participación en ensaios clínicos nacionais e internacionais, e o seu
recoñecido labor docente impartiendo docencia MIR e prácticas en cursos de
especialización e posgrao nas Universidades de Vigo e Barcelona.
Neste último ano, a Unidade acaba de implantar
a dermopigmentación do complexo -areola- pezón, fundamental para a completa
recuperación da imaxe corporal e calidade de vida das pacientes que teñen que
someterse a unha mastectomía.
Como dicimos, cónstanos, pero esta Unidade non
está ao alcance de algo menos da metade da poboación feminina do Área Sanitaria
de Vigo. 72.123 mulleres adscritas ao centro privado POVISA non só teñen que
enfrontarse ao cancro, senón que deben facelo sendo conscientes de que terán,
na práctica, o acceso restrinxido á recoñecida Unidade Multidisciplinar.
Hoxe, os membros da Plataforma en Defensa da
Sanidade Pública de Cangas queremos volver alzar a nosa voz, para poñer de
manifesto o noso rexeitamento a esta discriminación, como xa o fixemos no seu
día, por medio dos grupos da oposición perante o Parlamento de Galicia,
escritos ao Valedor do Pobo e denuncias públicas.
Polos seus erros, os nosos representantes en
materia sanitaria non están lexitimados hoxe para falar de igualdade ou de
loita contra o cancro de mama na nosa área, xa que presenciamos e padecemos -as
mulleres en primeira persoa- a maior das desigualdades ao non ter acceso a unha
Unidade multidisciplinar que se creou con diñeiro público e que podería asumir
perfectamente o tratamento desta patoloxía para a área sur da provincia de
Pontevedra
O feito, feito está, pero queremos mirar ao
futuro desde unha perspectiva optimista e que os nosos representantes asuman os
seus erros, poñendo en práctica as recomendacións que a UE xa establecía fai
máis dunha década, polo que, solicitamos que con carácter urxente, sexa tida en
conta as nosas reivindicacións e, por iso,
Instamos ao Parlamento Europeo que faga reaccionar á Consellería de Sanidade
da Xunta de Galicia para que esta discriminación, nun futuro non moi afastado,
forme parte do pasado e que a Unidade
Multidisciplinar do Hospital Meixoeiro se convirta na Unidade de referencia
para tódalas mulleres da Área Sanitaria de Vigo, independentemente da
localidade na que habiten ou cal sexa o seu hospital de referencia.
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
Mi lista de blogs
C. de Saúde do Hío, XA!

Xa temos os terreos, e o SERGAS que fai? Enredar.
Queremos médico todo o ano!
100% público

POVI$A: listas de espera

Pola redución das listas de espera en POVI$A
As listas de espera cirúrxicas de POVI$A son as máis grandes de todos os hospitais de Galicia. Das listas para consultas externas e probas diágnósticas nada se sabe, por estar ocultas á opinión pública.
A Plataforma quere contrastar a campaña de desinformación do SERGAS e de POVI$A cos datos reais aportados pola propia cidadanía, por iso pedimos a súa colaboración.
Reclame en atención ao doente de POVI$A ou acuda á Inspección Médica e póñase en contacto connosco enviándonos unha copia ou unha mensaxe, dirixíndose ao apto. 146 de Cangas ou por email a plataformasanidadecangas
@gmail.com.
Kiko da Silva

Plataformas de Galicia
- SOS Sanidade Pública
- Plataforma Contra a Privatización - Pontevedra
- Plataforma en defensa da Sanidade Pública - Área do Ferrol
- Plataforma en Defensa da Sanidade Pública da Área do Barco
- Plataforma en Defensa da Sanidade Pública de Monforte
- Plataforma en Defensa da Sanidade Pública do Barbanza
- Plataforma en Defensa da Sanidade Pública de Marín
- Asociación Pro Sanidade Digna de Ourense
Sindicatos da sanidade
Publicacións
Alianza Social do Morrazo

Contacto
Páxinas vistas
100543
0 comentarios: