15 abr 2014

postheadericon Povisa no Informe 2013 do Valedor do Pobo ao Parlamento de Galicia

10. Problemas na xestión administrativa 

A) Xestión de centros sanitarios
Seguindo a liña de denuncias pola xestión de centros sanitarios, é rechamante o número de queixas tramitadas sobre a problemática na xestión de persoal no centro hospitalario concertado Povisa, e que se traduciu na apertura dun conxunto de expedientes múltiples con idéntico obxecto, un total de 6.665 exactamente, cuxa numeración se corresponde co número Q/5514/13 e os seriados Q/5721/13 a Q/12384/13, ambos incluídos.

Os interesados inician a súa reclamación recordando que Povisa leva máis de 30 anos mantendo a maioría da súa actividade asistencial en base a diferentes concertos sanitarios col SERGAS. O último concerto está datado no ano 2000, polo que se adscribiu a Povisa a atención especializada dunha parte da poboación da área sanitaria de Vigo que ronda as 134.000 persoas e que representa o 80% da asistencia sanitaria do Hospital Povisa, ademais de convertelo en centro de referencia para certas especialidades (queimados, cirurxía da man e maxilofacial).
En 2006 asínase o acordo básico para o Área Sanitaria de Vigo, polo que o Hospital Povisa se compromete a manter os postos de traballo e a calidade asistencial, mentres que o Sergas se compromete a proporcionar a este carga de traballo suficiente para garantir a actividade do Hospital.
Porén, alegan os asinantes das queixas, que a pesar do mencionado acordo, Povisa inicia no ano 2010 un camiño de recortes de dereitos e políticas de explotación laboral dos seus traballadores que se reflicte no paulatino deterioro da calidade asistencial: despido de 27 traballadoras da limpeza, 15 administrativos, redución de xornada a máis do 46% do cadro de persoal, flexibilidade horaria que supera os límites legais, eliminación dos equipos estables de traballo, incumprimento de sentencias firmes, redución nun 26% das substitucións de I.T., excedencias, vacacións, amortización dos postos vacantes por xubilación ou cese, redución nun 85% das horas extraordinarias, etc.
O 23 de xullo ten lugar a última reunión de mediación da Inspección de Trabajo en relación á negociación do Convenio Colectivo 2011, que remata sen acordo xa que o Hospital Povisa decide acollerse á reforma laboral e impón a partir do 24 de xullo o Convenio Provincial de Hospitalización e Internamiento da Provincia de Pontevedra a todo o seu persoal, o que comporta unha perda salarial entre un 40% e un 52%, incremento da xornada laboral anual e minoración de dereitos sociais.
Denuncian os interesados que a política de recursos humanos de Povisa se basea na precarización das condicións laborais, facendo na práctica imposible que os seus profesionais, a pesar da súa experiencia, cualificación e esforzo, poidan prestar a asistencia sanitaria coa calidade á que os pacientes teñen dereito.
Consideran os dicentes que as medidas aplicadas unilateralmente pola dirección de Povisa inflúen negativamente na calidade asistencial:
  • Menos persoal, ou o que é o mesmo, menor ratio de persoal por paciente: menos tempo para dedicar á atención persoal a cada paciente, persoal máis estresado, maior posibilidade de cometer erros, deterioro da calidade asistencial.
  • Flexibilidade horaria: nalgunha franxa horaria, os servizos de hospitalización carecen do persoal mínimo para atender cun mínimo de calidade as necesidades básicas ou urxentes dos pacientes. 
  • Falta de hixiene: menos persoal de limpeza implica directamente peor hixiene e polo tanto máis riscos de infeccións hospitalarias. 
  • Utilización de alumnos de enfermería e auxiliar de enfermería como man de obra gratuíta para substituír ao persoal de cadro de persoal, cun claro risco de cometer erros que poden ser irreversibles. 
  • Retraso nos quirófanos e aumento da lista de espera para consultas e cirurxía. 
A pesar dos cambios descritos que implican redacción de custos laborais, os interesados sinalan que o concerto entre o Hospital Povisa e o Sergas non variou, ingresando a consellería ao centro hospitalario puntualmente as mensualidades pactadas, obtendo o hospital beneficios económicos a costa de diminuír a calidade da asistencia sanitaria.
O Comité de Empresa (CIG-CGT-CCOO-UGT-SGPS) solicitou ao Sergas en repetidas ocasións que, en cumprimento das súas funcións, supervise e controle a calidade asistencial que vén prestando Povisa e a evolución das infeccións hospitalarias, obrigando ao hospital a cumprir parámetros de calidade equiparables aos dous hospitais públicos, así como a cumprir as sentencias dos tribunais de xustiza e negociar de boa fe o convenio colectivo de 2011 respectando os dereitos laborais dos seus traballadores. Porén, a consellería indícalles que carece de competencia nos conflitos laborais dun centro privado, polo que o comité de empresa solicita a nosa intervención.
Ante a denuncia relatada, solicitamos o preceptivo documento á Consellería de Sanidade para que nos informe sobre as actuacións realizadas para a comprobación das condicións asistenciais do hospital e a súa adecuada equiparación ás do resto da poboación; sobre as condicións laborais aplicadas ao persoal na actualidade e a súa adecuación ás circunstancias económicas do concerto; e sobre as demais circunstancias que se consideren relevantes para a completa valoración do obxecto da queixa.
A consellería afirma no seu escrito que o centro Hospitalario Povisa está aplicando unha reestruturación funcional, na procura dunha maior eficiencia e rendemento, que leva consigo unha redución das horas semanais efectivas prestadas -e contratadas-polo seu persoal, fundamentalmente auxiliar de enfermaría e celador.
O fundamental deste informe é que inclúe a auditoría que a consellería realizou no mes de xullo de 2013 para avaliar a existencia dun posible deterioro da calidade da asistencia sanitaria, centrando a investigación na análise de tres aspectos:
  1. Se coas novas medidas implantadas por Povisa se está garantindo a correcta cobertura asistencial -24 horas/día os 365 días do ano-aos pacientes atendidos no centro hospitalario. 
  2. Se coincidindo coas novas medidas implantadas por Povisa houbo un incremento das reclamacións presentadas por pacientes-sergas e de ser así, a posible existencia dunha relación de causalidade entre a implantación das anteditas medidas e o contido das reclamacións. 
  3. Se coas novas medidas implantadas por Povisa se está producindo unha diminución da actividade asistencial prestada polo centro hospitalario á poboación-sergas para a que é centro de referencia que orixine un maior incremento das listas de espera asistenciais padecidas pola poboación. 
1) En canto ao primeiro punto, cobertura asistencial permanente, atendendo á información facilitada polo Centro Hospitalario Povisa, e tomando como referencia o mes de xullo de 2012 fronte ao mes de abril de 2013, os datos amosan unha escasa e puntual variación numérica do persoal contratado. Porén, a modificación das condicións laborais impostas por Povisa a dito persoal no ano 2013 leva consigo unha redución do número de horas efectivas prestadas polo persoal basicamente celador e auxiliar de enfermaría.
Con relación á asistencia prestada na área de hospitalización médico-cirúrxica, a distribución en quendas do persoal facultativo réxese na actualidade por criterios funcionais de eficiencia, reforzándose a dotación do cadro de persoal nas horas consideradas de alta cargabilidade (horas que concentran o groso das tarefas) e diminuíndo as horas de baixa cargabilidade (horas nas que constatou diminución de tarefas programadas).
Na revisión efectuada da actual distribución funcional do persoal de Povisa non se apreciaron descoberturas na prestación de asistencia aos pacientes-sergas ingresados. Porén, as quendas irregulares que se solapan entre si no caso do persoal auxiliar/celador dificulta o emprego das ratios de persoal sanitario non facultativo como indicador de calidade asistencial, non implicando isto necesariamente a prestación dunha deficiente asistencia sanitaria.
Con relación á asistencia prestada no bloque cirúrxico (actividade dos quirófanos), a reorganización funcional emprendida por Povisa baséase en aumentar o nivel de autonomía dos quirófanos, de forma que cada quirófano sexa autosuficiente para coordinar todas as tarefas de preparación, de desenvolvemento e de remate da súa actividade. Para is, dótase a cada quirófano do seu propio persoal baixo a seguinte premisa: ratio de 2 DUE/ATS e 1 auxiliar por quirófano na cirurxía con anestesia xeral e ratio de 1 ATS/DUE e 1 auxiliar por quirófano na cirurxía con anestesia local. A ratio do persoal celador mantense en 1 celador por cada 2 quirófanos. A reorganización funcional establece unha dotación de persoal diferenciada para o quirófano reservado ás urxencias cirúrxicas ao longo das 24 horas de todos os días do ano.
Por outra banda, Povisa reduciu no presente ano, o tempo intercirúrxico central ao adiantar a entrada dos pacientes programados para as intervencións de tarde. Así, pasou do horario de quirófanos vixente até decembro de 2012 de 8,30 a 14,30 e de 16,00 a 21,00 h. ao actual dende xaneiro de 2013: de 8,30 a 14,30 e de 15,30 a 20,30 h.
Segundo a información facilitada por Povisa, no ano 2013 incrementouse a dotación de persoal ATS/DUE no bloque cirúrxico fronte á do ano 2012, xa que pasaron de ter un cadro de persoal estrutural constituído por 40 enfermeiros/as en abril de 2012 a 43 en maio de 2013. A variación producida no cadro de persoal auxiliar de enfermaría e celador do bloque cirúrxico do mes de abril de 2012 a maio de 2013 foi mínima: pasaron de 28 a 27 auxiliares e manteñen 13 celadores. Polo tanto, non se aprecian descoberturas na dotación do persoal dos 12 quirófanos de Povisa para o desenvolvemento da súa actividade.
A directora de enfermaría de Povisa, preguntada sobre un posible incremento de anulacións nas cirurxías programadas dende xaneiro de 2013 como consecuencia de ineficiencias na exposta reorganización funcional do bloque cirúrxico, afirmou que o número de intervencións anuladas no primeiro trimestre do 2013 diminuíu claramente respecto aos dous anos anteriores pese a non diminuír a actividade cirúrxica.
Con relación á asistencia prestada na policlínica, o centro hospitalario Povisa defende a necesidade da reorganización funcional do seu persoal non facultativo (consultas, medicina nuclear, radioterapia, fisioterapia e logopedia) argumentando a eliminación de tarefas tradicionais como consecuencia do impacto tecnolóxico xerado pola implantación da historia clínica electrónica, pola automatización da chamada aos pacientes dende o interior da sala de consulta a través de ordenador e polo axuste dos horarios laborais á planificación da actividade de consulta.

2) No que respecta ao segundo apartado da análise, reclamacións a Povisa pola asistencia prestada, segundo información facilitada polo centro hospitalario, pese a que no último trienio se pode apreciar a tendencia crecente das mesmas ao longo dos anos, tanto da análise cuantitativa das mesmas como da valoración dos datos obxectivos solicitados ao centro relativos a indicadores de infección hospitalaria e indicadores de seguridade asistencial, non se desprende a existencia dun deterioro da calidade asistencial dispensada polo centro.

3) Como último ítem a valorar, volume da actividade asistencial prestada por Povisa a pacientes-sergas, para comprobar se a implantación en Povisa das anteditas medidas de reorganización funcional está producindo unha diminución no volume da actividade asistencial desenvolta polo centro hospitalario, procedeuse a comparar a actividade sanitaria prestada á poboación-sergas no primeiro cuadrimestre do 2012 fronte á prestada no primeiro cuadrimestre do 2013, concluíndo que se produciu un aumento de dita actividade no presente ano excepto en áreas concretas como as de urxencias (actividade "a demanda"), fisioterapia ou logopedia. A diminución de actividade tanto na área de fisioterapia como na de logopedia, non comezou no ano 2013 senón que xa se constata no último cuadrimestre do 2012 (11.091 sesións de fisioterapia e 1.411 sesións de logopedia no 3° cuadrimestre del 2012). Co obxectivo de comprobar se a diminución de actividade na área de fisioterapia e logopedia no ano 2013 está tendo unha repercusión no aumento de pacientes-sergas á espera de comezar o tratamento nesas áreas, solicitouse información a Povisa sobre a lista de espera existente para o inicio de tratamentos de logopedia e fisioterapia, constando que para fisioterapia se minorou a lista de espera, e na área de logopedia, con data de 04-07-13 non hai pacientes en lista de espera para comezar tratamento.
Así, as conclusións da consellería concéntranse nos seguintes puntos:
  1. Atendendo á información facilitada por Povisa, a dotación numérica total do seu persoal sanitario case non variou ao longo do último ano (cadro comparativo xullo 2012-abril 2013) e pese a que a reorganización funcional do persoal sanitario non facultativo desenvolta polo centro dificulta o emprego da ratio persoal sanitario/cama como indicador válido, non se evidenciaron descoberturas asistenciais. 
  2. Aínda que no primeiro trimestre do 2013 se mantivo a tendencia crecente experimentada no último trienio en cuanto ao número de reclamacións escritas presentadas polos pacientes atendidos no centro hospitalario Povisa, actualmente mantense estable. 
  3. A análise comparativa do volume de actividade asistencial prestada polo centro Povisa no primeiro cuadrimestre do 2013 fronte á do primeiro cuadrimestre do 2012 evidencia un incremento da mesma. 
Á vista do até aquí exposto, a Consellería de Sanidade non aprecia que por agora, no presente ano 2013, se producise un deterioro da calidade asistencial prestada polo hospital Povisa aos pacientes protexidos polo Servizo Galego de Saúde para os que é centro de referencia. Porén, a propia Administración sinala que o curto período de tempo analizado fai recomendable unha nova avaliación a finais do ano 2013 do conxunto de aspectos reflectidos no presente informe.
Ademais, dada a problemática existente, a consellería propón a realización no último trimestre do 2013 dunha enquisa de satisfacción a unha porcentaxe estatisticamente significativa de pacientes-sergas de Povisa sobre a asistencia prestada ao longo do presente ano nas distintas e principais modalidades asistenciais (ingreso médico, cirurxía con hospitalización, cirurxía ambulatoria, asistencia urxente sen ingreso, consultas especializadas, etc.).
Entendemos así que a consellería asume o compromiso de realizar un control exhaustivo baseado nunha análise directa cos usuarios atendidos polo centro hospitalario, para elaborar un informe detallado das posibles repercusións sobre a calidade asistencial trala reorganización en materia de persoal levada a cabo en Povisa. Consideramos que este traballo deberá realizarse polos inspectores de sanidade mediante visitas ás instalacións do hospital, ás diferentes plantas e salas, obtendo información directa tanto dos profesionais que traballan en Povisa como dos pacientes e familiares atendidos. Debería ser unha labor inspectora in situ, comprobando i funcionamento real dos servizos prestados e controlando a calidade asistencial recibida polos usuarios. A información facilitada pola propia dirección do centro sería en todo caso complementaria das labores de “traballo de campo”, entendendo esta como aquela investigación que esixe unha fase de aplicación de instrumentos de obtención de datos tales como observación, entrevistas, cuestionarios, e outros que determinen unha conclusión o máis fiable e precisa posible.
Como inciso final, debemos recordar que na investigación sumaria e informal realizada por esta institución, e igualmente nas labores de supervisión a realizar pola consellería, non deben abordarse as cuestións xurídicas relativas ás condicións laborais dos traballadores de Povisa nin o posible incumprimento do convenio laboral de Povisa respecto do seu persoal, dado o carácter privado desa relación. Unicamente se poden analizar as posibles repercusións das anteditas medidas establecidas por Povisa na calidade da asistencia sanitaria prestada polo centro hospitalario á poboación-sergas que o ten como centro de referencia ao amparo da vixente Resolución de interese público da Consellería de Sanidade.
Coa información anterior, procedemos ao arquivo do expediente aberto entendendo que a consellería realizará o seguimento oportuno da problemática descrita coa realización da auditoría prevista ao finalizar o ano 2013.
Conectada coa anterior queixa, encontrámonos dúas reclamacións que deben a súa orixa á folga no Centro Povisa relatada nos parágrafos anteriores, pois os interesados solicitan a intervención do Valedor do Pobo a causa dos retrasos sufridos na atención e intervención dos pacientes pola ausencia de persoal neses días e o deficiente servizo sanitario recibido. Ambas queixas, a Q/14275/13 e a Q/14675/13, están pendentes de resolución en espera de que a consellería remita o informe correspondente.

C) Servizos de atención ao paciente e de atención telefónica
A raíz do expediente Q/5548/13 investígase se o funcionamento do servizo de reclamacións nos centros concertados, concretamente no de Povisa de Vigo, seguía idéntica tramitación que nos centros da rede pública. Tralo estudo do caso, constatamos que todos os centros hospitalarios dispoñen dun servizo propio de atención ao paciente no que se estudan e responden as reclamacións e queixas presentadas polos usuarios, sobre aquelas os problemas detectados no servizo e atención sanitaria que se presta en cada centro. As reclamacións e queixas presentadas polos usuarios adscritos ao Hospital Povisa son respondidas polos servizos propios do hospital, do mesmo xeito en que se realiza nos hospitais da rede pública galega.
Con independencia desta actividade propia de cada centro, o servizo de inspección sanitaria supervisa as reclamacións presentadas e a resposta facilitada, para comprobar o nivel de calidade do servizo prestado aos cidadáns e se este se adecúa aos criterios e procedementos establecidos polo Servizo Galego de Saúde.
Ademais do procedemento de reclamacións descrito, o servizo QUERES é un sistema de xestión único e homoxéneo vía internet para todo o Sergas que permite recoller, resolver e informar as reclamacións e suxestións que se presenten en relación á prestación de servizos do sistema público de saúde de Galicia, así como a análise sistemática da información que se desprende delas coa finalidade de desenvolver accións de mellora. Tal servizo está dispoñible na páxina web do Sergas, encontrándose accesible para todos os usuarios, independentemente do centro no que sexan atendidos, p que unifica, centraliza e complementa o servizo de atención ao paciente do Sergas.

D) Xestións administrativas diversas
Por último, están pendentes de resolución a queixa Q/12287/13 sobre a falta de cobertura de coidados paliativos e hospitalización a domicilio (HADO) (*) para os veciños de Cangas, e a Q/14432/13 sobre a falta de intérpretes nos servizos de saúde públicos galegos que impide, segundo o autor da queixa, prestar unha atención sanitaria de calidade para as persoas xordas.

(*) Refírese á (re)queixa presentada pola Plataforma e que pode lerse aquí:
http://plataformasanidadecangas.blogspot.com.es/2013/10/requeixa-da-plataforma-diante-do.html

0 comentarios:

SOS Sanidade Pública

C. de Saúde do Hío, XA!

C. de Saúde do Hío, XA!
Xa temos os terreos, e o SERGAS que fai? Enredar.
Queremos médico todo o ano!

Polo CAR para o Morrazo

Redes sociais

Síguenos

100% público

100% público

POVI$A: listas de espera

POVI$A: listas de espera
Pola redución das listas de espera en POVI$A
As listas de espera cirúrxicas de POVI$A son as máis grandes de todos os hospitais de Galicia. Das listas para consultas externas e probas diágnósticas nada se sabe, por estar ocultas á opinión pública.
A Plataforma quere contrastar a campaña de desinformación do SERGAS e de POVI$A cos datos reais aportados pola propia cidadanía, por iso pedimos a súa colaboración.
Reclame en atención ao doente de POVI$A ou acuda á Inspección Médica e póñase en contacto connosco enviándonos unha copia ou unha mensaxe, dirixíndose ao apto. 146 de Cangas ou por email a plataformasanidadecangas
@gmail.com
.

Informe POVISA

Kiko da Silva

Kiko da Silva

Alianza Social do Morrazo

Alianza Social do Morrazo

Páxinas vistas

Powered By Blogger