11 dic 2013

postheadericon Concentración en Cangas en defensa da sanidade pública


Texto do Manifesto lido na concentración:
Temos moitos motivos para encontrármonos hoxe aquí. En primeiro lugar, estamos participando nunha xornada de protesta que se extende por todo Galicia contra as medidas de recortes, copagos (mellor dito, repagos), e privatizacións nos servizos públicos de saúde impostos a unha cidadanía duramente castigada por unha crise que provocaron os que pretenden seguir vivindo por riba das nosas posibilidades.
Tamén estamos aquí para deixar constancia da solidariedade e do recoñecemento de todo o Morrazo coa loita dos veciños e veciñas do Hío pola construción do centro de saúde. Eles coa súa constancia e a súa valentía represéntanos a todos e a todas fronte ao poder despótico duns gobernantes trampóns e mentireiros que nunca deberon chegar a onde están agora. Que o teñan moi claro, por moito que nos desprecen, o pobo sempre terá a última palabra. Non sairán coa súa.

Amigos e amigas:
Os gobernos do PP aboliron o dereito universal á sanidade deixando aos maiores de 26 anos que non cotizaron a Seguridade Social, aos inmigrantes sen papeis e a outros colectivos unicamente con cobertura sanitaria urxente; retiraron a gratuidade dos medicamentos para os pensionistas; introduciron o copago dos fármacos de dispensación hospitalaria para os enfermos crónicos e de cancro; de cada dez sanitarios/as que se xubilan só repoñen un posto de traballo; manteñen listas de espera insoportables; xa decidiron que teremos que pagar polas ambulancias e polas próteses.
A perversa imaxinería dos rajoys e dos feijoos semella non ter límites. A Xunta de Galicia está privatizando os servizos sanitarios públicos, repartindo as parcelas máis atractivas económicamente entre grupos empresariais afíns, aseguradoras, multinacionais, fondos de investimento, bancos e construtoras. Agora comezan a privatizar a alta tecnoloxía e xa están preparando, coa creación do que eles chaman unidades de xestión clínica, hospitais e centros de saúde para regalarllos fragmentadamente aos negociantes da nosa saúde. 
Estes días, veñen de aprobar no Parlamento de Galicia unha denominada “Lei de Garantías” para derivar aos pacientes hospitalizados despois dos 60 días de espera a calquer centro privado e, ademáis, pagando por adiantado.
Estes gobernantes neoliberais que nos cairon en desgraza queren crear un mercado sanitario transformando aos pacientes en clientes. Para vendernos a súa falsa mercaduría pretenden convencernos das marabillas da “libre elección” de centro sanitario. Sen embargo, polo camiño que levamos o único que teremos será a opción de escoller a empresa sanitaria que estea ao alcance das nosas posibilidades económicas. Nunca aceptaremos un sistema sanitario no que, ao final, haxa que pasar por caixa coma no supermercado.
No Morrazo, ademais, sentimos na nosa pel a burla e o abandono: Marín, O Hío e Moaña esperan polos prometidos centros de saúde e toda a comarca polo centro de alta resolución; padecemos POVISA e as súas listas de espera récord en Galicia,...
Coa prioridade de pagar a bancos e especuladores internacionais, os gobernantes do Partido Popular en Madrid e Compostela desmantelan a sanidade pública.
Chegou o momento de articular unha grande alianza entre a cidadanía e os traballadores e traballadoras  en defensa da sanidade pública e do estado do benestar. Non entregaremos polas boas un patrimonio social que tanto lles custou conquistar a xeración actual e ás anteriores. A xornada de hoxe é só un punto e seguido desta batalla pacífica e colectiva que vai continuar ata rematar definitivamente con estas políticas inspiradas polos grandes poderes económicos e financeiros que nos pretenden levar de cabeza á época dos servos e señores; que nos pretenden transportar a un modelo social dominado polo salvaxismo, onde o dereitos sociais sexan sustituídos por dádivas e xestos de caridade dos ricos e poderosos. Por iso estamos aquí, para dicir moi alto:

Non aos recortes, copagos e privatizacións!!
Por unha sanidade pública universal, gratuíta e de calidade!!
Polos nosos dereitos!! Paremos o saqueo!!

O Morrazo, 14 de decembro de 2013

0 comentarios:

SOS Sanidade Pública

C. de Saúde do Hío, XA!

C. de Saúde do Hío, XA!
Xa temos os terreos, e o SERGAS que fai? Enredar.
Queremos médico todo o ano!

Polo CAR para o Morrazo

Redes sociais

Síguenos

100% público

100% público

POVI$A: listas de espera

POVI$A: listas de espera
Pola redución das listas de espera en POVI$A
As listas de espera cirúrxicas de POVI$A son as máis grandes de todos os hospitais de Galicia. Das listas para consultas externas e probas diágnósticas nada se sabe, por estar ocultas á opinión pública.
A Plataforma quere contrastar a campaña de desinformación do SERGAS e de POVI$A cos datos reais aportados pola propia cidadanía, por iso pedimos a súa colaboración.
Reclame en atención ao doente de POVI$A ou acuda á Inspección Médica e póñase en contacto connosco enviándonos unha copia ou unha mensaxe, dirixíndose ao apto. 146 de Cangas ou por email a plataformasanidadecangas
@gmail.com
.

Informe POVISA

Kiko da Silva

Kiko da Silva

Alianza Social do Morrazo

Alianza Social do Morrazo

Páxinas vistas

Powered By Blogger