22 nov 2010

postheadericon Manifesto lido da manifestación do 21N pola defensa e mellora da Sanidade Pública

Bo día a todas e a todos, e grazas pola vosa presenza.
Estamos aquí hoxe, convocados para dar unha resposta ao grito de socorro que manda a sanidade pública, e a resposta a ese S.O.S. non podía ser outra que a vosa presenza neste acto.
Como sabedes, a política sanitaria da actual Xunta de Galicia está a deteriorar e facer inviable economicamente o sistema sanitario público galego como paso previo a súa privatización.
Co argumento de que a crise económica obriga a reducir gastos e a buscar apoio no sector privado, a Consellería de Sanidade tomou dúas importantes decisións que supoñen un punto de inflexión para o futuro da sanidade pública galega:
  • Por unha parte: Reducir o orzamento do Sergas do ano 2011 en 167 millóns de euros (181 millóns no total da Consellería de Sanidade); o gasto corrente, destinado ao funcionamento dos hospitais e centros de saúde, perde 33 millóns e os investimentos, para o mantemento dos centros sanitarios e renovar o seu equipamento perde 59,1 millóns.
  • E por outra: Dar entrada ao capital privado no financiamento e xestión das novas infraestruturas sanitarias recorrendo a Colaboración Público-Privada (PFI ou Concesión de Obra Pública) que multiplicara por seis o custe total dos centros seguindo o exemplo das Comunidades Autónomas de Valencia e Madrid, onde tamén goberna e Partido Popular.
As consecuencias destas decisións afectaron xa, de xeito importante, ao sistema:
  • Retraso na apertura do hospital de Lugo (que leva anos terminado), facéndose o equipamento con capital privado e privatizando o servizo de lavandería. 
  • Privatización e retrasos na construción do Novo Hospital de Vigo e da ampliación do Complexo Hospitalario de Pontevedra. Estas dúas obras, que tiñan previsto un financiamento e construción a través da Sociedade Pública de Investimento, son agora entregadas ao sector privado que asumirá o seu financiamento, construción e xestión (parcial) a través da fórmula de colaboración Público-Privada (PFI), que encarecerá entre tres e cinco veces o que nos constarán estas novas infraestruturas sanitarias. O novo Hospital de Vigo será bastante menos ambicioso en tamaño e servizos que o que estaba inicialmente previsto e, en Pontevedra, a ampliación do Hospital de Montecelo é substituída polo proxecto privatizador de Monte Carrasco.
  • Anuncio da cesión ao sector privado dos novos recursos de alta tecnoloxía  dos hospitais públicos, comezando pola radioloxía e os laboratorios.
  • Abandono do Plan de Mellora de Atención Primaria que tiña previsto investir 62 millóns de euros en catro anos para resolver a masificación das consultas e súa baixa capacidade resolutiva. Construción dos novos centros de saúde con financiamento privado.
  • Abandono do Plan de Saúde Mental, do Plan de Drogodependencias e da atención sociosanitaria.
  • -        Eliminación da actividade dos hospitais públicos pola tarde, desviando aos pacientes a centros privados concertados o que ocasionou o incremento das listas de espera.
  • -        Anuncio do peche dos servizos de radioloxía de urxencia nos hospitais comarcais para concentralos nun só centro, afastando aos pacientes dos especialistas, limitando a realización de ecografías e substituíndoas por TACs, máis caros e que someten a radiación innecesaria ao paciente. Os informes radiolóxicos pretenden que os fagan os radiólogos nos seus domicilios ou nas empresas privadas.
  • Asignación da Nova Central de Chamadas (112) a unha empresa privada coa sede en León e cos seus traballadores en Sudamérica.
  • Inicio do proceso de desmantelamento das áreas sanitarias, necesarias para a planificación e a asignación equitativa  dos recursos sanitarios.
  • Anulación de todos os acordos alcanzados cos sindicatos nas Mesas Sectoriais que contemplaban melloras salariais e das condicións de traballo, volvendo aos contratos lixo.
 Todo isto ten como resultado unha importante perda de calidade da atención que se presta dende o sistema sanitario, e a cidadanía xa está comezando a padecelo.
Núñez Feijoo e o seu goberno saben que esta política é incompatible co mantemento da Sanidade Pública, xa que os enormes custos e o endebedamento asociados ao financiamento privado non poden ser asumidos, e menos aínda no contexto dunha crise que reduce os ingresos da facenda pública. A Xunta coñece perfectamente os sucesivos informes dos Tribunais de Contas de Valencia e Madrid que denuncian o enorme endebedamento sanitario que leva a bancarrota á estas comunidades autónomas por recorrer ao financiamento privado para os novos centros sanitarios.

A pesares desta evidencia, recorrer a colaboración público-privada (PFI) constitúe un dos alicerces craves da estratexia política de Núñez Feijoo pois:
  • Permitiralle ocultar o endebedamento da CCAA que por ser contraído pola fórmula PFI non se contabiliza como tal nin aparece reflectido no orzamento autonómico. 
  • Proporcionaralle unha importante baza electoral de cara ás próximas eleccións como é construír novos hospitais e centros de Saúde cuxos sobre custes pagaran as futuras xeracións.
  • Proporcionaralle a xustificación para introducir o copago, acabar coa universalidade da oferta sanitaria pública e privatizar boa parte do sistema, dada a imposibilidade de facer fronte ao pago do enorme endebedamento contraído co sector privado.
  • Permitiralle, tamén, aparecer como líder neoliberal  comprometido coa privatización sanitaria e facilitaralle o apoio político e económico dos bancos, grandes construtoras e multinacionais da sanidade, beneficiarios directos do modelo sanitario que quere implantar.
  • Por todo isto non é previsible que o actual presidente da Xunta de Galicia cambie de estratexia, salvo que a maioría da cidadanía, das veciñas e veciños, das traballadoras e traballadores sanitarios (e ata unha grande parte do sector empresarial galego) sexan conscientes de que esta política terá serias consecuencias para os seus intereses e necesidades sanitarias.
Para defender á Sanidade Pública deste ataque é necesario conseguir unha enorme mobilización social, que inclúa a toda a cidadanía xa que todas e todos pagaremos as consecuencias de perdela.
Esa enorme mobilización social comeza hoxe, aquí, coa forza de todas e de todos, coa vosa forza, coa forza da razón, na defensa e mellora da Sanidade Pública.
GRAZAS.

0 comentarios:

SOS Sanidade Pública

C. de Saúde do Hío, XA!

C. de Saúde do Hío, XA!
Xa temos os terreos, e o SERGAS que fai? Enredar.
Queremos médico todo o ano!

Polo CAR para o Morrazo

Redes sociais

Síguenos

100% público

100% público

POVI$A: listas de espera

POVI$A: listas de espera
Pola redución das listas de espera en POVI$A
As listas de espera cirúrxicas de POVI$A son as máis grandes de todos os hospitais de Galicia. Das listas para consultas externas e probas diágnósticas nada se sabe, por estar ocultas á opinión pública.
A Plataforma quere contrastar a campaña de desinformación do SERGAS e de POVI$A cos datos reais aportados pola propia cidadanía, por iso pedimos a súa colaboración.
Reclame en atención ao doente de POVI$A ou acuda á Inspección Médica e póñase en contacto connosco enviándonos unha copia ou unha mensaxe, dirixíndose ao apto. 146 de Cangas ou por email a plataformasanidadecangas
@gmail.com
.

Informe POVISA

Kiko da Silva

Kiko da Silva

Alianza Social do Morrazo

Alianza Social do Morrazo

Páxinas vistas

Powered By Blogger