27 feb 2014

postheadericon O Morrazo tamén participou na convocatoria da Alianza Social Galega cunha manifestación en Cangas


Texto do Manifesto lido ao final da Manifestación de Cangas

Boas noites compañeiros e compañeiras:
Grazas por acudirdes á mobilización do Morrazo, convocada tamén en moitos outros lugares de Galicia.
A continuación Henrique Harguindey, profesor xubilado, e Mónica Molanes da Asociación Feminista "Púrpura" darán lectura ao manifesto da Alianza Social Galega “Por outra saída da crise”.


POR OUTRA SAÍDA DA CRISE
As organizacións e entidades que conformamos a ALIANZA SOCIAL GALEGA buscamos unha resposta  colectiva ás nefastas políticas antisociais que impoñen os Gobernos de Galicia e o Estado español coa coartada da crise e do pagamento dunha débeda pública ilexítima, seguindo os ditados da Unión Europea, do Fondo Monetario Internacional, do Banco Central Europeo e da patronal neoliberal. Por iso estamos hoxe de novo aquí para denunciar os novos recortes impostos polo Partido Popular que só conseguen aumentar aínda máis o paro, a emigración, os desafiuzamentos, o empobrecemento e a exclusión social de máis galegos e galegas.

En Galicia xa superamos as 271.500 persoas paradas que queren traballar e non atopan emprego; case o 45 % carecen de cobertura de ningún tipo; 77.164 persoas entre 25 a 34 anos abandonaron Galicia nos últimos anos (unha media de 30 persoas por día). Á destrución dos sectores produtivos básicos (agrario, pesqueiro, etc.) e do sector industrial (con especial gravidade no naval) e a desertización do medio rural, engádese o desmantelamento do sector financeiro galego.
A resposta do Goberno da Xunta foron uns orzamentos para 2014 que non conteñen medida ningunha para reactivar a actividade; un orzamento que recorta os recursos para as políticas de emprego en case un 10 %; que renuncia ao investimento público como motor da actividade económica e pulo dos nosos sectores produtivos; que diminúe os orzamentos en políticas de sanidade, educación, servizos sociais e tamén os destinados aos gastos do persoal que traballa nestes ámbitos, afondando na deterioración dos servizos públicos.
Unha cousa é a panorámica que nos queren vender desde o poder e outra cousa moi distinta son os efectos das nefastas medidas antisociais que a cotío están a sufrir as grandes maiorías.


OUTRO RECORTE ÁS PENSIÓNS
Non satisfeito co recorte aplicado ás pensións no 2012, en chegando ao Goberno o PP aproba unha reforma á medida da banca e das aseguradoras. Xa non se asegura o IPC nas pensións actuais: nunha pensión mensual de 1.000 euros pérdense 95 euros ao mes, 1.330 euros ao ano. En Galicia, esta reforma empobrece máis o noso pobo porque temos os salarios máis baixos.

RETROCESOS NO ENSINO PÚBLICO GALEGO
A nova reforma educativa (LOMCE) é ideolóxica, clasista, recentralizadora e ao servizo dos mercados: liquida a xestión democrática dos centros; desbota a educación en valores cívicos e democráticos; é contraria ao ensino laico e reforza o papel da materia de relixión no currículo; está imbuída de afán privatizador e mesmo subvencionador de centros que segregan alumnado por razón de sexo; e amosa un desprezo total polo galego e pola conformación plurinacional, plurilingüística e pluricultural do Estado.
Os decretos de bolsas e axudas ao estudo e o decreto de comedores fan recaer nas clases máis desfavorecidas os efectos da crise.

AGRESIÓNS Á SANIDADE PÚBLICA
O principal perigo que corre a sanidade pública galega é a súa total privatización. A introdución de copagamentos dificulta o acceso da poboación e pon en risco a saúde das persoas máis enfermas e con menos recursos.
A deterioración da sanidade pública tamén se manifesta na falta de persoal, ao aplicar unha taxa de reposición do 10 % de efectivos que axiña fará imposible prestar unha atención sanitaria de calidade.

PARALIZACIÓN E MARCHA ATRÁS NA APLICACIÓN DA LEI DE DEPENDENCIA
O Goberno central non vai achegar nin un só euro este ano para a atención á dependencia e a Xunta está anulando a concesión de axudas xa recoñecidas a persoas con discapacidade para recortar gasto (Galicia ten a maior lista de espera do Estado na dependencia). Ademais, reduciuse nun 49 % o salario das persoas coidadoras e suprimiuse a cotización da seguridade social.

PRIVATIZACIÓN DE SERVIZOS PÚBLICOS MUNICIPAIS
A posta en marcha da nova Lei de réxime local reforzará o centralismo e suprimirá os servizos chamados “impropios” o que derivará na privatización dos mesmos para os que os podan pagar. De novo os maiores, os discapacitados, e os excluídos sociais, etc. son os principais perxudicados.

O ATAQUE AOS DEREITOS SEXUAIS E REPRODUTIVOS DAS MULLERES
A contrarreforma da Lei do Aborto é un dos retrocesos máis graves dos últimos trinta anos. Pásase dunha normativa de prazos a outra de  dous supostos quedando excluído o de anomalías fetais vixente na lei actual. Estamos ante un brutal retroceso democrático, negándolle as mulleres o dereito a decidir sobre o seu propio corpo.

AS TRABALLADORAS E TRABALLADORES AUTÓNOMOS TAMÉN  AO PARO 
No período 2009-2013, perderon o emprego 11.124 persoas traballadoras autónomas en Galicia, colectivo que representan o 21,31 % da nosa poboación ocupada.

IMPLÁNTASE UN ESTADO POLICIAL COA REFORMA DA LEI DE SEGURIDADE CIDADÁ E DO CÓDIGO PENAL
A contestación social a estas políticas económicas e ás reformas laborais, que recortan dereitos e precarizan as condicións de traballo, quérese reprimir utilizando unha nova “Lei de Seguridade Cidadá”. Mostra desta deriva represiva é a recente condena a prisión de dous traballadores de Vigo por exerceren os seus dereitos. Contrasta coa actitude tan escandalosamente  permisiva con respecto aos delitos económicos impunes que cometen os amigos e amigas do partido gobernante e o capital financeiro.

REFORMA DA LEI HIPOTECARIA
Máis de nove mil familias foron desafiuzadas en Galicia desde que comezou a crise. Persoas que perden a súa vivenda e, moitas veces, ven embargadas as nóminas, ingresos ou propiedades ao seu nome. Son familias condenadas á exclusión social polos abusos das entidades financeiras e por un Goberno cómplice.

Amigos e amigas, compañeiras e compañeiros:
Este é a grandes liñas o panorama de moitos e moitas xóvenes, discapacitados e discapacitadas, persoas maiores, mulleres e homes que sofren en solitario no silencio dos seus fogares e dos seus corazóns o drama das súas vidas.
Desde aquí, queremos facer un chamamento solidario, pero tamén de rebeldía cívica; de loita contra o saqueo descarado e polos nosos dereitos pisoteados. Que esta manifestación de hoxe sexa un paso no proceso unitario e decidido para erradicar as políticas neoliberais crueles e inhumanas; e aos que as apoian desde os gobernos de Madrid e Compostela.
Adiante a rebeldía!!
Imos por eles!!

0 comentarios:

SOS Sanidade Pública

C. de Saúde do Hío, XA!

C. de Saúde do Hío, XA!
Xa temos os terreos, e o SERGAS que fai? Enredar.
Queremos médico todo o ano!

Polo CAR para o Morrazo

Redes sociais

Síguenos

100% público

100% público

POVI$A: listas de espera

POVI$A: listas de espera
Pola redución das listas de espera en POVI$A
As listas de espera cirúrxicas de POVI$A son as máis grandes de todos os hospitais de Galicia. Das listas para consultas externas e probas diágnósticas nada se sabe, por estar ocultas á opinión pública.
A Plataforma quere contrastar a campaña de desinformación do SERGAS e de POVI$A cos datos reais aportados pola propia cidadanía, por iso pedimos a súa colaboración.
Reclame en atención ao doente de POVI$A ou acuda á Inspección Médica e póñase en contacto connosco enviándonos unha copia ou unha mensaxe, dirixíndose ao apto. 146 de Cangas ou por email a plataformasanidadecangas
@gmail.com
.

Informe POVISA

Kiko da Silva

Kiko da Silva

Alianza Social do Morrazo

Alianza Social do Morrazo

Páxinas vistas

Powered By Blogger