26 sept 2013

postheadericon Balance dun ano da Plataforma presentado na asemblea do 25 de setembro

Un ano máis de actividade da Plataforma para a Defensa da Sanidade Pública de Cangas marcado pola profundización das medidas de recorte, copago e privatización emprendidas polos gobernos de Madrid e Compostela. A crise estase aproveitando como excusa para rescatar á banca e apretar o cinto no pescozo das maiorías sociais, transferindo a riqueza económica, acumulada tras décadas de esforzo e loita de xeracións, para as contas dos máis poderosos. O proxecto ultraliberal de Rajoy e do PP supuxo a perda do dereito universal á asistencia sanitaria e continúa co “austericidio” diario que trae consigo o deterioro da calidade asistencial nos hospitais e centros de saúde, sempre en beneficio dos capitais de escala global, ben en forma de fondos de investimento radicados en paraisos fiscais ou multinacionais, que como ávidos carroñeiros se apresan a devorar o expolio do patrimonio público; dos bens comúns; do chamado estado de benestar.
A boa noticia é que a cidanía, aínda que vítima do “shock” do desastre programado, tamén reacciona. Neste sentido, a Plataforma esforzouse por abrir espazos onde moitas persoas tiveron a oportunidade de erguer a súa voz colectivamente contra a desfeita. Consideramos, por tanto, que a Plataforma somos todos e todas os e as que a vimos apoiando de moitas maneiras nestes tres anos que se cumpren agora desde a súa constitución. Fomos moita xente, pero temos que ser aínda máis.
Como constatación do que dicimos, a continuación facemos un breve relatorio das propostas, iniciativas e convocatorias impulsadas pola Plataforma para a Defensa da Sanidade Pública desde setembro de 2.012.

No mes de outubro do pasado ano participamos na manifestación que tivo lugar en Vigo contra os retrasos, a privatización, as mentiras e os recortes no Novo Hospital de Vigo.

Tamén neste mes, e diante da convocatoria das eleccións autonómicas organizamos un debate con representantes dos distintos grupos políticos. Participaron o BNG, Compromiso por Galicia, AGE e PSdeG-PSOE. Os e as asistentes puideron coñecer, así, as súas propostas no eido sanitario.
A comezos de decembro organizamos unha concentración diante do Centro de Saúde de Cangas na que participou o persoal sanitario e veciños e veciñas de Cangas contra a privatización e polo mantenemento do emprego no sector sanitario. Tamén expresamos a solidariedade coa loita contra as privatizacións reemprendida cunha virulencia extrema na CA de Madrid.
No pasado mes de xaneiro e previamente ao debate orzamentario no Parlamento de Galicia as Plataformas de Cangas e Moaña tivemos un encontro cos distintos grupos parlamentarios (o PP decidiu non acudir) para presentarlle as necesidades máis urxentes que considerábamos que había que incluir nas contas de 2013. Fíxose especial fincapé no Centro de Alta Resolución do Morrazo.
Tamén solicitamos unha entrevisa ao Alcalde de Cangas para falar dos orzamentos, pero non tivemos responsa ningunha.

Xa en pleno debate parlamentario, o 19 de xaneiro, nunha mañá coas condicións metereolóxicas peores de todo inverno, acudiron ao chamado da Plataforma máis dun cento de persoas (algunhas moi maiores) aos terreos do Viso para poñer de manifesto a vontade dos veciños e veciñas da parroquia a non renunciar ao Centro de Saúde de Aldán-O Hío.

A comezos de marzo, a Plataforma organizou con outros seis colectivos de mulleres de Cangas unha charla sobre a implantación das revisións xinecolóxicas nos centros de saúde. Nela participaron dous médicos e unha médica do Centro de Saúde de Cangas e do Hospital de Vigo.
Tamén no mes de marzo a Plataforma participou na manifestación convocada en Vigo en rexeitamento das políticas de desmantelamento e privatización da sanidade pública.

Xa en abril, despois de constatar que os orzamentos autonómicos non contemplaban nin un só euro para o Centro de Saúde de Aldán-O Hío, dirixímonos a todos os grupos políticos para que instasen á Xunta a que as obras desen comezo dunha vez por todas. A continuación desde a Plataforma organizamos un encontro entre os grupos políticos e as asociacións de veciños do Hío para dar conta das iniciativas presentadas no Parlamento. A esta xuntanza o PP tamén declinou facer acto de presenza.

No mes de maio publicamos o folleto titulado “Non renunciamos ao Centro de Saúde de Aldán-O Hío” no que a Plataforma se posicionaba con argumentos de peso contra o intento do Alcalde, Sr. Sotelo, de rehabilitar a antiga “Casa do Médico do Hío” como consultorio médico.

Finalmente, no mes de agosto participamos na manifestación convocada polos colectivos veciñais do Hío en demanda da inmediata construción do Centro de Saúde de Aldán-O Hío.

A Plataforma impulsou a creación da Alianza Social do Morrazo que contou co apoio de distintas organizacións sociais, colectivos e sindicatos da comarca.
Coa Alianza colaboramos na manifestación que percorreu as rúas da nosa vila baixo os lemas “CONTRA A LOMCE. Non aos recortes. En defensa do ensino público” o pasado 9 de maio, coincidindo coa Folga Xeral no sector educativo. Contouse nesta ocasión coa participación directa da comunidade educativa: Federacións de ANPAS do Morrazo, sindicatos do ensino e, tamén, estudantes.
AS MULLERES DECIDIMOS. Aborto libre e gratuíto”, foi o chamado da convocatoria de concentración na que participamos a través da Alianza Social no Morrazo con distintas asociacións feministas e de mulleres o pasado mes de xuño para responder á contrarreforma da Lei do Aborto.
A Plataforma, desde a súa independencia e apartidismo, aposta por abrir os máis amplos espazos participativos con todo tipo de colectivos, a partir do consenso e os principios democráticos, onde a cidadanía poida erguer a súa voz e responder á ofensiva neoliberal global, conducida nestes momentos polos gobernos ultrareaccionarios do PP en Madrid e Compostela.

0 comentarios:

SOS Sanidade Pública

C. de Saúde do Hío, XA!

C. de Saúde do Hío, XA!
Xa temos os terreos, e o SERGAS que fai? Enredar.
Queremos médico todo o ano!

Polo CAR para o Morrazo

Redes sociais

Síguenos

100% público

100% público

POVI$A: listas de espera

POVI$A: listas de espera
Pola redución das listas de espera en POVI$A
As listas de espera cirúrxicas de POVI$A son as máis grandes de todos os hospitais de Galicia. Das listas para consultas externas e probas diágnósticas nada se sabe, por estar ocultas á opinión pública.
A Plataforma quere contrastar a campaña de desinformación do SERGAS e de POVI$A cos datos reais aportados pola propia cidadanía, por iso pedimos a súa colaboración.
Reclame en atención ao doente de POVI$A ou acuda á Inspección Médica e póñase en contacto connosco enviándonos unha copia ou unha mensaxe, dirixíndose ao apto. 146 de Cangas ou por email a plataformasanidadecangas
@gmail.com
.

Informe POVISA

Kiko da Silva

Kiko da Silva

Alianza Social do Morrazo

Alianza Social do Morrazo

Páxinas vistas

Powered By Blogger