15 jun 2013
Manifesto a prol da necesidade de priorizar a Atención Primaria no Sistema de Saúde
No argumentario neoconservador dominante hai unha falacia
básica para tentar xustificar a demolición
do Sistema Nacional de Saúde (SNS): a crise actual fai insustentable o seu
futuro. Esta afirmación é falsa, pois a porcentaxe do PIB adicado en España a
sanidade é das máis baixas da súa contorna mentres que os seus indicadores de
saúde e satisfacción da poboación son dos máis altos. O que se quere presentar como
un fenómeno natural, imposible de atallar, non é tal; o pensamento clasista e
as políticas impostas polo goberno actual son as que provocan a grave contrarreforma sanitaria que nos
devolve aos anos setenta. Hai outras políticas que se poden aplicar para soster
e mellorar o noso sistema sanitario, mais as decisións adoptadas baséanse nunha
brutal ideoloxía ultraliberal que está a desmontar
o Estado de Benestar que tanto custou construir (perda de dereitos
laborais, privatizacións na educación, na sanidade e nos servizos sociais,
adelgazamento do Estado, laminación dos orzamentos públicos etc).
Na sanidade a vía trazada é clara: o Real Decreto Ley 16/2012 provoca a quebra do modelo de universalidade
e sustitúeo por outro de aseguramento,
impón copagamentos e fragmenta a carteira de servizos
(introducindo a posibilidade de negocio nun futuro próximo para as
aseguradoras). Ademáis o actual goberno introduce modelos de colaboración
público-privado para a construcción e xestión de centros sanitarios, outra área
de negocio para empresas afíns.
O
persoal ben capacitado é o maior activo do Servizo Nacional de Saúde
Pero hai máis: as políticas de xestión do persoal, con
contratos precarios e interinos con ausencia de OPEs, taxas de reposición do
10%, xubilacións obrigatorias aos 65 anos para persoal altamente cualificado
-700 médicos foron expulsados de xeito ofensivo dos seus postos en Madrid-,
reducións salariais importantes, redución dos días de libre disposición e
desaparición dos relacionados coa antigüidade (LDs e vacacións adicionais),
perda do complemento retributivo da Incapacidade Temporal (IT) para enfermidade
común e accidente non laboral ata o día 21 da IT; tamén realizaron unha diminución
drástica das substitucións –con grave prexuízo para o persoal das listas de
contratacións, para o persoal dos centros que sufre a conseguinte sobrecarga
asistencial, e para as usuarias e usuarios que ven reducida a calidade
asistencial-. Xunto a todo isto observamos como o incremento da concertación
coa sanidade privada e as novas formas de xestión das listas de espera
configuran un modelo de política sanitaria que abre novas vías de penetración empresarial no Sistema
Público de Saúde dunha magnitude ata agora descoñecida, nunha estratexia de privatización progresiva do
SNS.
Na crise actual os
principios de universalidade, equidade, eficiencia e calidade dun sistema sanitario gratuíto
son imprescindibles
É certo que o gasto sanitario veu medrando nos últimos anos
por enriba do crecemento do PIB. Tamén se sabe que o aumento constante da
inversión en sanidade, superado un determinado dintel, non se acompaña de
melloras notables nos indicadores de saúde nin na satisfacción dos usuarios.
Ante esta situación as medidas adoptadas foron todas na mesma dirección. Hai castigo para os profesionais (recortes
salariais, deterioro das condicións laborais, precarización dos contratos,
ausencia de OPEs), hai penalización para
os enfermos (copagamentos que gravan a economía familiar, exclusión do
sistema a diversos colectivos da poboacion), e hai tamén un impulso decidido á privatización dos
servizos sanitarios xenerando novas parcelas de negocio ás aseguradoras e ás
poderosas empresas da sanidade privada.
Os impulsores da privatización/externalización falan de eficiencia, de reducir
gastos e de mellorar a atención, mais non é certo: as experiencias previas
teñen demostrado que a xestión privada é máis cara, menos eficiente e provoca
máis inequidade (EEUU gasta tres veces máis do seu PIB que España e ten uns
indicadores de saúde penosos, con grandes capas de poboación sen cobertura
sanitaria e graves inequidades).
Fortalecer a Atención
Primaria
En Galicia os pasos
dados van no camiño contrario ao necesario. O que se necesita en tempos de
crise non é privatizar e introducir o lucro como elemento distorsionador no
SNS. O que se precisa, con urxencia, é
reorientar o sistema sanitario cara a Atención Primaria. O sistema
sanitario público está organizado en dous niveis asistenciais: Atención
Primaria (AP) e Atención Hospitalaria (AH). Nas últimas tres décadas a AP
experimentou unha mellora moi importante. É sinalada polos expertos como o eixo
fundamental do sistema sanitario. Cando actúa como elemento de coordinación e
porta de entrada é máis doado garantir a equidade e o uso racional dos
recursos.
A potenciación da Atención
Primaria é clave para que o modelo sanitario actual sexa sostible
Para poder exercer como eixo
vertebrador do sistema asistencial a AP ten que reunir unha serie de requisitos
básicos: infraestructuras adecuadas, equipamento e dotación tecnolóxica
correcta, profesionais formados e en número suficiente dacordo cos ratios
establecidos, axendas activas que permitan unha xestion efectiva do tempo, implementacion de técnicas diagnósticas e
terapéuticas hoxe secuestradas no medio hospitalario, potenciación da
telemedicina, actividade docente e investigadora etc.
Cómpre priorizar a
Atención Primaria porque é donde se realizan as actividades de prevención
útiles para afrontar as doenzas crónicas, donde se coñece ao paciente no seu
contorno, con atención ao longo de toda a vida, donde estan os profesionais
formados para manexar a cronicidade, donde se fai a educación sanitaria coa
promoción de hábitos saudables e o autocoidado, donde se garante a continuidade
da atención aos pacientes, e donde se debe centralizar a coordinación de toda a
atención, incluída a hospitalaria.
O papel dos
profesionais
Para que o nivel de AP poida realizar estas funcións é
preciso fomentar o compromiso e a
implicación activa dos profesionais, hoxe maltratados pola Administración.
O nivel de implicación e participación é máis ben escaso. A coordinación da
atención aos pacientes debe realizarse a través de vías ou procesos que comezan
e rematan na AP. Sexan procesos con hospitalización ou sen ela os xestores
deberían asumir que este nivel asistencial é a peza clave. O acordo e o
consenso dos profesionais que interveñen en todo o itinerario do paciente é
imprescindible para procurar que estes procesos sexan o máis eficientes
posible. E os profesionais de AP deben asumir a responsabilidade e o
protagonismo para actuar como coordinadores dos procesos de atención á saúde da
nosa poboación. O sistema informático Ianus pode evitar a duplicidade de probas
ou actuacións seguindo guías e protocolos que garantan o uso racional das
mesmas.
Recuperación do Plan
de Mellora
O Plan de Mellora (PM) da AP impulsado polo goberno
progresista (2005-2009) foi abandoado polo actual goberno. Dito Plan, que
debería desenvolverse ata 2013, servíu para impulsar diversas medidas en relación
cos recursos humanos, a mellora da calidade asistencial e a xestión clínica,
que potenciaron de xeito notable o papel deste nivel asistencial. Despois
destes anos de retroceso tería que haber un novo impulso político (hoxe
inexistente) para recuperar o tempo perdido.
-
Recursos humanos. Cómpre detectar e
corrixir os puntos asistenciais deficitarios e, no caso dos facultativos,
haberá que facer un estudio e actualización das cotas sobrecargadas e, en todo
caso, sempre se deben ocupar as vacantes producidas polas xubilacións (hoxe a
taxa de reposición é do 10%). Por outra parte as Unidades de apoio
(fisioterapia, saúde bucodental, matronas e traballo social) deben extenderse a
toda a xeografía dacordo cos criterios establecidos no PM. Tamén é preciso
garantir unha maior substitución dos profesionais (cos criterios establecidos
no seu día en Mesa Sectorial) e abandoar a realización de contratos precarios,
que a día de hoxe son cada vez máis frecuentes en todas as categorías profesionais.
-
Calidade. O acceso á petición de probas
pola AP debe realizarse nas mesmas condicións que o resto de especialidades.
Tamén é preciso continuar co equipamento dos centros de saúde de forma
equitativa en toda a xeografía galega. Hai que recupear a elaboración dos ADX-S
(Acordos de Xestion que reflexan os obxectivos anuais dos centros asistenciais)
de forma colaborativa, e procurar un deseño participativo na definición das
estretexias da Área Sanitaria.
-
Xestión clínica. No PM establécese que os
profesionais de AP deben ser axentes de saúde dos pacientes e actuar como
xestores de casos e os especialistas hospitalarios actuarán como consultores.
Tamén se recoñece que a atención aos doentes crónicos e pluripatolóxicos debe
estar centralizada en AP.
As Xerencias de
Xestión Integrada
Estes que vimos de referir son alguns dos elementos que
deberían ter en conta os actuais gobernantes se tivesen como obxectivo procurar
a sustentabilidade dos servizos sanitarios públicos: fortalecer a AP e mellorar a coordinación e a integración de niveis
mediante a instauración de procesos asistenciais compartidos e coordinados
desde AP. Mais a ferramenta impulsada, as Xerencias de Xestión Integrada (XXI),
pode provocar unha deriva hospitalocéntrica
que aumentará o gasto sanitario de xeito incontrolable. Nun contexto de
fragmentación e fomento de estratexias privatizadoras, as XXI son algo máis que
unha operación cosmética, xa que procuran a creación dun órgano de control,
centralizado e burocrático, mentres reducen a AP a un mero apéndice da AH
–anulando a posibilidade de que poida fortalecerse-. Neste modelo a AP queda
relegada a un papel subalterno pero funcional co obxectivo de controlar a porta
de entrada á AH e para realizar a selección de pacientes e patoloxías dacordo
con criterios de rendibilidade económica.
Temos que evitar a deriva
hospitalocéntrica que supoñen as Xerencias de Xestión
Integrada
En Galicia, nunha fuxida
silenciosa do dereito administrativo público e o seu carácter garantista, estanse
a implartar novos modelos que utilizan o dereito privado para a xestión dos
servizos públicos (Fundacións, Entidades Públicas Empresariais, Concesións tipo
PFI, contratos de colaboración públicoprivada, concertos, contratos de xestión
de Atención Especializada...), que invaden o Sergas e facilitan oportunidades
de negocio para a actividade empresarial privada a expensas dos orzamentos
públicos. Este
diseño -disperso, desordenado e fragmentado- impide a
creación de estructuras asistenciais
integradas que procuren a mellora e a eficiencia na atención dos pacientes,
pero facilita a actuación de axentes privados externos que acuden en procura de
lucro en detrimento da xestión pública e do interese xeral.
A incapacidade de
conseguir financiamento privado para a construcción dos hospitaisde Vigo e Ourense demostra
a inviabilidade do modelo público-privado cos niveis de gasto sanitario actuais no
noso país
Por todo o descrito entendemos que o modelo das XXI, na vez
de mellorar a coordinación de niveis, perpetúa
a fragmentación da atención supeditando a AP aos intereses da xestión dos
hospitais, condebidos como empresas que compiten entre sí nun mercado
sanitario aberto e disfuncional. Para procurar unha maior eficiencia é preciso
instaurar unha atención coordinada donde a AP participe, en condicións de
igualdade co resto dos servizos, na planificacion e xestión dos procesos
asistenciais, tanto intra como extrahospitalarios.
Mais, co deseño actual, consideramos que as XXI representan un paso atrás na
mellora da xestión sanitaria e supoñen un perigo certo para o futuro da
sanidade pública. Por eso reclamamos, de novo, que se poña freo á implantación
deste modelo, que se incrementen os orzamentos de AP e que se inicie un proceso
de debate público para garantir a continuidade e mellora do sistema sanitario
sen poñer en risco os avances xa acadados.
Decálogo para mellorar a eficiencia do sistema sanitario
- Reorientar o sistema sanitario cara a Atención Primaria.
- Convertir a A.P. no eixo vertebrador do sistema asistencial, centralizando a coordinación de toda a atención na A.P.
- A coordinación da atención aos pacientes debe realizarse a través de vías ou procesos, baseados na racionalización do gasto, e que comezan e rematan na AP.
- Fomentar o compromiso e a implicación activa dos profesionais na xestión e toma de decisións, para que asuman a responsabilidade e o protagonismo, e poder actuar como coordinadores dos procesos de atención á saúde da nosa poboación.
- Recuperar e readaptar o Plan de Mellora á situación actual
- A equidade cos pacientes debe prevalecer en todos os niveis asistenciais (áreas,centros, profesionais…)
- A solicitude de probas complementarias debe de ser accesible para todos os niveis do sistema, baseada na patoloxía do doente segundo os protocolos establecidos.
- Poñer freo á implantación do modelo de Xerencias de Xestión Integredas (XXI)
- Os consensos, e non as imposicións, deben de primar en todas as actuacións sanitarias, incluídos os ADX (Acordos de Xestión).
- Impedir o acceso á historia clínica dos pacientes por parte de persoal alleo ao sistema público de saúde (Mutuas, Sanidade privada…)
Texto elaborado por:
Xosé Luís Álvarez Prieto, Concepción Cruces Artero, Manuel-V. Fernández Fernández,
Manuel González Moreira, Manuel Martín García, Bernardino Pardo Teijeiro, Jesús
Rey García, Celso Sánchez González, José Emilio Santiago Nieto, Jesús Sueiro
Justel, Pablo Vaamonde García.
Galicia, xuño de 2013.
Etiquetas:
atencion primaria
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
Mi lista de blogs
C. de Saúde do Hío, XA!
100% público
Webs adheridos
Kiko da Silva
Plataformas de Galicia
- SOS Sanidade Pública
- Plataforma Contra a Privatización - Pontevedra
- Plataforma en defensa da Sanidade Pública - Área do Ferrol
- Plataforma en Defensa da Sanidade Pública da Área do Barco
- Plataforma en Defensa da Sanidade Pública de Monforte
- Plataforma en Defensa da Sanidade Pública do Barbanza
- Plataforma en Defensa da Sanidade Pública de Marín
- Asociación Pro Sanidade Digna de Ourense
0 comentarios: