18 dic 2012

postheadericon Texto da presentación da ILP e alegato final lidos polo portavoz de SOS Sanidade Pública no Parlamento de Galicia

Bo día a todas e a todos.
Señora Presidenta, señoras e señores deputados:
Estamos aquí en resposta ao berro de auxilio, ao S.O.S. que manda a Sanidade Pública ao conxunto da cidadanía, reclamando a súa defensa.
E estamos aquí pola forza desa cidadanía que, coas súas sinaturas, nos abriu a porta deste Parlamento para poder facer unha proposta de reforma da legalidade, en defensa dos intereses da maioría social.
Con esta iniciativa, e a través de vostedes, queremos reclamar a atención de sectores da sociedade que aínda non son conscientes do que nos estamos a xogar, e o que está en xogo é fácil de explicar: hoxe xogámonos á existencia da Sanidade Pública.


É dicir xogámonos que cando estamos enfermos teñamos un problema de saúde, …que xa chega!, ou teñamos dous problemas, un de saúde e outro económico, pois teremos que pagar unha parte da asistencia sanitaria, mediante copagos, repagos ou taxas, ao fin con un novo imposto á enfermidade.
E unha parte do que pagaremos será para incrementar os dividendos dos accionistas de grandes grupos financeiros e económicos, é dicir para que algúns fagan negocio coa nosa enfermidade, co noso sufrimento.
Somos conscientes de que para uns poucos isto non será un problema, pero tamén o somos de que nunha sociedade como a nosa, envellecida, coas pensións máis baixas do estado e os salarios, como o emprego, en franco retroceso, a desaparición da Sanidade Pública pode supoñer que moitas persoas non podan acceder aos tratamentos que precisan, ou non podan manter a continuidade dos mesmos.
Si, señoras e señores deputados, está nas súas mans continuar coas medidas políticas que só benefician a uns poucos e prexudican a moitos, persoas con enfermidades crónicas, pensionistas, etc. Ou cambiar esas medidas e apostar pola Sanidade Pública para todas e todos.
Señoras e señores deputados, vostedes xa saben que o problema non é que gastemos moito en sanidade, non lles vou descubrir que a nosa Sanidade pública custa moito menos que a da media dos estados da Unión Europea, e ademais ten os mellores resultados en saúde, vostedes sábeno ben e presumen diso cando lles interesa.
O que non din e que a Sanidade Pública é eficiente polo esforzo das e dos profesionais que traballan nela, que teñen que soportar peores condicións de traballo e económicas que as do resto da Unión Europea.
O que non foi eficiente foi a xestión privada de bancos, empresas construtoras e de comunicacións que inflaron  a burbulla e causaron a crise.
O problema é que unha parte de vostedes decidiu crear un sistema de financiamento para a Sanidade Pública baseado nos impostos relacionados co consumo, e non nas necesidades reais da prestación do servizo público, o que descapitaliza o Sistema Sanitario público  e contribúe, xunto cos recortes, a diminuír a calidade asistencial e poder xustificar así a posta en marcha das medidas privatizadoras.
Pero foi unha decisión política o seu modelo de financiamento, como o foi iniciar a súa privatización, non son razóns técnicas, non nos mintan…, non é que non haxa outro remedio, o remedio está nas súas mans, e a cidadanía ten que sabelo, o remedio está en que vostedes decidan apostar pola Sanidade Pública.
Pola contra, algúns deciden apostar por unha falsa austeridade que pon as bases para a privatización dos servizos públicos e para suplantar a seguridade social pública por un sistema privado de pensións. Esta falsa austeridade extenúa aos empregados públicos contra os cales teñen posto en marcha unha extraordinaria campaña de terror económico e desprestixio social.
A Plataforma cidadá SOS Sanidade Pública promove a Iniciativa Lexislativa  Popular coa finalidade de deter a política de recortes e privatizacións da Sanidade Pública impulsada polo Goberno Galego.
Con esta Iniciativa lexislativa intentamos garantir o dereito constitucional á protección da saúde da cidadanía galega, no marco dunha sanidade pública, financiada e xestionada pola administración pública e que respecte os seus principios fundamentais: universalidade, equidade, gratuidade, carácter redistributivo, planificada por necesidades e participativa, garantindo un funcionamento democrático, transparente, realmente efectivo e avaliable, dos órganos de participación, nos que están incluídas as asociacións de pacientes, órganos estes xa previstos na lexislación sanitaria vixente, cuxa actividade é actualmente, no fundamental, meramente propagandística e baleira de contido.
En duro contraste cos principios enunciados, sufrimos nos últimos tempos unha campaña neoliberal de ataque e desmantelamento dos sistemas públicos de saúde, que encontrou un firme aliado no Goberno galego.
A decisión de combinar unha redución do orzamento sanitario co recurso ao sector privado para construír, restaurar, equipar e xestionar os centros sanitarios leva ao sistema a unha situación de limitación dos recursos necesarios para o mantemento da actividade dos servizos, e a un grao de endebedamento incompatíbel co sustento do sistema público que manteña as condicións de universalidade e gratuidade, e que garanta a accesibilidade á atención de saúde en condicións equitativas para toda a poboación.
Quen defendemos a Sanidade Pública sabemos que é manifestamente Mellorable, e levamos anos reclamando as medidas necesarias para facelo.
Pero as medidas que se tomen para Mellorala, teñen que respectar o marco da propia Sanidade Pública e potenciar os seus valores.
O que se pretende agora é romper ese marco e rematar con eses valores e introducir os valores do MERCADO.
En contra do que din, xa non tratan de mellorar a sanidade pública ou de introducir medidas que garantan a súa supervivencia.
O que intentan é liquidala, liquidala por traspaso aos grandes grupos financeiros internacionais, que como todas e todos sabemos teñen unha fonda preocupación pola nosa saúde, …si xa saben, eles mesmos o dixeron, están preocupados pola alta supervivencia das persoas e pensan que isto pode supoñer un problema para os seus intereses nos fondos de pensións.
O conxunto das medidas de recorte e privatización supoñen, entre outras cousas:


  • Recortes do gasto sanitario público e incremento dos concertos con centros privados.
  • Pagos de receitas por parte de pensionistas e a supresión do financiamento público de máis de 400 medicamentos.
  • Pago por transporte non urxente en ambulancias, por próteses, cadeiras de rodas, muletas e alimentos especiais para pacientes graves.
  • Proxectos de privatización de hospitais como os de Vigo e Pontevedra.
  • A paralización da construción de 66 centros de saúde (reducidos a 15 e coa metade de recursos previstos).
  • O abandono da Atención Primaria e a paralización do seu plan de mellora, o que contradí as recomendacións dos organismos internacionais de que só unha Atención Primaria forte pode preservar a saúde da poboación, especialmente en tempos de crise económica.
  • Desmantelamento das áreas sanitarias coa desculpa do aforro, para favorecer os intereses privados.
  • Mantemento do concerto singular co hospital privado POVISA, defendendo, sen concesións, un concerto singular inédito no Estado, que só conseguiu multiplicar por tres as listas de espera da poboación da súa área de influencia.
  • Privatización dos servizos de información, plataforma informática, central de compras, etc que beneficiaron a empresas amigas. A privatización da xestión das Tecnoloxías da información e da plataforma loxística supuxo a infrautilización dos excelentes profesionais de que dispón o SERGAS mentres se poñen os recursos e os datos da poboación galega, especialmente sensibles, en mans privadas.
  • A aplicación do Real Dercreto16/2012 que pretende acabar coa asistencia sanitaria gratuíta, e que crea unha oferta de servizos limitada que obrigará a pagar polos non incluídos na mesma.
  • A retirada do acceso universal á Sanidade Pública e o recoñecemento do dereito á asistencia para quen teña a condición de “asegurado”, deixando fora a persoas excluídas ou inmigrantes sen papeis.
  • A paralización da actividade dos hospitais públicos pola tarde o que incrementou nunha terceira parte os tempos de espera, polo que hai máis de 40.000 pacientes nas listas de espera públicas e outro tanto nas ocultas.
  • Despedimentos e contratacións en precario de centos de profesionais da sanidade pública de todas as categorías.


Neste contexto, a cidadanía, organizada en torno á Plataforma SOS Sanidade Pública, decide por en marcha unha iniciativa para cambiar a normativa legal que impida que continúen a tomarse estas medidas e que se recupere o carácter de servizo público da sanidade.
O artigo 43 da Constitución recoñece o dereito á protección da saúde, correspondendo aos poderes públicos organizaren e tutelaren a saúde pública, mediante as medidas preventivas, as prestacións e os servizos necesarios.
É competencia da Comunidade Autónoma de Galiza, consonte aos artigos 148 e 149 da propia Constitución e ao artigo 33 do Estatuto de Autonomía de Galiza, o desenvolvemento lexislativo e a execución da lexislación básica do Estado en materia de sanidade interior, así como en materia de Seguridade Social, excepto as normas que configuran o seu réxime económico.
A Lei que presentamos opta expresamente pola xestión pública directa das institucións sanitarias do Sistema de Saúde de Galiza, na liña histórica marcada pola Lei xeral de sanidade do ano 86. Rexéitanse así as fórmulas de colaboración público-privada, PFI, PPP, ou calquera outra que supoña rematar coa xestión pública directa das institucións sanitarias, ou dos seus recursos tecnolóxicos, con experimentos en xestión como o socio tecnolóxico, forma de “colaboración público-privada” para a xestión de equipos tecnolóxicos de diagnóstico, incluíndo a imaxe médica (xa actualmente, o 50% das Resonancias Magnéticas de Galiza son de xestión privada).
En países do noso contorno, estas fórmulas de colaboración público-privada xa produciron un contrastado empeoramento da calidade asistencial e un enorme aumento dos custos sanitarios.
Con esta Iniciativa Lexislativa pretendemos:
  • Recuperar a Sanidade pública como servizo universal, gratuíto e de calidade, como responsabilidade do Goberno galego
  • Recuperar a xestión pública e directa do Sistema de Saúde de Galiza, para o que a Comunidade Autónoma manterá o carácter público da titularidade, financiamento, xestión e provisión dos servizos sanitarios e socio-sanitarios. Ademais a prestación e xestión dos servizos sanitarios e socio-sanitarios do Sistema de Saúde de Galiza deberá levarse a cabo con recursos públicos.
  • Pretendemos tamén mellorar a capacidade resolutiva en atención primaria, para logralo, o Servizo Galego de Saúde promoverá de xeito prioritario, coa dotación necesaria de persoal e medios tecnolóxicos, a mellora da capacidade resolutiva dos servizos de atención primaria, cunha cobertura equilibrada en todo o territorio galego e para toda a poboación, como instrumento fundamental de mellora da atención sanitaria.
  • Mellorar a  xestión sanitaria configurando un sistema de xestión descentralizado territorialmente, promovendo a autonomía das áreas sanitarias como espazo para a planificación e xestión unitaria dos recursos sanitarios, e a coordinación cos sociosanitarios, que garanta a equidade e a racionalidade, sen que isto supoña a renuncia a decisións centralizadas sobre cuestións concretas que melloren a efectividade das decisións.
Como dicía ao principio, coa presentación desta Iniciativa Lexislativa Popular hoxe, neste Parlamento, xogámonos á existencia da Sanidade Pública.
Se vostedes deciden aprobala teriamos dado un paso moi importante, non estaría a batalla gañada, pero sería moito máis fácil facelo.
Se a maioría de vostedes deciden non aprobar esta iniciativa, a cidadanía organizada entorno á plataforma SOS Sanidade Pública continuará a defender, en todos os ámbitos onde lle sexa posible, a necesidade dunha Sanidade Pública Universal, gratuíta e de calidade. Será máis difícil facelo, pero sabemos que, se conseguimos chegar a explicarllo á maioría da cidadanía, temos tantas razóns do noso lado que ao final o conseguiremos.
E vostedes, as e os que hoxe aquí actúen contra a Sanidade Pública terán que explicalo.
En todo caso saúde PÚBLICA para todas e todos.



ALEGATO FINAL

Sr. Presidente ,
Sra Conselleira,
Señoras e Señores deputados:

A decisión que toman os deputados do Partido Popular, de non apoiar esta ILP é un claro mísil á liña de flotación do Sistema Sanitario Público, nos termos que hoxe o coñecemos, universal, equitativo, redistributivo, e gratuíto no momento do uso, e evidentemente tendrano que explicar a cidadanía á que representan.
A Plataforma SOS Sanidade Pública non o vai a consentir e seguirá opoñéndose, mais alá das paredes desta cámara que representa á Galicia real, que permanece preocupada e atenta ao que aqui debatimos. 
A senda que hoxe toman, é continuación de unha decisión política que o PP decideu a nivel estatal dende o ano 2005, de desmantelamento do Sistema Sanitario Publico universal e gratuíto, financiado por impostos, que nos demos en 1986 a través da Ley Xeral de Sanidade.
É unha estratexia que vostedes veñen  aplicando conscientemente en Comunidades autónomas como Valencia, Madrid ou Murcia, en épocas de bonanza económica. Agora coa desculpa da crise a levan o seu extremo máximo, coa misión de desviar diñeiro publico para intereses e beneficios privados. Digan o que digan e neguen o que neguen.
A política da Xunta de Galicia, do PP, de recortar a inversión en sanidade e políticas sociosanitarias dende o ano 2009, esta a descapitalizar o sistema sanitario público, desfacendo unha atención sanitaria que é a mais barata de Europa e cós mellores índices de saúde como recoñece a OMS.
 Fan así o que desexan: desprestixiar o Sistema Sanitario diminuíndo a súa calidade asistencial e incrementando o negocio da Sanidade Privada. O saben perfectamente vostedes, e a cidadanía fora de esta cámara, tamén.
Por elo este alegato final é tamén unha liña para que nos libros de historia quede constancia de quén e con qué pretextos destruíron a envexada xoia da coroa do noso estado de Benestar “ A Sanidade Pública”.

Esta todo claro xa: nin vostedes son inexpertos privatizadores recén chegados, nin nós, os sectores mais atentos da sociedade galega, somos novos defendendo a Sanidade Pública. Levamos vinte anos opoñendonos ás politicas privatizadoras que o actual presidente da Xunta impulsou coa creacion de MEDTEc e do fiasco das Fundaciones Hospitalarias.

Este que damos hoxe é un paso mais desa dura confrontación, na que vostedes pretenden a entrega e regalo á Iniciativa privada de infraestruturas tan vitais como é o Novo Hospital de Vigo, que conscientes do que facían e por motivos ideolóxicos e de interés económico privado, fixéron encallar nas rochas.
Velaí parado como un patético monumento á codicia, á mentira e á incompetencia.
A plataforma SOS Sanidade Pública seguira traballando con todas as armas o seu alcance liderando ao noso pobo, a todala sociedade galega que esperta alarmada cada día vendo como a atención á súa saúde peligra, na defensa do estado do benestar e da Sanidade Pública, en colaboración cos profesionais, aós que animamos a tomar exemplo dos seus colegas de Madrid.
 Traicionan vostedes consciente e deliberadamente aos seus votantes maiores e pensionistas, espallados polo pais, aos enfermos crónicos, aos discapacitados, aos inmigrantes,  a quen teñen ou terán graves problemas de saúde.
Na rúa, nos medios de comunicación, nos centros de saúde, nas asociacións veciñais, nas organizacións profesionais, nos hospitais, e en todas as cidades, vilas e lugares de Galicia, en todas partes, terán vostedes incesantes mostras de oposición crecente á desparición da atencion sanitaria pública á saude.
 Aquí solo existen dúas alternativas incompatibles: a que garantiza o dereito a atención sanitaria dos galegos e galegas de tódalas condicións, e a que a nega, entregando os fondos públicos o mercado medieval da saúde.
 

0 comentarios:

SOS Sanidade Pública

C. de Saúde do Hío, XA!

C. de Saúde do Hío, XA!
Xa temos os terreos, e o SERGAS que fai? Enredar.
Queremos médico todo o ano!

Polo CAR para o Morrazo

Redes sociais

Síguenos

100% público

100% público

POVI$A: listas de espera

POVI$A: listas de espera
Pola redución das listas de espera en POVI$A
As listas de espera cirúrxicas de POVI$A son as máis grandes de todos os hospitais de Galicia. Das listas para consultas externas e probas diágnósticas nada se sabe, por estar ocultas á opinión pública.
A Plataforma quere contrastar a campaña de desinformación do SERGAS e de POVI$A cos datos reais aportados pola propia cidadanía, por iso pedimos a súa colaboración.
Reclame en atención ao doente de POVI$A ou acuda á Inspección Médica e póñase en contacto connosco enviándonos unha copia ou unha mensaxe, dirixíndose ao apto. 146 de Cangas ou por email a plataformasanidadecangas
@gmail.com
.

Informe POVISA

Kiko da Silva

Kiko da Silva

Alianza Social do Morrazo

Alianza Social do Morrazo

Páxinas vistas

Powered By Blogger