21 sept 2012

postheadericon A Xunta de Galicia minte e engana á cidadanía e profisionais despois de entregar o Novo Hospital de Vigo a unha empresa que o constrúe na clandestinidade, encollendo as súas dimensións e reducindo a súa calidade construtiva para incremetar, aínda máis, a marxe de beneficios

A Plataforma en Defensa da Sanidade Pública da área de Vigo - SOS SANIDADE PUBLICA demostra documentalmente que todo o que vén afirmando acerca da redución do tamaño, superficie, volume construído, desaparición de servizos e instalacións e a diminución da calidade dos materiais, é certo.
E todas estas diminucións que pretenden, por unha banda garantir o statu quo do negocio sanitario de POVISA, e por outra reducir moi notablemente o investimento empresarial, NON SE ACOMPAÑAN das correspondentes rebaixas no canon que o SERGAS pagará durante 20 anos á empresa.
Demóstrase así que a empresa concesionaria, o SERGAS, a Conselleira de Sanidade e o propio presidente da Xunta menten e enganan -unha vez máis tras as mentiras acerca do financiamento- á cidadanía da comarca viguesa e ao colectivo profesional respecto dunha vital e moi demandada infraestrutura para unha correcta atención da saúde.

Os defensores da sanidade publica de Vigo fixemos un laborioso e prolongado seguimento do devir do NHV coa colaboración de diferentes equipos técnicos e expertos en sanidade, seguimento que debeu sortear as dificultades interpostas polo SERGAS e a empresa concesionaria co ánimo de ocultar o que os medios, profesionais e a cidadanía xa sospeitan: que o Novo Hospital de Vigo non se axusta ao deseño orixinal aprobado e sofre unha importante redución que o fan xa insuficiente para atender as necesidades actuais dunha poboación de 600 mil habitantes.
Coa enorme cantidade de datos que manexamos elaboramos un estudo técnico encamiñado a detectar e a documentar as determinantes diferenzas que existen entre o proxecto orixinal, o licitado e o proxecto construtivo ou de execución.
Non só é posible senón altamente probable, que se estean materializando diferenzas das que aínda non temos probas documentais.
Nas liñas que seguen destácanse as principais diferenzas dunha enorme lista que tempo haberá para publicitar, aínda que moitas delas refírense a aspectos moi técnicos como son os relativos á calidade dos materiais e das instalacións, que evolucionan á baixa e teñen unha enorme repercusión nos custos (e xa que logo na marxe de beneficios) dadas as dimensións do NHV.

Asuntos previos:
  • Segundo os datos procedentes da Xerencia de Urbanismo do Concello de Vigo non consta que o proxecto executivo estea visado nin dilixenciado pola administración, segundo establece a lexislación vixente.
  • Tal como apuntábase mais arriba, as grandes reducións en superficie e calidade de materiais e instalacións non se traducen nunha redución dos custos para o SERGAS co que se traducen nun “mais por menos” para a empresa que ve así unha enorme ampliación de beneficios, a pesar do cal iso non parece un estimulo suficiente para interesar aos bancos no seu financiamento. Sen financiamento obviamente non haberá NHV.
  • No desglose económico, ao custo total estimado en 280.840.000 € súmanse 10.5 millóns de € en concepto de “equipamento non clínico”, pero chama a atención que se engadan case 8 millóns de € en concepto de “sobrecustes en cimentación” (que debería asumir a concesionaria “a risco e ventura”).
  • Igualmente detectamos un moi importante capítulo o do “mobiliario fixo” do cal non atopamos descrición algunha no proxecto, polo que é lóxico deducir que parecerá nun próximo futuro como un sobrecuste que segundo estimacións técnicas ascenderá polo menos a outros 11 millóns máis. Iso significa que o SERGAS debe facer fronte como un “extra” a algo que en calquera proxecto esta incluído no orzamento global.
  • Destes peculiares xeitos a concesionaria obtén uns 29 millóns de € extras mentres o SERGAS mira cara a outro lado.
  • A pesares de que se estipula que a eficiencia enerxética do edificio debe ser de categoría “A”, segundo establece o prego, debido á caída na calidade queda reducida á categoría “B”.
Redución en superficie:
  • Tal e como se detalla mais abaixo, tanto a superficie do hospital como a dos seus aparcadoiros sofren unha importante redución de preto de 16 mil metros cadrados a primeira e case 17 mil a segunda, o que suma un total de case 33 mil metros cadrados (a iso sumaríanse os metros xa desaparecidos antes da licitación correspondentes ao área de hospitalización de coidados mínimos, áreas de investigación e docencia e hotel para familiares de pacientes ingresados).
  • A redución en superficie implica unha lóxica redución dos custos tal como sinala o documento de licitación, pero iso non se cumpre.
  • Na suma de superficie a concesionaria engade, en contra do estipulado, a superficie de instalacións, aumentando así artificial e irregularmente este apartado.
  • A suma das complexas e camufladas reducións de superficie deberían reflectirse nos custos totais do NHV cunha redución estimada dun 17% o que supón un monto de 32 millóns de €. Un hospital máis pequeno debe necesariamente ser mais barato.
  • Resulta deliberadamente confusa a suma de superficies e a súa denominación e en consecuencia pode haber diversas variacións non moi relevantes nas cifras segundo procedan dunha ou outra fonte e de períodos de tempo non coincidentes, como reflexa a táboa que segue, pero en termos xerais os datos macro son concluíntes e están na liña do exposto antes do verán nunha presentación no salón de actos do reitorado que mostran as dúas figuras seguintes.






Cambios no solar do NHV, viarios, aparcadoiros e contorna ambiental:
  • Elimínanse carrís de acceso e modifícanse rotondas.
  • Das 4.350 prazas de aparcadoiro requiridas inicialmente pasouse a 3.600.
  • No cómputo de superficie tamén se suman as ramplas de acceso aos parkings.
  • Prodúcense importantes modificacións nos viarios, beirarrúas, paradas de autobús, xardinería, paisaxismo e mobiliario de exterior como bancos, papeleiras (como exemplo, só hai cinco papeleiras en todo o exterior) todo iso co denominador común da redución dos custos.

Cambios en terminacións de consultas, quirófanos, UCI, salas de exploración, salas de resonancia magnética, habitacións de pacientes, gardería infantil, boxes de urxencias e demais dependencias entre as que destacan as relativas ás UTPR ou área obstétrica:
  • Documéntase unha moi extensa lista de deficiencias, reducións na calidade, acabados e imprecisións en xeral sempre co fío condutor dunha redución nos custos para a empresa concesionaria, en detrimento de a calidade do conxunto e da comodidade para pacientes e profesionais.
Ocultamento de datos ao eliminar comparacións nas camas de pacientes e outros apartados:
Chama a atención que non se faga un cadro comparativo de camas, nin a súa localización, de consultas, quirófanos, áreas de exploración, postos de urxencias, Unidades de Traballo de Parto e Recuperación (UTPR, denominación moderna do correspondente aos antigos paritorios) entre o proxecto inicial e o de execución. Obviamente iso débese á vontade de ocultar os cambios -sempre á baixa- facendo máis difícil a comparación.

Cambios en fachadas, fiestras e cerramentos en xeral:
  • Documéntanse importantes modificacións nas calidades, o que nunha superficie tan relevante como as fachadas do NHV, ten unha gran repercusión á baixa sobre os custos. A titulo de exemplo, o granito da fachada das consultas pasa de ter un espesor de 10 cm a só 3.
  • Os illamentos reducen a súa calidade e motivan que a eficiencia enerxética tal como comentouse xa, pase de categoría A a B.
  •  As cubertas vexetais pasan dunha profundidade de 80 a 25 a 40cm segundo as zonas.
  • A calidade xeral de fiestras e cerramentos sofre importantes desmelloras.
Modificacións en pavimentos, pinturas, revestimentos interiores e falsos teitos:
  • Se non fose suficiente a redución no investimento debido á diminución da superficie construída, promóvese unha severa caída na calidade xeral dos distintos pavimentos das diferentes áreas do NHV, e cando iso é demasiado evidente óptase pola indefinición.
  • Algo paralelo sucede nos revestimentos de paredes e falsos teitos, cuxa calidade cae ás veces ostensiblemente e outras se oculta coa indefinición.
O problema do mobiliario fixo:
  • Iso refírese como antes se avanzaba, a todo o que nunha obra debe ser incluído no orzamento total e non nun capitulo aparte co animo de obter un pago suplementario. Este mobiliario “de obra” para entendernos, son por exemplo os mostradores de información, recepción e os controis de enfermería, as superficies de traballo ou encimeiras con lavabos, os fregadeiros existentes nas consultas, gabinetes de exploración, radioloxía, endoscopias, anestesia, espertar, reanimación, UCI, etc.
  • A iso súmase o que os técnicos denominan “equipamento fixo” (ou suxeito ás paredes), como son os cabeceiros das camas de UCI, reanimación, en Pediatría, as columnas con oxixeno, aspiración etc., cabeceiros e luces das camas de hospitalización ordinaria etc. Tamén comprende unha gran variedade de instalacións fixas como as cámaras frigoríficas de mortuorios, laboratorios, aparellos para o tratamento da auga, esterilización, ofimática.. etc.
  • Todo iso supón un moi importante capitulo que suma como xa avanzamos, uns 11 millóns de € máis.
Grandes instalacións enerxéticas e demais:
  • Trátase dun apartado de gran complexidade técnica que abarca instalacións de moi diversa índole (transporte pneumático, ascensores, cableado, megafonía, TV dixital, seguridade electrónica, centro de datos, subministración de auga e fontanería, grifería, sanitarios, baños prefabricados para as habitacións de pacientes, tamaño das placas de duchas, rega, recuperación de auga, saneamento, calefacción , climatización, certificación enerxética, etc.) Estudarase detalladamente e no seu día emitirase un novo informe.
  • Contémplanse moitas indefinicións e modificacións na calidade.
CONCLUSIÓNS:
Tal e como se detallaba ao principio, atopámonos ante un NHV que se constrúe nunha situación de ocultamento deliberado e que se acompaña de mentiras cando nós demostramos o que afirmamos, que se engaden aos xa publicitados problemas de financiamento que pon en serio perigo a terminación do NHV (e da fervenza de sucesivas mentiras nas que fomos pillando á Conselleira e ao propio presidente da Xunta, mentiras xa tratadas en anteriores comparecencias ante os medios).
Estas mentiras e esta néboa que rodea ao NHV teñen, como demostra este RESUMO, a finalidade de ocultar á cidadanía que o Novo Hospital:
  1. Redúcese de xeito moi considerable (insuficiente xa antes da súa terminación para satisfacer a demanda que xa existe).
  2. Empeora sensiblemente o nivel de calidade construtiva e dotacional.
  3. Ambos os aspectos teñen como misión abaratar á empresa o investimento sen que iso reduza de xeito proporcional os custos que en forma de canon o SERGAS debe achegar durante 20 anos á empresa. Parece que se trataría dun uso aparentemente inadecuado do diñeiro público.
  4. Igualmente é evidente que esta redución de superficie e da súa capacidade de atención ten a finalidade de asegurar ao hospital privado “singularmente concertado”, os niveis actuais de actividade e beneficios económicos na área sanitaria galega onde os recursos hospitalarios son máis insuficientes e as listas de espera máis longas. A derivación de pacientes a Pontevedra é un patético exemplo diso.
  5. Todo iso é unha mostra de que a administración non ten reparos en castigar, en aras dos beneficios empresariais, á poboación do sur de Galicia, a peor asistida e a demograficamente mais puxante, nun intolerable exercicio de discriminación no mais importante para a súa calidade de vida como é a saúde colectiva e individual.
Plataforma en Defensa da Sanidade Pública da área de Vigo
SOS SANIDADE PUBLICA
Vigo, a 20 de setembro de 2012

0 comentarios:

SOS Sanidade Pública

C. de Saúde do Hío, XA!

C. de Saúde do Hío, XA!
Xa temos os terreos, e o SERGAS que fai? Enredar.
Queremos médico todo o ano!

Polo CAR para o Morrazo

Redes sociais

Síguenos

100% público

100% público

POVI$A: listas de espera

POVI$A: listas de espera
Pola redución das listas de espera en POVI$A
As listas de espera cirúrxicas de POVI$A son as máis grandes de todos os hospitais de Galicia. Das listas para consultas externas e probas diágnósticas nada se sabe, por estar ocultas á opinión pública.
A Plataforma quere contrastar a campaña de desinformación do SERGAS e de POVI$A cos datos reais aportados pola propia cidadanía, por iso pedimos a súa colaboración.
Reclame en atención ao doente de POVI$A ou acuda á Inspección Médica e póñase en contacto connosco enviándonos unha copia ou unha mensaxe, dirixíndose ao apto. 146 de Cangas ou por email a plataformasanidadecangas
@gmail.com
.

Informe POVISA

Kiko da Silva

Kiko da Silva

Alianza Social do Morrazo

Alianza Social do Morrazo

Páxinas vistas

Powered By Blogger