5 may 2012

postheadericon A Plataforma diríxese ao Valedor do Pobo para queixarse polas listas de espera de POVISA

Reproducimos o escrito presentado diante do Valedor do Pobo polas plataformas de Cangas e Moaña para queixarse polas listas de espera de POVISA. Malia que unha queixa sobre distintos problemas relacionados cos servizos de saúde no Morrazo-sur fose presentada hai un ano, en concreto, sobre o tema das listas de espera, que tamén se planteaba, non houbo resposta ningunha por parte da Consellería de Sanidade. Comportamento éste un tanto anómalo dunha administración pública que se nega a proporcionarlle os datos a un alto comisionado autonómico e, tamén, extraño comportamento do Valedor do Pobo que non é quen de esixir o que pide e que se teña que limitar a obter os datos sobre as listas da espera da páxina web do SERGAS, como queda reflectido no Informe 2011 que recentemente presentou no Parlamento de Galicia.
A oportunidade de recurrir novamente á queixa queda tamén plenamente xustificada pola alarmante subida dos tempos de espera no último ano, periodo durante o cal, a espera cirúrxica (a única sobre a que se proporcionan datos públicamente) consolidouse na escandalosa cifra dos 100 días por riba da media do resto dos hospitais de Galicia.
A continuación o devandito escrito:



EXPOÑEMOS:
Que na súa contestación de 5 de setembro de 2011 á queixa da Plataforma en Defensa da Sanidade Pública de Cangas/Moaña  sobre o hospital privado POVISA, ao que nos vemos obrigados a acudir os veciños e veciñas de Cangas/Moaña de forma discriminatoria con respecto aos demáis usuarios e usuarias da Área Sanitaria de Vigo, non se fixo ningunha alusión ás listas de espera. Sendo éste un dos temas sobre os que se requería á Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia e dado que a situación desde hai un ano ten empeorado notablemente, é polo que reiteramos a seguinte

QUEIXA:
  1. Desde o primeiro trimestre de 2011 ata o primeiro trimestre de 2012 o tempo de espera media para cirurxía en POVISA ten pasado dos 140,7 aos 185,4 días, consolidándose a diferencia con respecto do resto dos hospitais de Galicia en nada menos que en 100 días. Ademáis, segundo os datos aportados pola páxina web do SERGAS (*) referidos ao primeiro trimestre de 2012, dos 878 pacientes en lista de espera de máis de 12 meses para cirurxía en todos os hospitais de Galicia nada menos que 841 (o 95,78%) agardan en POVISA e que entre os 2.377 en espera cirúrxica entre 6 e 12 meses a este hospital privado lle corresponde a escandalosa cifra de 1.770 (o 74,46%).
  2. Que segundo o exposto na aludida páxina web do SERGAS, no apartado das listas de espera para consultas externas inexplicablemente non figura o hospital concertado POVISA, malia supor unha poboación asignada composta por 140.000 pacientes, moi superior aos 30.000 do Hospital de Verín ou aos 37.000 do Hospital de Valdeorras dos que si aparecen os datos nas referidas listas.
  3. Que non existe ningunha información pública sobre as listas de espera para probas diágnósticas, caso que sen ser particular de POVISA, debería ser subsanado, pois consideramos que os usuarios e usuarias tamén temos dereito a coñecer eses datos.
  4. Que, aínda descoñecendo os acordos entre POVISA e o SERGAS, non nos podemos crer que neste hospital se estean a cumprir as estipulacións contidas no Concerto en vigor con respecto aos prazos nas esperas para dispensar unha asistencia sanitaria en condicións.
  5. Que os recortes no Novo Hospital de Vigo deixarían sen a posibilidade aos usuarios e usuarias da cartilla do SERGAS pertencentes aos concellos de Cangas, Moaña, Gondomar, Nigrán e Baiona, así como algún barrio de Vigo, de acceder ao mesmo, unha vez que entre en funcionamento nas datas anunciadas de principios de 2.014. Non é de recibo que unha modificación reduccionista no Plan Funcional previsto inicialmente para o Novo Hospital de Vigo, se trate de subsanar cunha ampliación de POVISA con fondos públicos,  xa que sería eternizar o problema que padecemos por estar encadeados aos intereses empresariais dese hospital privado.
En vista disto

SOLICITAMOS:
  1. Que ao abeiro da Lei Xeral de Sanidade e da Lei 16/2003, de 28 de maio, de cohesión e calidade do Sistema Nacional de Saúde que, no seu artigo 23, reitera que “todos os usuarios do Sistema Nacional de Saúde terán acceso ás prestacións sanitarias en condicións de igualdade efectiva”, faga as xestións oportunas para que a Consellería de Sanidade se ateña á lexislación vixente no que respecta a situación que padecemos os veciños e veciñas de Cangas/Moaña con respecto ás listas de espera e, no seu caso, considere instar á Fiscalía do Estado para que presente un recurso de inconstitucionalidade polos incumprimentos devanditos.
  2. Que inste á Consellería de Sanidade a que dea a coñecer o Concerto con POVISA e a que inicie un proceso revisión do mesmo para que este negocio privado a conta da nosa saúde deixe de ostentar unha posición “fáctica” que nas últimas décadas vén condicionando moi negativamente o desenvolvemento da Área Sanitaria de Vigo e que pase, en todo caso, a desempeñar un papel verdadeiramente supletorio a respecto das nacesidades hospitalarias da referida Área deixando de ter poboación directamente asignada.
  3. Que solicite da Consellería de Sanidade a garantía efectiva de que os veciños e veciñas de Cangas/Moaña imos ter a posibilidade de acceder ao Novo Hospital de Vigo cando entre en fucionamento.

0 comentarios:

SOS Sanidade Pública

C. de Saúde do Hío, XA!

C. de Saúde do Hío, XA!
Xa temos os terreos, e o SERGAS que fai? Enredar.
Queremos médico todo o ano!

Polo CAR para o Morrazo

Redes sociais

Síguenos

100% público

100% público

POVI$A: listas de espera

POVI$A: listas de espera
Pola redución das listas de espera en POVI$A
As listas de espera cirúrxicas de POVI$A son as máis grandes de todos os hospitais de Galicia. Das listas para consultas externas e probas diágnósticas nada se sabe, por estar ocultas á opinión pública.
A Plataforma quere contrastar a campaña de desinformación do SERGAS e de POVI$A cos datos reais aportados pola propia cidadanía, por iso pedimos a súa colaboración.
Reclame en atención ao doente de POVI$A ou acuda á Inspección Médica e póñase en contacto connosco enviándonos unha copia ou unha mensaxe, dirixíndose ao apto. 146 de Cangas ou por email a plataformasanidadecangas
@gmail.com
.

Informe POVISA

Kiko da Silva

Kiko da Silva

Alianza Social do Morrazo

Alianza Social do Morrazo

Páxinas vistas

Powered By Blogger