24 sept 2011

postheadericon Análise e posicionamento sobre o proxecto de Centro de Alta Resolución de O Morrazo

Foi o pasado mes de maio cando o actual Alcalde de Cangas, o Sr. Sotelo, fixo pública a súa intención de retomar o proxecto para a construcción do Centro de Alta Resolución en Cangas na Unidade de Actuación 5 coñecida tamén por “Altamira”, despois de que, tras o cambio de goberno da Xunta, quedase conxelada a alternativa estudada pola Consellería de Sanidade e da que se chegou a elaborar un informe técnico favorable en 2008 que consistía en situar ese equipamento sanitario en “A Rúa”. Entretanto, o tamén actual Alcalde de Moaña en marzo de 2010, sendo daquela concelleiro da oposición, anunciaría o “compromiso” da mesma Conselleira, Sra. Farjas, de “estudar a posibilidade de ubicar o futuro Centro de Alta Resolución do Morrazo en terreos de Moaña”.
Como resultado, agora están sobre a mesa tres opcións posibles, das cales dúas, a da UA-5 que veu sendo promovida polo Sr. Sotelo e a de Moaña, localizada no barrio de Broullón, que foi a aposta do Sr. Fervenza. Polo tanto, e mentres non se demostre o contrario, neste momento os alcaldes de Moaña e de Cangas están a defender cadansúa alternativa para a ubicación do futuro CAR do Morrazo.
Diante desta confusa situación, protagonizada polos mandatarios locais de dous dos Concellos afectados e vista desde arriba con total indolencia pola Xunta de Galicia, a Plataforma en Defensa da Sanidade Pública de Moaña, a Plataforma en Defensa da Sanidade Pública de Cangas e A Voz do Paciente de Bueu queremos facer público o noso punto de vista ao respecto.

A importancia dun Centro de Alta Resolución para o Morrazo
A ninguén se lle debería escapar a importancia dun Centro de Alta Resolución non só desde o punto de vista económico, pois neste momento de crise suporía un nada desprezable investimento que axudaría a paliar os efectos do paro e da depresión que padecemos na nosa comarca, senón desde a perspectiva principal de cubrir unha necesidade urxente para os veciños e veciñas dos municipios Cangas, Moaña e Bueu para os que este equipamento está deseñado.
Efectivamente, un Centro de Alta Resolución, concebido como un hospital sen camas, funcionando mediante a consulta única, representaría a enorme ventaxa de que no mesmo acto asistencial se fixeran o diagnóstico, as exploracións, o tratamento, a rehabilitación e no seu caso, a continuidade da asistencia necesaria sen derivación, coa comodidade para os/ás pacientes ao non ter que desprazarse ao hospital de referencia varias veces, contribuíndo a paliar, ao mesmo tempo, a sobrecarga hospitalaria. Resumindo, permitiría contar ao Morrazo cun sistema de alta dotación de recursos estruturais xunto cunha gran accesibilidade aos dispositivos tanto diagnósticos como terapéuticos, mellorando notablemente a calidade da asistencia especializada.

A alternativa da UA-5 ou “Altamira” de Cangas
A alternativa de “Altamira” con 2.183,44 m2 de superficie edificable non é comparable en canto dimensionamento co anterior proxecto de “A Rúa” con 3.650 m2 de superficie construída aproximada. Unha evidencia que se fai aínda máis notable se se teñen en conta os 20.000 m2 que ofrecía esta parcela, tal como aparece no informe técnico da Consellería do ano 2.008, sen esquecer outro factor particularmente importante como é o da accesibilidade, pois a diferencia entre a parcela de “Altamira”, aínda co desenvolvemento viario que nun futuro impredecible poida ter a urbanización á que vai asociada, e a parcela de “A Rúa”, tan ben comunicada a través do corredor e da comarcal, saltan á vista para ofrecer un servizo o máis cómodo aos/ás futuros usuarios do Centro de Alta Resolución, pois non debemos esquecer que o seu ámbito é supramunicipal, englobando ás poboacións de Cangas, Moaña e Bueu. Outro tanto cabe dicir da alternativa de Broullón, en Moaña, como veremos a continuación.

A alternativa de Broullón en Moaña
Tampouco é posible pasar por alto a proposta para ubicar o CAR no barrio de Broullón de Moaña porque, independentemente do acordo que finalmente adopte o Concello desa localidade, é evidente que a parcela da Bouza Figueira presenta ventaxas comparativas moi importantes dignas de ser tomadas en consideración como son a proximidade ao Corredor do Morrazo, posuir unha superficie de 5.000 m2 e, sobre todo, que xa forma parte do patrimonio municipal, argumentos esgrimidos anteriormente polo Sr. Fervenza na súa defensa.

O Centro de Alta Resolución de Lalín como referencia
Recentemente, soubemos que técnicos da Consellería se desplazarían a Cangas para valorar a idoneidade dos terreos na UA-5, coa idea de poder licitar o CAR do Morrazo conxuntamente co de Lalín no próximo exercicio de 2012. Mesmo o Sr. Sotelo ten manifestado que a infraestrutura do Morrazo reuniría as mesmas características que a lalinense.
Sen embargo, o Plan Funcional do Centro de Alta Resolución de Lalín, co que se trata de homologar o do Morrazo, contempla 3.775 m2 construídos para o novo edificio que o ha de albergar, co que queda en evidencia o importante recorte na proposta de “Altamira” (2.183,44 m2), é dicir, un 40% menos de superficie construída. Pero o agravio discriminatorio non para aquí, pois cun equipamento a ollos vista inferior en volume, ao CAR do Morrazo viría asignada unha poboación de 57.000 habitantes, correspondentes aos referidos municipios de Cangas, Bueu e Moaña, mentres que o centro homólogo de Lalín está pensado para atender a unha poboación de referencia de 45.000 habitantes, é dicir, un 22% menos.


Superficie edificable
(m2)
Poboación asignada
(nº de habitantes)
UA-5 (Cangas)
2.183,44
57.000
A Rúa (Cangas)
(*) 3.650,00
Lalín
3.775,00
45.000
(*) nunha parcela de 20.000 m2

Preocupa, polo tanto, a redución no dimensionamento do CAR do Morrazo porque isto repercutirá, sen dúbida, no recorte dos servizos e dos espazos dotacionais coas que un centro destas características debe contar e cando afirmamos isto non nos estamos a referir somente a un hospital de día para recuperacións senon tamén ao 95% das especialidades, laboratorios, quirófanos, locais de hemodiálese, exploración e radioloxía; consultorios, distintos módulos, zona administrativa, etc.
Descrito o panorama, suscítanse inmediatamente dúbidas fundadas sobre cal pode ser o motivo do abandono da alternativa de “A Rúa” ou o esquecemento da oferta de Broullón, en Moaña, que, como quedou exposto, presentan ventaxas evidentes sobre un proxecto como o de “Altamira” que nin sequera é defendible pola súa proximidade ao Centro de Saúde de Cangas como o Sr. Sotelo argumentou nalgunha ocasión, pois entre ambas as construcións habería unha distancia aproximada de 200 m. Preferimos non pensar que coa vinculación do CAR á UA-5 existe unha intención de utilizar unha necesidade social para edulcorar un polémico proxecto urbanístico que, ademáis, parece ser de moi complicada execución como acaba de poñer de manifesto a demoledora sentenza do TSXG anulando o proxecto da Xunta de Compensación.

As nosas propostas
Polo tanto, desde a Plataforma en Defensa da Sanidade Pública de Cangas, a Plataforma en Defensa da Sanidade Pública de Moaña e A Voz do Paciente de Bueu estamos por:
  • que se reconsidere o proxecto de ubicar o CAR do Morrazo na parcela de “Altamira” e se retome a súa viabilidade a través da alternativa de “A Rúa” en Cangas ou de “Broullón” en Moaña, sen descartar outras idóneas que poidan xurdir na comarca.
  • que o futuro CAR sexa un equipamento comarcal que reúna as seguintes características básicas:
    • Con alta dotación de recursos estruturais e diagnósticos, é dicir, que sexa realmente de “alta resolución” e non un mero ambulatorio de consultas de especialistas.
    • Completo, no sentido de que cubra canto menos o 95% das especialidades, entre outros servizos, e que nos turnos de tarde e noite funcione como un PAC de urxencias de 24 horas para toda a poboación da comarca asignada.
    • Cen por cen público, o que significa o noso rexeitamento á posibilidade de que se faga pola vía público-privada, pois para servizos sanitarios privados xa nos chega abondo con POVISA.
    • Ben comunicado, por que hai que ter en conta que deberá prestan atención a unha poboación dispersa por tres municipios: Bueu, Cangas e Moaña.
Para concluír, non debería ser necesario lembrar que nos encontramos a tres meses de que se presenten os próximos orzamentos autonómicos e sería unha irresponsabilidade que, como no actual exercicio, se quedase sen partida de investimento para 2.012, polo que facemos un chamamento urxente aos máximos gobernantes locais de Cangas, Moaña e tamén Bueu, o municipio gran marxinado neste tema, para que se poñan de acordo e conxuntamente coa Xunta de Galicia, presenten unha solución viable, definitiva e adecuada ás necesidades ás que un centro destas características debe responder.

O Morrazo, 23 de setembro de 2011

0 comentarios:

SOS Sanidade Pública

C. de Saúde do Hío, XA!

C. de Saúde do Hío, XA!
Xa temos os terreos, e o SERGAS que fai? Enredar.
Queremos médico todo o ano!

Polo CAR para o Morrazo

Redes sociais

Síguenos

100% público

100% público

POVI$A: listas de espera

POVI$A: listas de espera
Pola redución das listas de espera en POVI$A
As listas de espera cirúrxicas de POVI$A son as máis grandes de todos os hospitais de Galicia. Das listas para consultas externas e probas diágnósticas nada se sabe, por estar ocultas á opinión pública.
A Plataforma quere contrastar a campaña de desinformación do SERGAS e de POVI$A cos datos reais aportados pola propia cidadanía, por iso pedimos a súa colaboración.
Reclame en atención ao doente de POVI$A ou acuda á Inspección Médica e póñase en contacto connosco enviándonos unha copia ou unha mensaxe, dirixíndose ao apto. 146 de Cangas ou por email a plataformasanidadecangas
@gmail.com
.

Informe POVISA

Kiko da Silva

Kiko da Silva

Alianza Social do Morrazo

Alianza Social do Morrazo

Páxinas vistas

Powered By Blogger