26 oct 2010

postheadericon A Plataforma solicita o apoio do Concello para "SOS Sanidade Pública"

A Plataforma dirixiuse á Alcaldesa para que o Pleno do Concello se pronuncie apoiando a mobilización que para o próximo 21 de novembro convoca "SOS Sanidade Pública".
O texto da petición é o seguinte:

MOCIÓN:
Nos últimos anos estamos observando e sufrindo unha deterioración dos servizos públicos que se concretan no caso da sanidade nun incremento das listas de espera, mesmo na atención primaria. Caso especialmente grave é, neste sentido, o do centro hospitalario POVISA ao que nos vemos obrigados a acudir os veciños e veciñas de Cangas, tal como xa se considerou no pleno do pasado 15 de setembro, ao que habería que engadir as clamorosas carencias deste hospital privado como os servizos de hospitalización domiciliaria e os cuidados paliativos, dos cales non podemos facer uso a diferencia doutros usuarios e usuarias da nosa mesma área sanitaria.

Toda unha serie de medidas como a paralización do Plan de Mellora da Atención Primaria e ultimamente a ameaza de privatización e financiamento público-privado de hospitais e centros de saúde, van acompañadas e en parte motivadas pola redución de gasto sanitario público e a redución de recursos correspondente, como quedou de manifesto nas ridículas dotacións económicas en materia sanitaria destinadas ao noso Concello nos recentemente anunciados orzamentos autonómicos para 2.011.
Cremos que estamos nun momento crítico para a nosa vila, no que a Corporación Municipal, como representante a nivel local do conxunto da cidadanía, e indistintamente da forza política á que pertenzan os seus membros, debe estar á altura do que moitos veciños e veciñas demandan e traballar conxuntamente para que se poida dispor e acceder a servizos da sanidade públicos de calidade.
Non se pode nin se debe admitir estes intolerables niveis de saturación, de falta de medios e de recursos sanitarios. Os cidadáns de Cangas necesitan uns servizos públicos de sanidade acordes co desenvolvemento social, cultural e democrático dos tempos actuais.
Por todo o exposto, a Corporación municipal de Cangas

ACORDA:
  1. Esixir que se tomen, de forma inmediata, as medidas necesarias para reducir drásticamente as listas de espera en POVISA para atención especializada, probas diagnósticas, cirurxía e procedementos terapéuticos, e, tamén, no centro de saúde do noso Concello, tal como é o caso de fisioterapia.
  2. Posibilitar o acceso xa, desde agora, aos usuarios e usuarias de Cangas aos servizos hospitalarios públicos da nosa área sanitaria.
  3. Manter o Plan de Mellora de Atención Primaria, garantindo a adecuación dos tempos de consulta médica, a extensión dos plans de coidados de enfermaría e dos servizos administrativos de atención ao/á paciente.
  4. Demandar ao Goberno galego a adecuación dos orzamentos da Consellaría de Sanidade e do Servizo Galego de Saúde ás necesidades reais de contratación de persoal, cubrindo en todo momento o 100% das ausencias por enfermidade, permisos, vacacións, que eviten a actual mingua da calidade asistencial.
  5. Mellorar as dotacións de recursos públicos sociosanitarios conforme ás necesidades reais da nosa poboación.
  6. Impulsar todos os trámites, en estreita e leal colaboración cos concellos directamente implicados, para a posta en marcha do Centro de Alta Resolución para o Morrazo.
  7. Manter os compromisos económicos establecidos coa nosa Área Sanitaria, para desenvolver o Plan Director de Infraestruturas Sanitarias 2008-2013 e o Plan de Investimentos en Alta Tecnoloxía Médica.
  8. Financiar a construción e equipamento de infraestruturas sanitarias mediante financiamento público ao 100% a través do capítulo IV de Orzamentos do Servizo Galego de Saúde ou, na súa falta, mediante a empresa pública de investimentos Sociedade Pública de Investimentos de Galicia (SPI).
  9. Apoiar a manifestación que baixo o lema “En defensa da Sanidade Pública e contra a súa privatización” convoca a plataforma cívica SOS Sanidade Pública para o 21 de novembro en Santiago.
  10. Comunicar a presente moción á Consellaría de Sanidade e darlle, cos medios do Concello, a maior difusión posible do seu contido entre a cidadanía de Cangas.

Cangas, 26 de outubro de 2010

0 comentarios:

SOS Sanidade Pública

C. de Saúde do Hío, XA!

C. de Saúde do Hío, XA!
Xa temos os terreos, e o SERGAS que fai? Enredar.
Queremos médico todo o ano!

Polo CAR para o Morrazo

Redes sociais

Síguenos

100% público

100% público

POVI$A: listas de espera

POVI$A: listas de espera
Pola redución das listas de espera en POVI$A
As listas de espera cirúrxicas de POVI$A son as máis grandes de todos os hospitais de Galicia. Das listas para consultas externas e probas diágnósticas nada se sabe, por estar ocultas á opinión pública.
A Plataforma quere contrastar a campaña de desinformación do SERGAS e de POVI$A cos datos reais aportados pola propia cidadanía, por iso pedimos a súa colaboración.
Reclame en atención ao doente de POVI$A ou acuda á Inspección Médica e póñase en contacto connosco enviándonos unha copia ou unha mensaxe, dirixíndose ao apto. 146 de Cangas ou por email a plataformasanidadecangas
@gmail.com
.

Informe POVISA

Kiko da Silva

Kiko da Silva

Alianza Social do Morrazo

Alianza Social do Morrazo

Páxinas vistas

Powered By Blogger