15 dic 2015
INFORME DRAMÁTICO SOBRE A SANIDADE GALEGA
O goberno presidido por Núñez Feijóo ven aplicando, desde o súa chegada ao
poder en 2009, unha estratexia deseñada para desmantelar a Sanidade Pública e
xerar espazos de negocio para as empresas privadas a expensas do diñeiro
público. Nestes últimos anos o goberno galego aplicou unha severa redución dos
orzamentos sanitarios e fixo recortes profundos na dotación de persoal e camas
hospitalarias; paralizou o Plan de Mellora e desmantelou a Atención Primaria;
aplicou medidas privatizadoras nos hospitais así como en moitas áreas
sanitarias que pasaron a mans privadas; tamén teñen planeado implantar as
Unidades de Xestión Clínica que poñerían a disposición das empresas a
actividade asistencial, o núcleo duro da sanidade. A continuación faremos, en
sete puntos, un repaso dos principais problemas que ten hoxe a Sanidade pública
galega e que deben ser plantexados ante as próximas eleccións.
1.- Redución do orzamento sanitario público:
Representa o 30.4% do gasto público da CCAA. Baixaron o orzamento sanitario
un 18.3% desde 2009, e un 10.2% respecto ao ano pasado. Galicia é a CCAA que
fixo o recorte máis severo. A maior redución aplicárona en Atención Primaria
(AP) cun 22.3% menos respecto ao ano
2009. Respecto ao ano pasado a redución é de 25.3%. O recorte foi moito menor
no nivel hospitalario (un 0.2% de recorte respecto a 2009, e un crecemento dun
2.9% respecto ao ano pasado).
Este diferencia deixa ben ás claras que o goberno de Núñez Feijóo aposta
por potenciar o modelo hospitalocéntrico e o uso intensivo da alta tecnoloxía
(Galicia xa é a CCAA que máis RMN realiza); esto beneficia ás multinacionais
farmacéuticas e da tecnoloxía sanitaria, en detrimento das actividades de
prevención e promoción da saúde que deben realizarse en AP (segundo as
recomendacións da OMS).
2.- Recortes de persoal:
Esta partida representa o 34.5% do gasto sanitario, que ven ser un 24,5%
inferior á media estatal; esto sitúa a Galicia no penúltimo lugar do Estado, só
superada por Catalunya.
O ano pasado Galicia foi a CCAA que máis recortou no capítulo de persoal,
un 30.67% fronte a unha media do 7.9% do Estado. Esta redución afecta aos
traballadores sanitarios, con descensos brutais en prazas e salarios e aumento
da precariedade laboral. A partida de persoal baixou un 21% desde 2009: pasou
do 43.15% do total do gasto sanitario ao 34.5% neste ano.
En total Galicia perdeu 1.795 prazas na sanidade pública (1.154 en AP e 641
nos hospitais). Eliminaron 513 prazas de medicos: 392 en AP (69.2%) e 121 en hospitais (30.8%). Recortaron 184 prazas
de enfermería hospitalaria e 1.121 prazas de persoal non sanitario: isto é
consecuencia da cesión de servizos a empresas privadas que teñen persoal
propio. Moitas tarefas realizadas por empregados públicos pasan agora a ser
desenvolvidas polas empresas concesionarias (central de chamadas, loxística,
mantemento, cociñas, etc).
Estas medidas de recorte tan extremas producen unha merma na calidade
asistencial e mesmo representan un risco para os pacientes. Sabemos que o
persoal sanitario non pode ser substituído por máquinas, e hai evidencias
contundentes de que a redución de persoal de enfermería nos hospitais por
debaixo de certo nivel asóciase a incrementos da mortalidade hospitalaria.
3.-Recorte en camas:
Entre 2010 e 2014 eliminaron 447 camas hospitalarias públicas en Galicia.
Pasamos de 8.010 a
7.563, a
pesar do elevado e progresivo incremento das listas de espera e da conxestión
permanente dos servizos de urxencias.
4.- Suspensión do Plan de
Mellora de AP:
No Plan de Mellora de AP impulsado polo goberno progresista (2005-2009)
estaba prevista a construción de novos Centros de Saúde e a creación de prazas
de persoal. Dos 66 centros previstos só se plantexa a construción de sete.
Tamén deixaron de crear prazas de sanitarios: eso representa a perda de 193
prazas de Medicina de Familia e 385 de enfermería.
5.-O desmantelamento e a
privatización do Sistema:
-Privatización de hospitais:
*Para a construción
do novo hospital de Vigo (H. Álvaro Cunqueiro) utilizaron o modelo de
Colaboración Público-Privada, o que representa un incremento no custe, que pasa
de 450 a
1.400 millóns de euros, ao tempo que reduciron as camas operativas (de 1.230 a 850), recortaron os
quirófanos nun 31.4%, as camas de UCI nun 25.5%, a superficie de Urxencias nun
55.5% e os servizos de Radioloxía nun 45%. A empresa concesionaria, coa
complicidade do Sergas, recortou en servizos, consultas, superficies,
equipamentos, calidade nos materiais, nos accesos e nas prazas de aparcadoiro
(que deberán pagar tanto traballadores como usuarios). O hospital, desde a súa
apresurada inauguración, acumula problemas e conflitos, que poñen en risco a
calidade da atención, a actividade asistencial e mesmo a seguridade dos
pacientes.
*A Xunta xa licitou, por terceira vez, a ampliación
e xestión privada do hospital de Ourense (CHOU, que dirixe unha prima de Núñez
Feijoo), e mellorou as condicións á empresa concesionaria –integrada por ACS,
Indra e La Caixa-, en 41 millóns de euros. Tamén adxudicou a ampliación do
hospital do Salnés á multinacional Cofely-Suez que, xunto con La Caixa, posúe o
fondo de inversion “Hisusa holding”, que é propietario da aseguradora privada
Adeslas.
-Renovación do concerto
singular co hospital privado Povisa de Vigo, que presta atención a case 140.000 persoas da
área (Península do Morrazo, Valmiñor e polígono de Coia en Vigo). Pola
utilización de 403 camas neste hospital o Sergas paga un canon anual de 75
millóns de euros (despois da última renovación e mellora do concerto, asinado
sendo conselleira Rocío Mosquera, quen foi alto cargo na empresa propietaria de
Povisa).
-Privatización do
Laboratorio Central de Galicia, que foi adxudicado a unha UTE integrada por Laboratorio Cerba,
Laboratorio Lema e Bandín. Esta empresa realizará máis de 600 probas analíticas
e xenéticas, a expensas do desenvolvemento dos laboratorios dos hospitais
públicos (que poderán pechar progresivamente como en Vigo) e dos seus
profesionais. Esta decisión pon a disposición dunha multinacional datos moi
sensibles da poboación galega (como o VIH e outras doenzas).
-Continuidade da empresa de
xestión privada Galaria S.A., co que incumpren o compromiso do Sergas de rescatar os servizos
asistenciais como a Radioterapia, a Medicina Núclear/PET e a Resonancia
Magnética (RMN) para integralos no novo hospital. O propio Consello de Contas
ten denunciado o abuso de exploracións de TAC e RMN (a taxa de RMN supera nun
50% a media do resto do Estado).
-Privatización da alta
tecnoloxía por media da figura do “socio tecnolóxico”. Esta modalidade de contratación permite
que as mesmas empresas que fabrican os aparellos tecnolóxicos poidan controlar cales
son os equipos que deben adquirir os hospitais, fixar o seu prezo e mesmo
decidir onde se ubican. Esta entrega a mans privadas do control da tecnoloxía
hospitalaria pode ter consecuencias severas para a sustentabilidade do Sistema
(a tecnoloxía provoca un enorme incremento do gasto sanitario) e para a saúde
da poboación (a xestión mercantilista destes medios provoca unha
sobreutilización dos mesmos, con repercusión negativa polos efectos
iatroxénicos). Este modelo de contratación xa levou a unha inversión de 88
millóns de euros na compra de novas RMN, cando bastaría con substituír os
equipos actuais cambiando só o software (moito máis barato).
-Privatización da
investigación, por medio dos Institutos Biomédicos de Investigación dos
hospitais públicos do Sergas. Estes Institutos acóllense ao modelo empresarial, son participados e
coxestionados pola multinacional farmacéutica Janssen (Johnson&Johnson).
Deste xeito as empresas privadas, ademais de conseguir beneficios económicos,
controlan e dirixen a investigación, e teñen acceso a datos xenéticos e outras
informacións sensibles sobre a saúde da poboación galega. O Sergas adxudicoulle
fondos á Fundación Ramón Domínguez, para ampliar o laboratorio ubicado no CHUS,
por un total de 1.2 millóns de euros. Esta fundación é de xestión privada e ten
persoalidade xurídica propia (está integrada pola Fundación IDI-CHUS,
Fido-Xeral Calde, a empresa farmacéutica Jhansen, a Fundación de Medicina
Xenómica e a farmacéutica Biogen IDE).
6.-Externalización-privatización
de recursos e servizos estratéxicos do Sergas a empresas multinacionais e
fondos de inversión. Faremos
un repaso telegráfico das distintas áreas de actividade que foron entregadas a
mans privadas polo goberno de Núñez Feijóo, a maioría delas mediante concesións
a longo prazo, o que dificultará o seu retorno a dominio público cando haxa un
cambio de goberno.
-Servizo de ambulancias: foi adxudicado por 236 millóns de euros (a
pagar en catro anos) á UTE Ambulevante, empresa valenciana á que Fabra
(ex-presidente de Valencia) tamén lle entregou este negocio, e que está
denunciada pola súa vinculación co PP.
-Historia clínica
electronica (Ianus): concedida
a Indra, empresa que foi privatizada por Aznar e Rato. Esto supón deixar en
mans privadas todos os datos sanitarios da poboación galega.
-Telecomunicacións, cedidas a Telefónica (por 28 millóns de
euros), empresa agora gobernada por La Caixa, BBVA e Bankia.
-A Plataforma Electrónica, cedida a Netaccede, fondo de capital
risco creado en 2009, impulsada por ex-altos cargos da Xunta e Caixanova, e
xestionada por un directivo que provén da auditora Deloitte.
-O teléfono de cita previa, tamén foi adxudicado a Netaccede.
-O servizo de suministro e loxística
foi entregado, por 88 millóns de euros, á empresa Severiano Servicio Móvil
(que o ano 2004 custodiaba as historias clínicas do CHOP nunha nave industrial
sen licencia, e que arderon nun incendio por carecer de medidas de seguridade,
quedando o hospital sen documentación clínica).
-O mantemento dos equipos
sanitarios foi adxudicado
á empresa zaragozana Ibérica de Mantenimiento SA.
-A xestion da limpeza e
enerxía foi entregada ao
Grupo Norte, vinculado á inmobiliaria Martinsa-Fadesa, (quebrada en 2008, que
foi unha das principais causas do desplome de Novagalicia Banco).
-O servizo de catering dos
hospitais, adxudicado a
Mediterránea-Arturo, propiedade do fondo de inversion Portobello (Banco de
Santander, BBVA, CAM/Sabadell, Bankia) e de Arturo Fernández (vicepresidente da
CEOE, imputado no caso Bankia, acusado de defraudar á Facenda, de pagar aos
traballadores en diñeiro negro e do uso das tarxetas black como conselleiro de Caja Madrid).
-Os servizos de protección
radiolóxica foron cedidos
a General Electric: dese xeito a mesma empresa que fabrica os equipos é a que
realiza o control de calidade.
-A esterilización de
instrumental medico e cirúrxico: o goberno de Núñez Feijóo ten prevista a súa adxudicación por un período de
12 anos e un custe de 160 millóns de euros. De levarse a cabo suporía, ademáis
dun grave risco de incrementar as infeccións nosocomiais, unha severa redución
de postos de traballo públicos pola desarticulación dos servizos existentes,
que funcionan cun elevado nivel de calidade.
-Centro de Saúde móbiles, pendentes de adxudicar. De levarse a cabo
suporía un chanzo máis na privatización e o desmantelamento da Atención Primaria.
-Teleasistencia
domiciliaria: teñen
contactos con R Comunicaciones (empresa inicialmente galega, hoxe vendida por
NGB ao fnodo de inversión CVC-Capio).
-Tamén cederon ao sector
privado as contratacións públicas do Sergas. Transferiron esta actividade á Plataforma
Electrónica Vortal Connecting Bussines, constituída por grandes empresas
tecnolóxicas e de xestión de recursos humanos, especializadas en dispositivos
electrónicos para controlar a produtividade dos traballadores. Esta Plataforma
está participada por Microsoft, Telefónica e Indra, que tamén xestionan a
teleasistencia, a receita electrónica e a historia clínica electrónica. Esto
supón que estas tarefas propias da función directiva, que deberían estar estritamente
controladas polo Sergas e a Consellería, pasan a mans de empresas
multinacionais e fondos de inversión (moitos deles radicados en paraísos
fiscais). Deste xeito baleiran de contido ás actuais estruturas directivas e
entregan a xestión estratéxica do Sistema sanitario público de Galicia a mans
privadas.
7.- As Unidades de Xestión
Clínica (UXC): o próximo paso cara a privatización do Sistema sanitario
público. Dese xeito
pretenden converter os Centros de Saúde e os Servizos hospitalarios en empresas
con autonomía de xestión, presupostos propios e capacidade para beneficiarse
dos aforros conseguidos en persoal, material ou actividade asistencial. Estas
UXC poden abrir a porta ao mercado, á xestión privada e á laboralización do
persoal. A empresa seleccionada pola Xunta para auditar a implantación das UXC
é a axencia de calidade europea EFQM, que está presidida en España polo
responsable de PwC (IBM), a empresa que almacena o maior número de datos
sanitarios e non sanitarios a nivel mundial.
Está claro, á vista do relatado, que o principal obxectivo do actual
goberno da Xunta é desmantelar a Sanidade Pública galega. Esta privatización,
realizada con presa e coa maior cautela, deixa unha severa hipoteca para o país
e os gobernos futuros, que deberán asumir o compromiso coas empresas ás que lle
adxudicaron concesións a longo prazo. Esta forma de actuar non é inocente e
responde a unha estratexia, que executan con todo rigor. É necesario desaloxar
ao PP do goberno da Xunta para deter esta demolición planificada dos servizos
públicos.
Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública (AGDSP)
Decembro de 2015
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
Mi lista de blogs
C. de Saúde do Hío, XA!

Xa temos os terreos, e o SERGAS que fai? Enredar.
Queremos médico todo o ano!
100% público

POVI$A: listas de espera

Pola redución das listas de espera en POVI$A
As listas de espera cirúrxicas de POVI$A son as máis grandes de todos os hospitais de Galicia. Das listas para consultas externas e probas diágnósticas nada se sabe, por estar ocultas á opinión pública.
A Plataforma quere contrastar a campaña de desinformación do SERGAS e de POVI$A cos datos reais aportados pola propia cidadanía, por iso pedimos a súa colaboración.
Reclame en atención ao doente de POVI$A ou acuda á Inspección Médica e póñase en contacto connosco enviándonos unha copia ou unha mensaxe, dirixíndose ao apto. 146 de Cangas ou por email a plataformasanidadecangas
@gmail.com.
Webs adheridos
Kiko da Silva

Plataformas de Galicia
- SOS Sanidade Pública
- Plataforma Contra a Privatización - Pontevedra
- Plataforma en defensa da Sanidade Pública - Área do Ferrol
- Plataforma en Defensa da Sanidade Pública da Área do Barco
- Plataforma en Defensa da Sanidade Pública de Monforte
- Plataforma en Defensa da Sanidade Pública do Barbanza
- Plataforma en Defensa da Sanidade Pública de Marín
- Asociación Pro Sanidade Digna de Ourense
Sindicatos da sanidade
Publicacións
Alianza Social do Morrazo

0 comentarios: