6 may 2014

postheadericon Novas vías para a privatización do sistema sanitario


As poderosas organizacións financeiras e empresariais que controlan os gobernos de España e das CCAA, están poñendo en marcha novas estratexias para ultimar a privatización do sistema sanitario público, e apoderarse dos enormes recursos económicos que se destinan a saúde (57.000 millóns de euros segundo os orzamentos do 2014).
Unha gran alianza socioeconómica denominada Club Gertech vén desenvolvendo dende hai tempo (de maneira solapada e invisible á poboación e aos/ás traballadores sanitarios) un conxunto de iniciativas destinadas a conseguir o control do Sistema Sanitario Público, para fragmentalo e poñelo en mans privadas. Nesta poderosa plataforma neoliberal están integrados universidades, centros de investigación, empresas de informática e tecnoloxía sanitaria, laboratorios farmacéuticos, fondos de investimento internacional (especialmente de USA e China) grupos de comunicación etc. nun xigantesco lobby de presión capaz de orientar a política sanitaria do goberno de Rajoy e da práctica totalidade das comunidades autónomas.

Para desenvolver as súas propostas conta co apoio e complicidade de numerosas persoas con altos cargos nas administracións sanitarias, a Asociación de Directivos Sanitarios (SEDISA) que agrupa a xerentes e directores dos centros hospitalarios públicos e privados, grandes beneficiarios da transformación destes en empresas e do chamado Foro da Profesión Médica (alianza corporativa que agrupa a representantes da desacreditada Organización Médica Colexial, de sociedades máis ou menos científicas e académicas, e dalgún sindicato corporativo).

Esta plataforma privatizadora pretende alcanzar catro grandes obxectivos:

  1. Administrar toda a información xerada e almacenada polo sistema sanitario público, en relación co estado de saúde da poboación, os recursos dispoñibles, as actividades desenvolvidas e o seu funcionamento. Evidentemente seguen a máxima de que quen ten a información ten o poder real.
  2. Apropiarse de gran parte do orzamento que o Estado e as CCAA destinan a sanidade, financiados cos impostos e os copagamentos de toda a cidadanía.
  3. Obrigar ao Sistema de Saúde Público a adquirir os seus custosos produtos tecnolóxicos en función dos seus intereses empresariais.
  4. Poñer a sanidade pública ao servizo do sector privado (bancos, fondos de investimento, laboratorios farmacéuticos, multinacionais das telecomunicacións etc.) co obxectivo de controlar a planificación estratéxica do sistema (compra de recursos, procesos asistenciais, sistemas de información, etc.) a xestión dos centros sanitarios (novas formas de xestión Lei 15/97) e o funcionamento dos servizos asistenciais grazas ás novas Unidades de Xestión Clínica.

Instrumentos propostos por este lobby empresarial para alcanzar estes obxectivos:

  • Utilizar as Unidades de Xestión Clínica como fórmula para fraccionar os centros en múltiples empresas con entidade xurídica propia, controladas por uns directores nomeados “a dedo” pola administración, con poder reforzado e por uns Consellos de Dirección no que poderán entrar representantes do sector privado alleos aos centros. Este modelo organizativo contará con orzamento propio independente do resto do hospital, un persoal acollido ao réxime laboral sen as garantías de estabilidade do actual Estatuto e cuns incentivos económicos vinculados ao aforro o que facilitará controlar as súas decisións clínicas e facelos cómplices dos recortes. As Unidades de Xestión Clínica dotadas terán autonomía e capacidade para vender os seus servizos a outros servizos ou centros, creando así o mercado sanitario interno reclamado polos neoliberais españois dende o chamado Informe Abril.
  • Transformar a Estratexia de Atención aos enfermos crónicos orientándoa á utilización de aparatos tecnolóxicos que os controlen nos seus fogares. Esta medida terá un elevado custe, só estará ao alcance de quen teñan maior nivel cultural e económico, prexudicará ás persoas con baixos recursos (a maioría da poboación) e suporá o principio do fin da actual Atención Primaria e dos servizos de Atención á Dependencia. En apoio a esta estratexia a Comisión Europea publicou recentemente un informe “A Saúde no Peto. A sanidade móbil desprega o seu potencial” que promove a xeneralización de dispositivos móbiles, como teléfonos, tabletas, dispositivos de monitorización de pacientes e outros aparatos sen fíos colocados nos domicilios, coa desculpa de que é necesario dar aos pacientes o control da súa saúde, aumentar a eficiencia do sistema sanitario e potenciar a creación de empresas innovadoras no mercado das aplicacións (medición de constantes vitais en domicilios, promover a adherencia terapéutica, proporcionar dietas, etc.). Porén, a propia Comisión Europea advirte sobre os riscos potenciais destes instrumentos, como son a utilización empresarial dos datos dos pacientes, a falta de interoperabilidade, a vulneración da confidencialidade, a dificultade de establecer os requisitos legais das aplicacións, etc. Non resulta difícil recoñecer as empresas que están detrás desta proposta.
  • Privatizar o Sistema de Información do Sistema Sanitario Público (Historia Clínica Electrónica, redes informáticas de comunicación entre niveis e profesionais, sistemas para informar e dar citas aos pacientes, Call Center etc.). Todos estes servizos están sendo adxudicados (externalizados) a empresas multinacionais de informática e telecomunicacións e a fondos de investimento, o que poñerá en risco a confidencialidade da información de saúde da poboación. Como exemplo en Galiza a empresa INDRA (privatizada por Aznar e Rato) xestiona a Historia Clínica Electrónica (IANUS) mentres que Telefónica (así mesmo privatizada por Aznar e Rato, que actualmente forma parte do seu consello asesor) controla as telecomunicacións do Servizo Galego de Saúde (SERGAS).
  • Outorgar ao sector privado o control dos programas e actividades de investigación e difusión das innovacións sanitarias e da formación do persoal. A través da axencia de Calidade EFQM/IBM e do Executive Education en Xestión Clínica, un programa formativo semipresencial, creado por MPG e o Hospital Universitario Karolinska.
  • MPG é un lobby privado constituído polo Grupo Recoletos, a Asociación para o progreso da dirección (APD) que aposta pola implantación de políticas de traballo flexible e polo teletraballo, a igrexa, a institución educativa SEK, a farmacéutica galega Zeltia, Johnson and Johnson, CVC-Capio, a asociación americana do corazón, o Jackson Memorial Hospital, o colexio de Médicos de Madrid, SEMES (emerxencias de Madrid) e o Instituto de Saúde Carlos III.
  • O Instituto e Hospital Karolinska institución privada de Estocolmo (Suecia) que ten unha relación estratéxica con IBM para xestionar o biobanco sueco. Estas dúas empresas privadas teñen acceso a miles de mostras de tecidos humanos, de utilidade para múltiples fins mercantís, incluíndo a selección de participantes en ensaios clínicos e o desenvolvo de medicamentos de medicina personalizada (demasiado caros para que toda a poboación poida beneficiarse, segundo palabras do presidente de Farmaindustria).

Esta alianza ten como finalidade última controlar os servizos estratéxicos do Sistema Sanitario como vía complementaria á privatización dos centros a través da colaboración público-privada (PFI) ou as Novas Formas de Xestión Privada.

Quen integran o Club Gertech:
1.- Altos cargos e directivos da sanidade pública.
2.- Centros “públicos” de investigación:
Instituto de Saúde Carlos III (ISCIII): É o principal Organismo Público de Investigación (OPI), financia, xestiona e executa a investigación biomédica. Porén, os seus Centros de investigación estratéxicos, como o de enfermidades neurodexenerativas “CIBERNED” o de Enfermidades Raras “CIBERER” o Centro Nacional de Investigacións Oncolóxicas “CNIO” ou o Centro Nacional de Investigacións Cardiovasculares “CNIC” teñen personalidade xurídica propia e/ou funcionan mediante Colaboración Público-Privada. O seu Instituto de Bioinformática está asociado á compañía multinacional Applied Biosystems, o que está supondo unha rápida progresión na utilización de software de uso aberto aos datos de saúde da poboación española.
Non semella estraño que actualmente o ISCIII (incluíndo o seu comité de bioética, constituído maioritariamente por profesionais vinculados ao propio instituto) estea adscrito organicamente e funcionalmente para todo o que se relaciona coa Investigación aplicada, ao Ministerio de Economía e Competitividade en vez de ao Ministerio de Sanidade (RD 345/2012)
3.- Madrid Network: Rede público-privada formada por máis de 750 asociados na que participan empresas, centros de investigación, Universidades e centros tecnolóxicos, que buscan beneficios económicos coa innovación sanitaria. Esta dirixida a captar recursos privados e públicos para promover a innovación en proxectos de infraestruturas e tecnolóxicos que supoñan oportunidade de negocio para a iniciativa privada. A financiación pública parte do Banco Europeo de Investimentos, Banco Mundial e o Banco de desenvolvemento de América Latina (CAF) en colaboración con Bancos privados e Fondos Capital Risco e co apoio da Comunidade de Madrid, a Cámara de Comercio e os empresarios de Madrid (CEIM).
4.- Empresas privadas
Medtronic: A maior compañía privada de tecnoloxía médica, con sé en Minneapolis. Está vinculada ao capital risco, á industria farmacéutica e á industria da alimentación e parte da súa xunta directiva provén de General Electric, multinacional estadounidense implicada no control de calidade da radioloxía e a radioterapia no SERGAS (auditando os niveis de radiación dos seus propios equipos) e posible beneficiaria da xestión da Alta Tecnoloxía do SERGAS.
Forma parte do Consello de Administración de Medtronic o Xerente dos hospitais do Grupo estadounidense Apollo, un dos grandes provedores mundiais de telemedicina, (que tamén foi beneficiado por Feijóo coa adxudicación de Evo Banco) o Director Xeral de Textron, empresa mundial de aeronaves incluíndo avións de guerra e avións non tripulados e o Conselleiro de Novocure, empresa de oncoloxía privada de EEUU. Medtronic é membro da casa do corazón da Sociedade Española de Cardioloxía
Medtronic está especialmente interesada na Área cardiovascular (stent coronarios, endopróteses aórticas, marcapasos, desfibriladores, próteses valvulares) e na telemedicina e beneficiaríase especialmente coa Autonomía de Xestión de determinadas Áreas (Corazón, diabete ou aneis radiolóxicos).
Recentemente, a tecnoloxía de Medtronic para o tratamento dos casos difíciles de hipertensión arterial fracasou e os seus beneficios caeron un 23% no derradeiro trimestre de 2013, o que pode incrementar a súa presión sobre o sistema público.
Philips: Unha das empresas de electrónica máis grandes do mundo. Adquiriu diferentes empresas que fabrican material sanitario como Marconi Medical Systems ou partes de Westinghouse Electric (http://é.wikipedia.org/wiki/Westinghouse_Electric>). Arrastra importantes problemas económicos, que pretende resolver vendendo os seus productos tecnolóxicos ao sistema sanitario público.
Roche (Laboratorio multinacional farmacéutico): Un dos seus principais motores económicos é a súa División Pharma. Controlar os protocolos e Guías Clínicas das Unidades de Xestión Clínica pode supor un enorme negocio para colocar os seus novos medicamentos (co paraugas da innovación).
Roche e Gilead son as CF que comercializaron o Tamiflú, para o tratamento da gripe Aviaria e a gripe A. Agora o Tamiflú amosouse ineficaz e perigoso, pero seguramente ninguén devolverá o diñeiro malgastado aos servizos de saúde en plena crise económica (stock de Tamiflú de centos de millóns de euros) nin a saúde aos/ás afectados/as, nin se pedirán contas ás axencias de avaliación que o autorizaron de forma inadecuada. Polo contrario, a historia semella repetirse. A CE autorizou recentemente un fármaco para a hepatite C (Sovaldi) a un prezo desorbitado (642 euros comprimido fronte ós 2 euros do custe real de produción). A viróloga e gañadora do Premio Nobel Françoise Barrei-Sinoussi, Presidenta da Sociedade Internacional da SIDA (IAS) xunto a outras 17 asociacións, a maioría españolas, solicitaron a gratuidade do Sovaldi “ao tratarse dun fármaco prometedor que pode axudar a salvar vidas”. Pero prometedor non quere dicir con eficacia demostrada, sobre todo tendo en conta que a súa aprobación realízase tras unha revisión acelerada por parte da axencia europea do medicamento EMA, que aceptou reducir á metade o tempo necesario sen carga viral para considerar a un paciente curado, polo que é moi posible que os seus efectos adversos sexan superiores aos descritos ao xeneralizarse o seu uso e/ou que os seus resultados non sexan os agardados, aínda que si os beneficios, cunha expectativas de facturación “obscenas” de entre 7.000 e 12.000 millóns de euros/ano, pola venta dun único fármaco, o que explica o enorme despregue de marketing utilizado pola farmacéutica.
Responsables da Investigación sanitaria europea e española están vinculados ao Instituto Roche, como o Director Xeral de Investigación Biomédica da Comisión Europea en Bruxelas , o coordinador científico da Estratexia da Cardiopatía Isquémica en España e o Director Xeral do Hospital Clínic e do “Institut d’Investigacions Biomèdiques August Pi i Sunyer” de Catalunya.
NEC Corporation: Multinacional que posúe Lenovo, empresa informática con sés centrais en USA e China. Un 40% é capital público, outro 40% de fondos de investimento (do que un 60% pertence ao goberno chino) un 8% de IBM e 10% de Texas Pacific Group (fondo de capital risco norteamericano). Controlar o desenvolvemento dos sistemas informáticos do sistema pode proporcionarlle un gran poder de control e enormes ganancias. En Galiza a empresa EFQM vinculada á multinacional IBM e á todopoderosa auditora PWC é a responsable do despregue das Unidades de Xestión Clínica.
CITEC-B (Centro de Imaxe e Tecnoloxía do Coñecemento Biomédico): Ten como finalidade transformar o coñecemento sanitario que xeran os profesionais da saúde na súa actividade profesional, almacenalo en computadoras e transformalo en produtos comercializables como negocio. Proporciona servizo a numerosas universidades e sociedades médicas. Xestiona a historia clínica electrónica, servizo de facturación hospitalaria e centrais de chamadas (como as do SERGAS) CITEC-B almacena, xestiona e controla toda a información sobre a saúde e os factores que a determinan, as derivacións de pacientes e o funcionamento do sistema sanitario, o coñecemento dos seus puntos fortes e as súas debilidades, que pon en man das multinacionais (Indra Microsoft, Telefónica, MEC Ibérica, REDSA…) para transformar a atención de saúde nun gran negocio.

Principais propostas da Plataforma pola Privatización:
V foro do Club Gertech “Promoción da medicina personalizada” Participa como ponente Mario González, Xerente do complexo Hospitalario Universitario de Vigo (CHUVI).
VIN foro do club Gertech “Xestión Clínica creación de valor” coa participación de Vilanova Fraga, Xerente do Complexo Hospitalario Universitario de A Coruña (CHUAC). A súa presentación, co logo do SERGAS, céntrase na Autonomía de Xestión, na asunción de riscos por parte dos profesionais, o apoio aos recortes no SNS en persoal, salarios e actividade e na necesidade de dispor dun plano empresarial para o sistema e de potenciar a innovación tecnolóxica
O VII foro do Club (Gertech) onde se definiron as “Estratexias para a xestión da tecnoloxía sanitaria en España”. Foi presentada por Pablo Torres, Director Xeral de Recursos Económicos do SERGAS, que propón unha innovación tecnolóxica do sistema sanitario ao servizo do seu desmantelamento e privatización.

OBXECTIVOS:

  1. Mellorar a cooperación entre universidade, administración sanitaria e industria privada, nunha alianza público-privada financiada con diñeiro da sanidade pública para negocio das empresas privadas.
  2. Apostar pola atención de crónicos no fogar, instalando nos domicilios dos/as enfermos/as diferentes aparatos electrónicos para controlar os procesos, unha forma de asistencia que se pretende impoñer sen aval científico suficiente, só ao alcance das persoas con maior formación e recursos, que deslocaliza a atención e prescinde da Atención Primaria de Saúde e incrementa a medicalización da poboación.
  3. Facilitar a introdución da innovación tecnolóxica no sistema sanitario incorporando as empresas privadas aos organismos públicos, co obxectivo de promover a súa autorización acelerada e decidir as compras en equipamento avanzado (Socio Tecnolóxico) en función dos intereses empresariais, privando ao sistema público do control dos procesos de adquisición de fármacos e equipamento.
  4. Involucrar ao/á usuario/a na implantación de innovacións sanitarias. Neste tema é fundamental o esforzo desenvolvido polos laboratorios farmacéuticos para influenciar ás Asociacións de Pacientes para que esixan a difusión das innovacións tecnolóxicas de elevado custe, sen que en moitas ocasións exista evidencia científica que as apoie
  5. Deseñar sistemas estandarizados e interoperables para a xeneralización masiva da información por todo o sistema sanitario e a súa exportación a outros países.

O Servizo Galego de Saúde (SERGAS) xa está aplicando estas recomendacións en Galiza cos proxectos Hospital 2050 e Innova Saúde, co obxectivo de derivar fondos públicos a empresas de alta tecnoloxía ás que se lles dá a oportunidade de participar e liderar a planificación e adxudicación dos recursos sanitarios mediante as figuras do Diálogo Competitivo e Socio Tecnolóxico. Desta maneira o control da información e a planificación de novos recursos tecnolóxicos está pasando da administración pública ao sector privado, descapitalizando económica e intelectualmente ao sistema sanitario público, que con todo corre coa financiación e os riscos.
A gran beneficiaria desta política de investigación e innovación sanitaria será a industria sanitaria privada que controlará e orientará as innovacións, a súa adquisición pola administración e a súa difusión polo sistema atendendo aos seus intereses económicos e empresariais e non ás necesidades asistenciais da poboación, financiadora real do sistema.
A creación das Unidades de Xestión Clínica ocupa un lugar central no desenvolvemento destas estratexias, xa que están destinadas a privatizar a xestión da actividade asistencial (microxestión na xerga neoliberal) transformando os actuais servizos hospitalarios e de atención primaria en empresas con participación da industria.

Estas Unidades están apoiadas por grupos profesionais que defenden os seus intereses persoais e corporativos:

  • Alianza pola Implantación da Xestión Clínica agrupa a FACME e SEDISA (Asociacións Profesionais e Sociedade de xerentes e directivos dos centros sanitarios públicos) e o Foro da Profesión integrado polos responsables de grupos de presión como a Organización Medica Colexial (OMC) a Confederación Española de Sindicatos Médicos (CESM) e as Conferencias de Decanos e Estudantes de Medicina de forte perfil conservador. O Foro da Profesión ten como un dos seus membros máis destacados á Organización Médica Colexial, cuxo presidente conseguiu repoñerse no poder, tras a retirada da candidatura alternativa dun personaxe próximo ao PP, e que o goberno manteña a colexiación obrigatoria dos/as médicos/as, ademais dunha importante subvención ministerial que curiosamente se concretou pouco despois da sinatura do acordo de apoio ás Unidades de Xestión Clínica e da desconvocatoria dunha manifestación en rexeitamento á privatización dos hospitais madrileños.
  • Administración sanitaria: A implantación destas Unidades contan con importantes apoios institucionais. Debemos sinalar o forte compromiso de directivos da sanidade pública de Galicia, como a Conselleira de Sanidade (Rocío Mosquera) que defendeu nun foro en Barcelona a necesidade de laboralizar ao persoal sanitario; Ramón Ares, Director de Procesos Asistenciais do SERGAS que defende o modelo público-privado porque “dá máis liberdade para implantar medidas máis eficientes” ou Félix Rubial, Director de Asistencia Sanitaria, ao que, segundo afirma, non lle asusta vincular conceptos empresariais na Sanidade. Ademais da participación de altos directivos do SERGAS (director de Recursos Económicos do SERGAS e os xerentes do CHUAC e do CHUVI) nos foros organizados polo Club Gertech, dada a intención do lobby de ensaiar a Xestión Clínica S.A. no Servizo Galego de Saúde.
  • Federación de Asociacións Científico Médicas (FACME): Nas XV Xornadas do Club Gertecht o seu presidente propuxo seguir impulsando a Alianza para o desenvolvemento da Xestión Clínica, cun decálogo de requisitos que deberían cumprir os profesionais e administración para controlar o desenvolvemento da Xestión Clínica, posteriormente presentado ao Grupo de Traballo do Foro da Profesión.
  • Sociedade Española de Directivos de Saúde (SEDISA): Esta asociación, que integra a directivos de hospitais públicos e privados, ten importantes convenios cos laboratorios farmacéuticos (Roche, Johnson & Johson, Sanofi, Grünental Farma…).
  • SEDISA pretende implantar a Xestión Clínica co Modelo EFQM da multinacional IBM, a empresa que almacena a maior cantidade de datos sanitarios e non sanitarios a nivel mundial. O seu proxecto “Amphos” (en colaboración coa Fundación da CF Abbot) inclúe “34 propostas para mellorar os procesos hospitalarios” que resumen as recomendacións da industria para privatizar o noso SNS: Cambiar a xestión dos centros a través das Unidades de Xestión Clínica; transformar os hospitais en empresas autónomas; laboralizar aos/ás traballadores/as sanitarios; promover o autocuidado do/a enfermo/a mediante tecnoloxías instaladas nos seus domicilios; desenvolver a medicina personalizada, de acceso imposible a toda a poboación, segundo a industria; libre elección de centro sanitario para facilitar o mercado sanitario interno; desenvolver unha estratexia de Investigación – Desenvolvemento – Innovación (I+D+I) con fondos e recursos maioritariamente públicos pero cunha influencia cada vez maior do sector empresarial privado.
  • E as 25 propostas de SEDISA para mellorar a sustentabilidade do Sistema Sanitario inclúen: Manter a financiación pública (o único que quedaría público) ; flexibilizar as condicións laborais do persoal (laboralización); transferir o risco financeiro aos/ás profesionais (incentivar ao persoal das Unidades de Xestión Clínica con aforros na súa actividade facéndoos cómplices dos recortes); reducir os cadros de persoal dos centros públicos; incrementar as externalizacións de servizos; xeneralizar as novas formas de xestión privada de acordo á Lei 15/1997; promover a gobernanza dos centros por expertos (en detrimento da participación profesional); introducir tickets moderadores para limitar o acceso dos/as pacientes aos servizos; cobrar a alimentación e a hostalería de pacientes hospitalizados; controlar o uso abusivo dos recursos; revisar o sistema de atención a crónicos, hospitalización a domicilio.. e todo iso baixo o paraugas dun Pacto Estatal pola Sanidade que faga cómplices destas medidas a profesionais e partidos políticos.
  • Aprobar un gran “Pacto pola Sanidade” que apoie todas estas medidas privatizadoras dándolles lexitimidade, apoio político e aparencia de neutralidade ideolóxica.


Entre as principais consecuencias da aplicación destas medidas estarían:

  • A perpetuación do hospitalocentrismo e o abandono da Promoción de Saúde, da Atención Primaria e da Atención á Dependencia, dado que o novo modelo de atención a crónicos baséase na difusión xeneralizada de recursos tecnolóxicos en detrimento dos coidados e da atención a enfermos/as por persoal sanitario e coidadores especializados.
  • O uso intensivo dos recursos tecnolóxicos, que son os grandes responsables do crecemento do gasto sanitario innecesario. A multiplicación do gasto sanitario poñerá en risco a sustentabilidade do Sistema e incrementará as desigualdades xa que as novas tecnoloxías son moi custosas e non serán accesibles a todos os niveis socioeconómicos e culturais da poboación.

En resumo, o Lobby político-empresarial que dirixe e controla o desmantelamento e privatización do sistema sanitario público pretende:

  1. A transferencia ao sector privado do control dos sistemas de información sobre a saúde da poboación e o funcionamento do sistema sanitario.
  2. O control polas multinacionais da planificación e difusión das tecnoloxías sanitarias, financiadas ademais con fondos públicos.
  3. A externalización dos servizos diagnósticos dos centros públicos.
  4. A xeneralización das novas Unidades de Xestión Clínica como fórmula para fragmentar, transformar os servizos en empresas e crear un mercado interno baseado na competencia pola compra e venda de servizo.
  5. Cambiar a Estratexia de Atención á cronicidade pasando dos coidados domiciliarios ao control por tecnoloxías, o que permitirá deslocalizar aos/ás profesionais.
  6. Control privado da investigación, a innovación e a formación do persoal.
  7. Pacto pola Sanidade que dea cobertura e lexitimidade a estas reformas.

Conclusión final
O Sistema Sanitario Público está en perigo como consecuencia dunha estratexia perfectamente deseñada e articulada por grupos moi poderosos, para facerse cos fondos económicos que o Estado destina a sanidade.
Fronte a esta plataforma financeiro-tecnolóxica-empresarial orientada a facer da saúde unha mercancía máis, sometida ao beneficio privado, só cabe reforzar e ampliar a alianza cidadá – profesional das Plataformas para a Defensa da Sanidade Pública orientadas a garantir a saúde como un dereito universal e equitativo da poboación.
Niso estamos. É necesario o esforzo de todos/as para poder paralizar esta estratexia de deterioro, privatización e desmantelamiento da Sanidade Pública. Todas as achegas son necesarias.

Maio de 2014

0 comentarios:

SOS Sanidade Pública

C. de Saúde do Hío, XA!

C. de Saúde do Hío, XA!
Xa temos os terreos, e o SERGAS que fai? Enredar.
Queremos médico todo o ano!

Polo CAR para o Morrazo

Redes sociais

Síguenos

100% público

100% público

POVI$A: listas de espera

POVI$A: listas de espera
Pola redución das listas de espera en POVI$A
As listas de espera cirúrxicas de POVI$A son as máis grandes de todos os hospitais de Galicia. Das listas para consultas externas e probas diágnósticas nada se sabe, por estar ocultas á opinión pública.
A Plataforma quere contrastar a campaña de desinformación do SERGAS e de POVI$A cos datos reais aportados pola propia cidadanía, por iso pedimos a súa colaboración.
Reclame en atención ao doente de POVI$A ou acuda á Inspección Médica e póñase en contacto connosco enviándonos unha copia ou unha mensaxe, dirixíndose ao apto. 146 de Cangas ou por email a plataformasanidadecangas
@gmail.com
.

Informe POVISA

Kiko da Silva

Kiko da Silva

Alianza Social do Morrazo

Alianza Social do Morrazo

Páxinas vistas

Powered By Blogger