20 mar. 2014

postheadericon As Áreas de Xestión Clínica: unha ameaza para a Sanidade Pública e a Atención Primaria

As Áreas de Xestión Clínica (AXC) promovidas polo goberno central representan, no caso de que cheguen a implantarse, un ataque contra o Sistema Sanitario Público e un serio risco para a súa sustentabilidade. Ademais contribúen a marxinar aínda máis á Atención Primaria (AP), en detrimento da equidade e a racionalidade do sistema.
O concepto da xestión clínica asociase tradicionalmente a dotar de máis capacidade de decisión aos profesionais, a mellorar a integración dos servizos asistenciais, ao traballo por procesos e á toma de decisións baseada na evidencia científica. O modelo que pretende impoñer o goberno non responde a estas formulacións; moi ao contrario, esta proposta vai dirixida a avanzar na privatización, utilizando a vía da microxestión de servizos asistenciais.

Pretenden cambiar o actual modelo sanitario, baleirando de contido e responsabilidade á Atención Primaria. A Lei Xeral de Sanidade asignou á AP a función de xestionar e coordinar os procesos asistenciais e a atención dos pacientes no sistema. A AP está orientada no noso país a prestar unha atención integral ao paciente, facilitar a accesibilidade aos servizos, coordinar os procesos asistenciais e traballar por programas priorizados. Coa novas Unidades preténdese trasladar estas funcións a unhas estruturas, as AXC, que serán controladas polas especialidades hospitalarias, dada a desproporción de poder existente na actualidade entre a AP e a hospitalaria. Hai que recordar que o presuposto de AP non alcanza o 15% do gasto sanitario, e que dende a aplicación dos recortes sanitarios se reduciu nun 16%, mentres que o hospitalario medrou un 2%. Non é razoable nin eficiente traspasar funcións propias do nivel primario (como a promoción, prevención, asistencia, coidados de enfermaría, rehabilitación, reinserción social, investigación e docencia) a unhas estruturas hegemonizadas polas especialidades hospitalarias, baleirando así de contido á AP.
Aínda que se publicitan como unha forma de mellorar a coordinación dos servizos e dos niveis do sistema, a realidade é que o fragmentan en múltiples entidades empresariais que deixan sen competencias á AP. As AXC substitúen as Áreas de Saúde que, segundo a Lei Xeral de Sanidade, teñen a responsabilidade de garantir a xestión integrada de todos os centros sanitarios a nivel territorial. No actual modelo a atención integral e o desenvolvemento de programas deberían estar coordinadas por AP. Coa implantación da Xestión Integrada xa deron o primeiro paso para o desmantelamento deste modelo ao eliminar as Xerencias de AP, que foron absorbidas polas Xerencias Hospitalarias, faena que agora pretenden rematar. Estas AXC poderanse desenvolver aplicando múltiples fórmulas organizativas (AXC -Centros de Saúde ou servizos hospitalarios-, Áreas ou Institutos de Xestión Clínica que agrupan a diferentes servizos ou unidades, EBAS, combinacións de estruturas de primarias e especializada etc), co que fragmentan o sistema e deixan a AP sen a posibilidade de controlar os procesos asistenciais.
Incrementan a burocracia, a irracionalidade e os gastos administrativos. A proposta de AXC inclúe o desenvolvemento de novas estruturas administrativas, pero mantendo as xerencias, xefaturas de servizos e equipos de AP. Todo isto multiplica as estruturas burocráticas, limita a xestión racional dos centros e xera conflitos e enfrontamentos de poder, co que se fai imposible o goberno do sistema, ademais de aumentar o gasto sanitario a expensas duns maiores custos administrativos.****** Favorecen a creación de modelos diferenciados dentro do sistema, e o incremento das desigualdades asistenciais, especialmente en AP. O carácter voluntario da adscrición ás novas unidades, o rexeitamento de gran parte dos profesionais a integrase, os contratos programa que diversifican a oferta de servizos e os incentivos vinculados ao aforro, favorecen o xurdimento de dous modelos diferentes dentro do sistema (os de Xestión Clínica e os de Xestión Tradicional). Está claro que se potenciará os que se vinculen ás mesmas unidades de xestión, marxinando os profesionais que non acepten a integración. Que os centros de AP, que acepten transformarse en AXC, poidan ter carteiras de servizos propias e a ausencia de planificación por necesidades e problemas, favorecerá o desenvolvemento de ofertas diferenciadas que respondan aos intereses das empresas ou dos profesionais que as integren, en detrimento das necesidades da poboación, co que se rompe coa equidade e se contribúe a incrementar as desigualdades e a irracionalidade do sistema.****** En Galicia o actual goberno ten demostrado o seu nulo compromiso coa Sanidade Pública e coa AP. O severo recorte orzamentario castigou aos profesionais (un 14% menos orzamento de 2010 a 2014) e á AP: a reducción do gasto, a anulacion do Plan de Mellora e a posta en marcha das Xerencias Integradas anularon a capacidade de xestión deste nivel asistencial. As decisións deste goberno están orientadas á privatización crecente e a reforzar o hospitalocentrismo. Non se contempla a AP como eixo para o necesario cambio de modelo asistencial. Un goberno con tantos conflictos de interese coa sanidade privada non ten credibilidade para promover un proxecto de xestión clínica na sanidade pública. O proxecto de AXC que pretende implantar é unha decisión politica, e non só unha cuestión técnica ou xerencial como adoitan afirmar.
Ademáis, a modificación do Estatuto Marco do persoal estatutario, feita polo goberno central en xullo de 2013, pode representar unha ameaza seria no ámbito laboral.
Por todo o exposto consideramos que o PP, desde o goberno central e as autonomías donde goberna, pretende utilizar este instrumento de xestión para fragmentar e afondar na privatización do sistema, favorecendo a creación de entidades empresariais acollidas ás novas formas de xestión privada (Lei 15/97) con presuposto propio e capacidade para competir. Pretenden desmantelar o sistema sanitario, crear un mercado sanitario interno que os neoliberais levan anos tentando desenvolver, facer cómplices aos traballadores sanitarios das políticas de recorte do gasto, e facilitar a entrada ao sector privado no sistema público. Ademáis anulan o modelo de saúde comunitaria, coordinado por AP, afondando na marxinación deste nivel asistencial ao que deixan sen ningunha capacidade de influencia, incrementando a burocracia, a irracionalidade e o gasto do Sistema Sanitario Público.
Por eso reclamamos: a paralización da implantación das AXC tal como se está facendo, a recuperación das Xerencias de Atención Primaria, a restauración dos orzamentos da sanidade pública, e o impulso dun amplio debate social para frear o desmantelamento dos servizos públicos que están a realizar os actuais gobenantes desde o propio poder.
 Manuel Martín García. Presidente da Federación de Asociacións para a Defensa da Sanidade Pública.
Pablo Vaamonde García. Médico de familia. Exdirector xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas.
Galicia, 20 de marzo de 2014

0 comentarios:

SOS Sanidade Pública

C. de Saúde do Hío, XA!

C. de Saúde do Hío, XA!
Xa temos os terreos, e o SERGAS que fai? Enredar.
Queremos médico todo o ano!

Polo CAR para o Morrazo

Redes sociais

Síguenos

100% público

100% público

POVI$A: listas de espera

POVI$A: listas de espera
Pola redución das listas de espera en POVI$A
As listas de espera cirúrxicas de POVI$A son as máis grandes de todos os hospitais de Galicia. Das listas para consultas externas e probas diágnósticas nada se sabe, por estar ocultas á opinión pública.
A Plataforma quere contrastar a campaña de desinformación do SERGAS e de POVI$A cos datos reais aportados pola propia cidadanía, por iso pedimos a súa colaboración.
Reclame en atención ao doente de POVI$A ou acuda á Inspección Médica e póñase en contacto connosco enviándonos unha copia ou unha mensaxe, dirixíndose ao apto. 146 de Cangas ou por email a plataformasanidadecangas
@gmail.com
.

Informe POVISA

Kiko da Silva

Kiko da Silva

Alianza Social do Morrazo

Alianza Social do Morrazo

Páxinas vistas