13 jun 2013

postheadericon Londres 2015... Ficción ou realidade?



LONDRES 2015... FICCIÓN OU REALIDADE?
(por Xosé Manuel Pazos)

Estamos no ano dous mil quince, na sala de espera dunha clínica abortista de Londres. UNHA está gardando que a chamen. Entra OUTRA. As dúas, tímidas, apoucadas, como corresponde a quen non está familiarizada co lugar nin coa situación.

OUTRA.- Ola!
UNHA.- Ola!
OUTRA.- Que tal?
UNHA.- Pois xa ves … agardando …
OUTRA.- Si, claro … que remedio, non?
UNHA.- Pois si, ninguén agarda por gusto … E menos nun sitio coma este …
OUTRA.- Seguro ... Non é como agardar pola vez na carnicería do súper, poñamos por caso … (Pausa)  Perdón, ao mellor a comparanza non é a máis axeitada.
UNHA.- Mais ben non, a verdade!  Non estiveches moi inspirada, que digamos…  (Silencio incómodo)

OUTRA.- (Rompendo o xeo)   Ti tamén vés de fóra, non si?
UNHA.- Si. E de ben lonxe, por certo.
OUTRA.- De onde, se se pode saber?
UNHA.- Pois claro que se pode. De Burki Talaso.
OUTRA.- De onde?
UNHA.- Xa sabía eu que non che ía soar. De Burki Talaso. Un pequeno país africano.  África, sabes?
OUTRA.- Claro que sei. África, ao sur, por alá abaixo.
UNHA.- Depende desde onde o mires. Se vés de Sudamérica estás máis abaixo ti.
OUTRA.- Non, non. Eu veño de Europa.
UNHA.- En Europa estamos, non é?
OUTRA.- Do continente; veño do continente. Inglaterra é unha illa, e está máis fóra ca dentro.
UNHA.- E que necesidade tés ti de vir aquí?
OUTRA.- A mesma ca ti, supoño.
UNHA.- Eu veño obrigada.
OUTRA.- E eu que cres? Que veño de vacacións? Por pracer non ven ninguén a un sitio coma este.
UNHA.- No meu país non hai medios, nin médicos. Non me ía poñer nas mans dun bruxo para algo tan delicado coma un aborto.
OUTRA.- Por suposto que non. Pero fan falta cartos para vir a Londres.
UNHA.- O país é pobre, non necesariamente eu. Son a raíña de Burki Talaso.
OUTRA.- Ostias, pois xa quixera eu ser a raíña de España. Máis que nada porque xa non estaría en idade para estas cousas.
UNHA.- Ben, realmente son unha das raíñas …
OUTRA.- Como?
UNHA.- O rei é el, o meu home. Eu son a súa décima muller entre catorce. E claro, non quería máis fillos dos trinta que xa ten. A min gustaríame ter un meu, pero non houbo maneira de convencelo.
OUTRA.- Manda carallo co tipo!
UNHA.- Precisamente o carallo é o que manda, si. A ditadura dos carallos! E creme se che digo que custa moito combatela.
OUTRA.- No meu país tamén, non vaias pensar.
UNHA.- E ti por que ves aquí? Podíalo facer aló, no teu país.
OUTRA.- Falas ben. Podía. Agora xa non se pode.
UNHA.- E iso?
OUTRA.- Cambiaron a lei. Debíalles parecer moi forte que as mulleres decidisen por si mesmas sobre a súa maternidade e meteron a marcha atrás. A marcha preferida dalgúns homes. Eles decidiron por nós.
UNHA.- Eles?
OUTRA.- O goberno, os cardeais, os bispos…
UNHA.- Cardeais … Bispos … E eses quen veñen sendo?
OUTRA.- Uns señores parecidos aos bruxos do teu país, pero con máis barriga …
UNHA.- E por iso deciden? Porque teñen barriga?
OUTRA.- Pois mira, non o pensara así, pero ao mellor por iso coidan que teñen dereito a decidir por nós. Porque levan toda a vida coa barriga encima, e claro, considéranse doutores en preñeces.
UNHA.- E o goberno?
OUTRA.- Eses coma os teus. Queren volver ao século pasado. A mediados. Á ditadura do carallo. “MULLER CALADIÑA NA CAMA E NA COCIÑA. NIN GOZAR NIN PROTESTAR” Ese ven ser o grito de guerra do Gallardón.
UNHA.- De quen?
OUTRA.- Do Gallardón. Éche o ministro do ramo. Apelídase así: Ruíz Gallardón.
UNHA.- Faime graza. Na aldea onde eu nacín a maioría das vacas (cando aínda as había) chamábanse  “Morena”; e os bois “Gallardo”. “Anda Morena; arre Gallardo!” berraban os meus pais cando araban os campos.
OUTRA.- Pois este, logo, venche sendo “boi” por partida dobre. “Gallardo” non, “Gallardón”!
UNHA.-  E por riba rima con “castrón”!
OUTRA.- E con outros animais machotes que non vou nomear por “educación”…
UNHA.- E ti que? O teu home tampouco quere fillos?
OUTRA.- A que non quere son eu. El deixoume preñada e perdeuse na néboa cos gorilas. “Foise co vento”, coma o título da película. O feto viña mal e el non quixo saber nada.” Se a decisión vai ser túa, carga ti soa con ela”, dixo o moi cabrón.
UNHA.- Ghoder!
OUTRA.- Si, ghoder é o que busca. Preferentemente. Pero mira, por min como se a machaca. Non paga a pena perder un minuto con homes así... Ninguén me vai roubar o meu dereito a decidir. É o que me queda, aínda que sexa no estranxeiro. Roubáronnos o dereito a facelo no noso país, gratuitamente, no noso sistema sanitario. Iso conseguírono. Pero o outro. Polo que a min respecta, non!
UNHA.- E como puideron? Despois de telo conseguido...
OUTRA.- Ao mellor porque nos botamos a durmir... Porque pensamos que os avances eran xa irreversibles... Que iamos camiñar sempre cara adiante... Xa ves que non. Hai que estar sempre alerta. Atentas sempre.
(Soa un timbre ou unha campaíña precedendo unha voz con forte acento inglés: Ding, dong! Atención: Señorita Amadou Iratu, chegou o seu momento. Pase á consulta, por favor)
(Unha érguese, visiblemente nervosa, vai entrar)
UNHA.- Deséxame sorte!
OUTRA.- Por suposto que a vas ter. Aquí non hai bruxos, nin curandeiras... Aquí hai doutoras e enfermeiras.
(Danse unha forte aperta solidaria. Vaise UNHA e OUTRA diríxese directamente ao público)
OUTRA.- Que isto sexa só fición, que sexa realmente unha mala visión de pasado e non de futuro depende só de nós. Nas nosas mans está. Por nós decidimos nós! Nin bispos nin ministros, nin castróns nin Gallardóns! Que decidan, se queren, sobre os seus collóns!

0 comentarios:

SOS Sanidade Pública

C. de Saúde do Hío, XA!

C. de Saúde do Hío, XA!
Xa temos os terreos, e o SERGAS que fai? Enredar.
Queremos médico todo o ano!

Polo CAR para o Morrazo

Redes sociais

Síguenos

100% público

100% público

POVI$A: listas de espera

POVI$A: listas de espera
Pola redución das listas de espera en POVI$A
As listas de espera cirúrxicas de POVI$A son as máis grandes de todos os hospitais de Galicia. Das listas para consultas externas e probas diágnósticas nada se sabe, por estar ocultas á opinión pública.
A Plataforma quere contrastar a campaña de desinformación do SERGAS e de POVI$A cos datos reais aportados pola propia cidadanía, por iso pedimos a súa colaboración.
Reclame en atención ao doente de POVI$A ou acuda á Inspección Médica e póñase en contacto connosco enviándonos unha copia ou unha mensaxe, dirixíndose ao apto. 146 de Cangas ou por email a plataformasanidadecangas
@gmail.com
.

Informe POVISA

Kiko da Silva

Kiko da Silva

Alianza Social do Morrazo

Alianza Social do Morrazo

Páxinas vistas

Powered By Blogger