30 may 2013

postheadericon Non renunciamos ao Centro de Saúde de Aldán-O Hío

A visión do Alcalde dos servizos
de saúde para o Hío é totalmente
anacrónica. Na foto, médico rural
de principios do século pasado.
No ano 1.927 os veciños e as veciñas do Hío fixeron construir por suscripción popular a chamada Casa do Médico. Case un século máis tarde, o señor Sotelo, alcalde de Cangas, promove a mesma solución para atender as necesidades sanitarias da parroquia.
En realidade, o Partido Popular de Cangas pensa que os veciños e veciñas do Hío non se merecen o que piden, por iso a concelleira e tamén parlamentaria en Santiago, Berta Pérez Hernández, votou no Parlamento de Galicia a favor dos orzamentos da Xunta deste ano que excluían ao Centro de Saúde de Aldán-O Hío.


Un anacronismo e un disparate
O modelo de consultorio hoxe en día está desfasado. Os profesionais e a poboación precisan poñer en prática programas asistenciais e utilizar unha tecnología que non se adapta en absoluto a un microconsultorio dun só médico. A idea que agora nos trae o señor Sotelo, pasa por alto o Decreto 200/93 de Ordenación da Atención Primaria aprobado sendo responsable do SERGAS o actual presidente da Xunta, señor Feijoo, orientado a mellorar a calidade asistencial coa dotación aos centros de mellores infraestruturas e de equipos de profesionais.
Tampouco se soluciona para nada a dispersión asistencial que padecemos na parroquia, xa que arredor dun millar de cartillas terían que continuar desprazándose ao Centro de Saúde de Cangas. Nin siquera, disfrazando a proposta coa consulta pediátrica sería unha opción aceptable, pois a atención dos menores de 14 anos quedaría nunha situación precaria, compartindo horarios durante determinados días da semana co Centro de Aldán. A atención aos menores non é somente unha consulta.

Máis deficiencias que ventaxas
A situación deplorable do actual consultorio non  se repara coa chapuza da Casa do Médico. Contrastando os planos aos que tivemos acceso a través dos medios de comunicación coa “Guía de planificación para o deseño e equipamento dos centros de saúde” (*) do SERGAS, podemos comprobar a calidade asistencial de nivel terceiromundista da proposta do señor Alcalde:
  • as salas de consulta médicas e de enfermería son auténticos cubículos de 10,18 m2 e 4,8 m2 respectivamente, unhas dimensións moi inferiores aos estándares recomendados de 22 m2
  • non hai sitio para colocar armario, báscula nin outra aparataxe nas consultas
  • non se prevé un lugar para o arquivo de historias clínicas, nin para almacén de medicamentos
  • as salas de espera con 6,50 m2 son moi inferiores ás estipuladas entre 16 m2  e 24 m2
  • non existen aseos diferenciados para pediatría cos perigos de contaxio que isto representa
  • non se dispón de sala de toma de mostras como é o caso da xinecoloxía, agora que as revisións veñen de ser transferidas a atención primaria
  • non existe depósito ou almacén de residuos sanitarios, nin oficios de limpo e sucio
  • non se contemplan espazos para padiola e cadeira de rodas na área de entrada
  • presenta graves problemas de accesibilidade: as cadeiras de rodas deben realizar un xiro case imposible para acceder ás consultas médicas, non collen nas de enfermaría e non entran nas salas de espera
  • condicións de traballo indignas para o persoal:
    • as salas de consulta son tan pequenas que para sentarse @ médic@ precisará arrastrar previamente á mesa, a non ser que se provea de cadeiras xiratorias e aínda así non está moi claro que este problema se poida solventar
    • non hai vestiarios, grave carencia xa que non se permite colgar a roupa en percheiros dentro das consultas, aínda que tampouco habería sitio para poñelos
    • non se contemplan aseos por sexo

Un estrago de recursos económicos
Nunha situación de crise temos que esixirlle, se cadra, aos gobernantes maiores doses de responsabilidade, rendabilidade e eficacia na xestión pública.
Os 300.000 euros que se pretenden gastar entre a Consellería e o Concello non se xustifican cos servizos que se tentan ofrecer coa Casa do Médico. Esa cantidade supón, nada menos, que unha cuarta parte do investimento total para a construción do novo Centro de Saúde de Aldán-O Hío; uns cartos que moi ben se puideron ter incluído nos orzamentos da Xunta deste ano para comezar a obra.
E o máis preocupante é que con esta operación ruinosa renúnciase, de feito, a facerlle cumprir ao SERGAS coa súa parte do compromiso, consistente en construír o Centro de Saúde, despois de serlle cedidos os terreos do Viso, adquiridos no seu día polo Concello pola considerable suma de 400.000 euros.

Excusas
Cando nos din que non se pode construir o Centro de Saúde de Aldán-O Hío porque non hai cartos, temos que lembrar que este ano se destinaron nos ornamentos da Xunta fondos para a construción de máis de 20 centros de saúde en Galicia, co agravante de que en 2.012 xa había unha partida de 270.000 euros que se perdeu porque o alcalde non fixo nada para que se investise onde correspondía.

Mentiras e máis mentiras
Recentemente, o Pleno do Concello acordou dirixirse en tres ocasións (setembro de 2011, setembro de 2012 e xaneiro de 2013) á Consellería de Sanidade para que, dunha vez por todas, desen comezo as obras do novo Centro de Saúde de Aldán-O Hío. Toda unha cortina de fume. Xa con anterioridade ás eleccións municipais, o Partido Popular garantizaba o centro de saúde para 2012. De feito no programa electoral do señor Sotelo aparece a súa construción como un compromiso prioritario.
O último episodio desta continúa falta de respeto protagonizouna o señor Sotelo o pasado 11 de maio cando lles presentou aos representantes dos colectivos veciñais da parroquia a documentación para a rehabilitación da Casa do Médico, dedicando dúas plantas a “consultorio”, e, días máis tarde, remitía aos medios de comunicación uns planos dun proxecto ben distinto, cunhas instalacións sanitarias ubicadas somente na primeira planta ampliada. O escurantismo e as mentiras continúan sendo as maneiras de facer as cousas do señor Sotelo.


En conclusión
  • O Alcalde, señor Sotelo, nunca foi á Consellería de Sanidade a reclamar o que os veciños pedían e queren. Todo este tempo estivo facendo teatro.
  • O Alcalde, señor Sotelo, chantaxea aos veciños e veciñas do Hío para resolver o problema da titularidade xurídica da Casa do Médico que nada ten que ver coas necesidades sanitarias da parroquia.

A proposta do consultorio na Casa do Médico é unha trampa, pois, no caso de que a Consellería de Sanidade a aceptase, sería moito máis difícil que no futuro fora considerar o inicio das obras para a construcción do Centro de Saúde.
Desde a Plataforma denunciamos que o que realmente se pretende con estes enredos é  enterrar definitivamente o proxecto do Centro de Saúde de Aldán-O Hío.



 Plataforma para a Defensa da Sanidade Pública de Cangas- SOS Sanidade Pública

(*) http://www.agefec.org/Almacen/Manuales%20y%20guias/guia%20equipamientos%20centros%20de%20salud.pdf

0 comentarios:

SOS Sanidade Pública

C. de Saúde do Hío, XA!

C. de Saúde do Hío, XA!
Xa temos os terreos, e o SERGAS que fai? Enredar.
Queremos médico todo o ano!

Polo CAR para o Morrazo

Redes sociais

Síguenos

100% público

100% público

POVI$A: listas de espera

POVI$A: listas de espera
Pola redución das listas de espera en POVI$A
As listas de espera cirúrxicas de POVI$A son as máis grandes de todos os hospitais de Galicia. Das listas para consultas externas e probas diágnósticas nada se sabe, por estar ocultas á opinión pública.
A Plataforma quere contrastar a campaña de desinformación do SERGAS e de POVI$A cos datos reais aportados pola propia cidadanía, por iso pedimos a súa colaboración.
Reclame en atención ao doente de POVI$A ou acuda á Inspección Médica e póñase en contacto connosco enviándonos unha copia ou unha mensaxe, dirixíndose ao apto. 146 de Cangas ou por email a plataformasanidadecangas
@gmail.com
.

Informe POVISA

Kiko da Silva

Kiko da Silva

Alianza Social do Morrazo

Alianza Social do Morrazo

Páxinas vistas

Powered By Blogger