21 ene 2013

postheadericon Concentración veciñal no Viso para reclamar o centro de saúde

A continuación vai o texto da intervención da representante da Plataforma, Chicha Nores, lido na concentración:
Na Xunta de Galicia están empeñados en deixarnos sen o centro de saúde para as parroquias de Aldán e O Hío. Despois da tomadura de pelo do ano pasado, no que nos pasaron pola cara 270.000 euros para empezar as obras, volven este ano, pero peor. Resulta que nos orzamentos para o 2013 non puxeron nin un só euro para o centro de saúde. De repente, o Presidente da Xunta e a Conselleira de Sanidade acordaron que as necesidades sanitarias das parroquias de Cangas non son importantes ou xa se solucionaron por arte de maxia. Pero, aparte diso, o que tamén nos indigna é que acorden poñer os cartos de todos para construción de máis de 20 centros iguales a este en toda Galicia e o noso o metan no baúl dos recordos. Estamos discriminados, é certo, pero non estamos dispostos a que nos tomen o pelo.

Pero, por que pasa todo isto? Non se dan conta de que estes terreos do Viso levan anos comprados polo Concello e xa cedidos á Xunta esperando a que se decidan a facer algo. Agora non hai disculpas de notarios nin de papeleos, porque xa nos enteramos que xa está todo arranxado. Aquí o que pasan son cousas moi raras, ou non tan raras se reparamos quen está metido no medio. Que fixo a Conselleira da Xunta? Que fixo o señor Sotelo desde que é alcalde, e mesmo antes de sentarse na poltrona da alcaldía, despois de dicir no seu programa electoral que quería construir o centro de saúde? Danos a impresión que fixo menos que nada. Na foto moito si, si, si, pero por detrás non desaproveitou unha ocasión para enredar. Pode que sexa o encargo que lle fixeron desde a Xunta, pero a nós non nos engana tan fácil. Xa sabemos como funciona isto: xogan coa mentira e mentres tanto o tempo vai pasando, porque teñen a esperanza de que isto se volva monte cerrado e todos nos olvidemos do tema. O ano pasado traballaron arreo. Chegaron a dicir que os 270.000 euros presupostados non existían; que todo era un invento dos periodistas ou de non se sabe moi ben de quen. Así, conseguiron chegar ao final do exercicio de 2012 e aqueles cartos esfumáronse. Seguro que alguén gañou unha medalla do partido polo mérito de traicionar a xusta reivindicación pola que veñen loitando desde hai anos.
O outro día aprobaron no pleno do Concello unha moción por unanimidade que lle pide á Xunta que poña diñeiro nos orzamentos para o centro de saúde. Ese xesto simbólico foi grazas á preocupación e ao empeño dos veciños e veciñas, porque polo que respecta ao señor alcalde non moveu un dedo. De feito levaba calado, como se a cousa non fora con el, desde o mes de xuño do ano pasado cando anunciou na prensa a próxima presencia en Cangas da Conselleira de Sanidade. Por suposto, esta visita non se produciu nunca. Está claro, miraron que a cousa estaba controlada e non facía falta máis teatro.
Agora queremos que o alcalde se mova e rápido. Que se plante nos despachos de Santiago e que consiga o que se pide o acordo plenario, é dicir, que a Xunta inclúa o centro de saúde nos presupostos deste ano. Pero, sabemos por mala experiencia, que aínda que isto se lograse non sería suficiente. Queremos que este ano se licite o centro e se comece coa execución da obra. Se non fose así que teña por seguro o presidente Feijó, a Conselleira Mosquera e máis o alcalde de Cangas que todos tan ben coñecemos que esta non será a última visita.

Finalmente, queremos dicirvos que sigades participando nas convocatorias que seguiremos facendo desde a Plataforma en Defensa da Sanidade Pública de Cangas mentres o Centro de Saúde de Áldán-O Hío non sexa unha realidade para satisfacer as necesidades sanitarias para as que está pensado. E nada máis, por agora, moitas grazas a todos e todas pola vosa asistencia.

O Hío-Cangas, 19 de xaneiro de 2.013

0 comentarios:

SOS Sanidade Pública

C. de Saúde do Hío, XA!

C. de Saúde do Hío, XA!
Xa temos os terreos, e o SERGAS que fai? Enredar.
Queremos médico todo o ano!

Polo CAR para o Morrazo

Redes sociais

Síguenos

100% público

100% público

POVI$A: listas de espera

POVI$A: listas de espera
Pola redución das listas de espera en POVI$A
As listas de espera cirúrxicas de POVI$A son as máis grandes de todos os hospitais de Galicia. Das listas para consultas externas e probas diágnósticas nada se sabe, por estar ocultas á opinión pública.
A Plataforma quere contrastar a campaña de desinformación do SERGAS e de POVI$A cos datos reais aportados pola propia cidadanía, por iso pedimos a súa colaboración.
Reclame en atención ao doente de POVI$A ou acuda á Inspección Médica e póñase en contacto connosco enviándonos unha copia ou unha mensaxe, dirixíndose ao apto. 146 de Cangas ou por email a plataformasanidadecangas
@gmail.com
.

Informe POVISA

Kiko da Silva

Kiko da Silva

Alianza Social do Morrazo

Alianza Social do Morrazo

Páxinas vistas

Powered By Blogger