30 may 2012

postheadericon II Encontro do Morrazo en defensa da sanidade pública

Hoxe tivo lugar o II Encontro do Morrazo en defensa da sanidade pública no que participaron as plataformas de Bueu, Cangas, Marín e Moaña, así como o Movemento Veciñal a prol dos Bens Comúns de Marín.
O obxectivo da xuntanza foi expresar o apoio á manifestación convocada en Santiago por SOS Sanidade Pública para o próximo domingo e organizar a asistencia á mesma. 
A continuación reproducimos o texto do Manifesto do Morrazo en contra dos recortes e as privatizacións" que se fixo público, suscrito tamén por 15M Morrazo.


Manifesto do Morrazo contra os recortes e privatizacións na sanidade pública
O Real Decreto 16/2012, de 20 de abril, introduciu cambios sustanciais no modelo sanitario do Estado Español. O dereito á atención sanitaria para todas as persoas sin distinción de orixe ou condición social contemplado no ordenamento vixente, sustitúese por un sistema de acceso no que é requisito necesario estar asegurado como sucedía vintecinco anos atrás, antes da implantación da Lei Xeral de Saúde que se basea nos principios da equidade, solidariedade e universalidade. Vincúlase o dereito á saúde á situación de persoa laboralmente activa, deixando no camiño tanto á masa crecente de desempregados e desempregadas como a outros colectivos, que xa se achan neste momento baixo risco de exclusión social. A involución é de tal calado que a etiqueta de “persoa sen recursos” que se coloca nos que non teñen dereito a asistencia sanitaria non urxente, fainos lembrar o “carnet de pobre” do século dezanove, e co cal os seus portadores eran atendidos polas institucións de “caridade” da época. Estanse a dar os pasos para implantación dun modelo sanitario de dúas portas: unha pola que teran acceso todos aqueles que se poidan permitir o pago dun seguro privado e outra pola que entraran os “pobres” para recibir unha atención de beneficencia como aínda lembran os nosos avós e bisavós.
Os recortes son inxustos e crueis
Os recortes cébanse nos máis débiles e enfermos. Como resultado desta contrarreforma sanitaria, a casuística dos afectados é ben extensa, quedando só con atención urxente, é dicir, fóra da asistencia ordinaria:
  • Os cidadáns maiores de 26 anos que nunca cotizaran á seguridade social tales como:
    • estudantes e, en xeral, mozos e mozas non cotizantes nin demandantes de emprego
    • persoas non casadas, fundamentalmente mulleres, para as que o seu traballo é o doméstico e de coidado de fillos e maiores
    • xubilados que só cobran a pensión da emigración (non da seguridade social)
    • ...
  • Os inmigrantes en situación irregular, aínda que estean empadroados e traballando.
É de prever, polo tanto, que a aplicación deste conxunto de medidas provoquen un aumento significativo na demanda sanitaria vía urxencias co colapso conseguinte, así como a propagación de enfermidades contaxiosas por falta de atención e seguemento médico, factores ambos os dous que afectarán de rebote ao resto da poboación. Aquí ninguén queda libre. Todos padeceremos as consecuencias desta involución inxusta e cruel dos gobernantes neoliberais de Compostela, Madrid e da UE.

Os copagos (repagos) impostos á enfermidade
A partir do 1º de setembro grupos importantes de enfermos terán que facer fronte ao:
  • Pago das próteses, cadeiras de rodas,... sen límite de custo.
  • Pago polo transporte programado (ambulancias) para ir facer probas diagnósticas, asistir a consultas, rehabilitación ou aplicar tratamentos (cancro, hemodiálese,...), tamén sen cantidade límite.
  • Pago polos alimentos de dietoterapia.
  • Aumento do repago de medicamentos ata o 50% aos asegurados activos (60% a quen cobre máis de 100.000 euros) e 10% aos pensionistas cos límites de 8 € e 18 € ao mes segundo as súas rendas sexan inferiores aos 18.000 € ou os 100.000 € anuais. Os que superen esa cantidade pagarán ata un máximo de 60 €. O asegurado deberá esperar 6 meses a que lle devolvan as cantidades que superen aqueles topes de pago.
Somente quedarán exentas aquelas persoas con renda de integración social, pensións non contributivas e parados de longa duración que agotasen o subsidio de desemprego.


A privatización da sanidade pública a outra cara da mesma moeda
Non existen recortes sen privatizacións. Para facer posible a expropiación dos bens comúns, conquistados polos de abaixo ao longo de moitas décadas de loita social, non só recortan os servizos públicos directamente senon que precisan deterioralos afogándoos orzamentaria e extraorzamentariamente para poder presentar ao conxunto da poboación estas medidas como un exercicio responsable de control do “desfilfarro” e da “ineficiencia” na xestión pública. Estase utilizando e potenciando os efectos da crise para xustificar o desfalco dos servizos de saúde e do resto dos servizos públicos. A disculpa é a necesidade de axustarse á lóxica eficiente dos “mercados” cando en realidade estase respondendo aos intereses dos representantes dos grandes poderes económicos e financieiros de escala global, expoliadores de países enteiros, como a chamada “troika” (BCE, FMI, UE) no marco da Unión Europea.
É a transferencia da débeda privada contraída polos bancos e as grandes empresas transnacionais a que está engrosando o déficit público. Só o escandaloso “rescate” de Bankia multiplica por tres os recortes de máis de 10.000 millóns de euros que veñen de sufrir a educación e a sanidade.  A falta de financiamento para os servizos públicos é unha disculpa falsa. As únicas solucións xustas pasan pola introdución de medidas fiscais que graven máis aos que máis teñen e polo control da enorme fraude fiscal, vergoñentamente retratada na amnistía fiscal que este goberno dos banqueiros ven de outorgar recentemente aos máis ricos e aos delincuentes.
Esta maneira de actuar ten as súas repercusións na nosa comarca. A paralización de todos aqueles proxectos de creación de infraestruturas sanitarias que constitúen xa unha débeda histórica co Morrazo (Centro de Alta Resolución do Morrazo e os centros de saúde de Moaña, Marín e Aldán-O Hío) constitúen unha realidade indignante. Promesas todas que, formando parte dos programas electorais do partido de Feijoo, permanecen a día de hoxe totalmente paralizadas.
Pola contra, proxectos como os novos hospitais de Vigo e de Pontevedra, que corren a cargo de empresas privadas, son impulsados decididamente, o cal, non impide que o hospital privado POVISA, ao que estamos obrigatoriamente asignados os veciños e veciñas de Cangas e Moaña, presente planos de ampliación contando co apoio explícito do Partido Popular, gobernante na Xunta de Galicia.
Neste grave momento polo que atravesan os nosos dereitos sociais e os bens comúns é preciso erguer con toda rotundidade a nosa voz para proclamar que:
·    Os copagos son en realidade repagos, xa que os servizos públicos xa os pagamos  inmigrantes e non inmigrantes a  través dos impostos directos (IRPF,...) e indirectos (IVE,...).
·    Rexeitamos as privatizacións porque os servizos sociais en xeral non son os causantes do déficit público dun Estado como o español no que o gasto social está por debaixo da media da UE-15 (6,5%  fronte ao 7,5 % do PIB).
Finalmente, os asinantes deste Manifesto do Morrazo contra os recortes e as privatizacións na Sanidade Pública, expresamos o noso apoio á manifestación convocada por SOS Sanidade Pública, que o próximo domingo, 3 de xuño, percorrerá as rúas de Compostela en contra dos recortes sociais e das privatizacións.

O Morrazo, 30 de maio de 2.012

0 comentarios:

SOS Sanidade Pública

C. de Saúde do Hío, XA!

C. de Saúde do Hío, XA!
Xa temos os terreos, e o SERGAS que fai? Enredar.
Queremos médico todo o ano!

Polo CAR para o Morrazo

Redes sociais

Síguenos

100% público

100% público

POVI$A: listas de espera

POVI$A: listas de espera
Pola redución das listas de espera en POVI$A
As listas de espera cirúrxicas de POVI$A son as máis grandes de todos os hospitais de Galicia. Das listas para consultas externas e probas diágnósticas nada se sabe, por estar ocultas á opinión pública.
A Plataforma quere contrastar a campaña de desinformación do SERGAS e de POVI$A cos datos reais aportados pola propia cidadanía, por iso pedimos a súa colaboración.
Reclame en atención ao doente de POVI$A ou acuda á Inspección Médica e póñase en contacto connosco enviándonos unha copia ou unha mensaxe, dirixíndose ao apto. 146 de Cangas ou por email a plataformasanidadecangas
@gmail.com
.

Informe POVISA

Kiko da Silva

Kiko da Silva

Alianza Social do Morrazo

Alianza Social do Morrazo

Páxinas vistas

Powered By Blogger