12 oct 2011

postheadericon Manifesto do Morrazo en Defensa da Sanidade Pública

O documento "Manifesto do Morrazo en Defensa da Sanidade Pública", foi aprobado na asemblea convocada en Moaña por 15m Morrazo o mércores, 12 de outubro, e apoiada por distintos colectivos sociais, entre os que se encontran as Plataformas do Morrazo.

A sanidade pública é unha grande conquista histórica resultado de grandes esforzos de xeracións e de loitas sociais ao longo de moitos anos que todos e todas temos que defender, desde os/as máis novos ata os/as xubilados.
A sanidade pública universal e gratuíta, tal como a coñecemos hoxe, garante o dereito fundamental á saúde a todo o mundo en condicións de igualdade. Cando calquer persoa precisa dos servizos dun centro de sáude ou dun hospital non se lle pregunta polos seus recursos económicos para facer fronte aos gastos que poida ocasionar. Nós queremos que isto siga así e, mesmo, que se mellore. O sistema de saúde sostido a través dos nosos impostos, garante que os colectivos máis vulnerables, as persoas máis débiles, os enfermos crónicos, os nosos maiores, os máis necesitados e os enfermos teñan acceso a uns servizos de saúde dignos, sen discriminacións e cos únicos límites que a obxectividade das súas doenzas impón. Por iso renunciamos a emprender o camiño que os poderes económicos nos apuran a tomar, pois sabemos que nos Estados Unidos, a catedral do capitalismo, malviven, sufren e padecen máis de 40 millóns de seres humanos que carecen de calquer cobertura sanitaria.

Nesta crise-estafa na que nos meteron para expoliarnos, os grandes poderes oligárquicos do diñeiro alarman un día si e outro tamén con problemas de financiamento que porían en perigo o futuro dos servizos aos que constitucionalmente todos e todas temos dereito. A receita que pregoan desde o seu monopolio mediático sempre vén sendo a mesma: os recortes, os axustes e os copagos. Nós opoñémonos a esta lóxica-trampa dicíndo que, en todo caso, a sostenibilidade dos servizos do Estado do Benestar depende de que os que máis teñen contribúan máis ao seu mantemento a través dos impostos. Unha progresividade real do IRPF que cargue sobre os tramos máis altos de ingresos, a restauración do imposto do Patrimonio, o gravame á especulación financieira e a loita contra a fraude dos grandes capitais son medidas realistas que se poden tomar desde o poder soberano do Estado para paralizar a descarada ofensiva dos tiburóns financieiros disfrazados baixo a pel dos “mercados”.
Desde a década dos oitenta do século pasado; desde a aparición do neoliberalismo de inspiración thatcheriana, o Banco Mundial, o Fondo Monetario Internacional e a Unión Europea están promovendo políticas destinadas a facilitar que as empresas do capitalismo global poidan facer negocio cos fondos que os países destinan a sanidade, o que pasa por desmantelar o que non lles produce beneficos e privatizar os sistemas sanitarios públicos.
Galicia destina o 34% do seu orzamento á sanidade pública, un bocado moi gorentoso para os grupos empresariais privados. A nosa comunidade autónoma é xunto a de Valencia e Madrid a que máis ten avanzado na privatización dos servizos sanitarios con experimentos para transformar os hospitais en empresas privadas (as fundacións sanitarias), a creación de sociedades anónimas para xestionar servizos de alta tecnoloxía sanitaria (MEDTEC), a destrución da Área Sanitaria de Vigo para facerlle un sitio ao hospital privado, POVISA, etc. Desde que o actual goberno da Xunta sentou o seu traseiro en San Caetano a venda dos servizos públicos sanitarios acelerouse: a diálises renal, a información sanitaria, a central de compras, a limpeza, a esterilización, a lavandería, a seguridade, a restauración e ata o sistema de oposicións están sendo privatizados. Nestes últimos tempos desde a Consellería de Sanidade xa se puxeron mans á obra para entregarlle aos consorcios empresariais (bancos, construtoras e aseguradoras privadas) o financiamento e a xestión dos novos hospitais e centros de saúde. Mediante o sistema denominado PFI (Iniciativa de Financiamento Privado) o SERGAS entraría de “inquilino” nesas infraestruturas pagándolles aos seus “propietarios” durante máis de 20 anos uns cánones que multiplican cinco ou seis veces o que custarían se se fixesen a través dunha sociedade pública de investimento. A redución do orzamento sanitario en 2011 por parte da Xunta de Galicia en case 200 millóns de euros, xunto co recurso á financiación privada para construír, restaurar e xestionar os hospitais e centros de saúde, multiplicando o custe final dos mesmos e xerando un endebedamento incompatible coa sostenibilidade do actual modelo, é a maior ameaza para o sistema sanitario público desde a súa creación.
Os efectos desta fatídica combinación xa están aí. A falta de recursos está xerando unha situación de deterioración que se fai patente no peche dos hospitais pola tarde, no incremento real das listas de espera, na paralización do Plan de Mellora de Atención Primaria (que perpetúa a masificación das consultas), nos recortes na saúde mental, na atención ás drogodependencias e á muller; na parálise dos Plans Directorios de mellora de hospitais (necesarios para frear o seu deterioro) e a supresión do servizo de ambulancias nalgunhas localidades, como é o caso de Marín, e que ameaza xeralizarse.
Cal pode ser o noso futuro se ao desemprego, á precariedade laboral e á falta de perspectivas lle sumamos o desmantelamento dos servizos públicos máis básicos? Cremos que iso vai depender da capacidade de parar este carro das privatizacións e de deterioro dos servizos públicos, como é o caso da sanidade.
Por todo isto desde o Morrazo:
  • Declarámonos indignados e en rebeldía fronte as políticas da Xunta de Galicia e da Consellería de Sanidade de deteriorar e privatizar a sanidade pública galega.
  • Defendemos a ampliación do Hospital de Montecelo en troques de construír outro novo pola vía privatizadora á vez que rexeitamos o financiamento privado para construír o Novo Hospital de Vigo e desde o Morrazo reclamamos o dereito dos pacientes e das pacientes de Cangas e Moaña a poder ser atendidos nel, acabando coa obrigatoria asignación ao hospital privado, POVISA.
  • Apoiamos aos veciños e veciñas de Marín e O Hío para que os centros de saúde sexan unha realidade nos próximos orzamentos da Xunta e tamén aos veciños e veciñas de Moaña que veñen loitando, desde hai máis dunha década, por un Centro de Saúde para a súa vila.
  • Reivindicamos a construción do Centro de Alta Resolución de O Morrazo, unha infraestrutura para facilitar o acceso dos usuarios e usuarias a atención especializada e outros servizos sen necesidade de desprazamentos ao centro hospitalario de referencia, en Vigo.
  • Rexeitamos os recortes no transporte sanitario do recentemente aprobado Decreto 11/2011 e, en concreto, esiximos a restauración do servizo de 24 para a ambulancia con base en Marín.
  • Chamamos a toda a cidadanía do Morrazo e á galega en xeral a rexeitar a deterioración e privatización do noso sistema de saúde público en todas as iniciativas e convocatorias que faga públicas SOS Sanidade Pública.

Pola defensa da sanidade 100% pública!!

0 comentarios:

SOS Sanidade Pública

C. de Saúde do Hío, XA!

C. de Saúde do Hío, XA!
Xa temos os terreos, e o SERGAS que fai? Enredar.
Queremos médico todo o ano!

Polo CAR para o Morrazo

Redes sociais

Síguenos

100% público

100% público

POVI$A: listas de espera

POVI$A: listas de espera
Pola redución das listas de espera en POVI$A
As listas de espera cirúrxicas de POVI$A son as máis grandes de todos os hospitais de Galicia. Das listas para consultas externas e probas diágnósticas nada se sabe, por estar ocultas á opinión pública.
A Plataforma quere contrastar a campaña de desinformación do SERGAS e de POVI$A cos datos reais aportados pola propia cidadanía, por iso pedimos a súa colaboración.
Reclame en atención ao doente de POVI$A ou acuda á Inspección Médica e póñase en contacto connosco enviándonos unha copia ou unha mensaxe, dirixíndose ao apto. 146 de Cangas ou por email a plataformasanidadecangas
@gmail.com
.

Informe POVISA

Kiko da Silva

Kiko da Silva

Alianza Social do Morrazo

Alianza Social do Morrazo

Páxinas vistas

Powered By Blogger