28 mar 2012
A necesidade do CAR
por Xosé María Sánchez Pena
membro da Comisión Xestora da Plataforma
Hoxe volveráse a falar no Pleno do Concello de Cangas do Centro de Alta Resolución do Morrazo, unha infraestrutura sanitaria de suma importancia para unha comarca como a nosa moi poboada, alonxada do hospital de referencia e, sobre todo, que precisa e merece ser urxentemente reparada pola discriminación que xa dura décadas, ao estar os veciños e veciñas do Morrazo encadeados a POVISA, hospital privado que ostenta a dubidosa honra de posuir o récord, e a moita distancia, das listas de espera dos hospitais de Galicia.Estamos a falar dun avanzado dispositivo para a atención da nosa saúde que suporía unha mellora sustancial da atención especializada, pois en virtude do que comunmente se denomina "unidade de acto" calquer paciente poderá ser explorado, diagnosticado e tratado no mesmo día sen necesidade, como ocurre agora, de desprazarse varias veces ao hospital de referencia. O CAR é para efectos divulgativos un "hospital sen camas", onde se realizarían, ademáis, operacións de cirurxía menor, con radiodiagnóstico, laboratorio, hemodiálese e PAC de 24 horas, cubrindo o 95% das especialidades como mínimo.
Dito isto, cabería engadir rápidamente a importancia de que o Centro estea situado nun lugar accesible para os usuarios e usuarias dos Concellos aos que pretende dar cobertura e, ademáis, ser construído pola iniciativa pública, xa as fórmulas da chamada "Colaboración Público Privada” son especialmente gravosas ao obrigar a administración pública a pagar canóns ás UTES construtoras durante 20 ou 30 anos.
Pero sen perder de vista o obxectivo fundamental de pretender unha mellora sustancial da calidade asistencial, hai que poñer o acento en que a aposta polo CAR debería constituir un obxectivo estratéxico de primeira orde para a nosa comarca; un proxecto no que todas as forzas institucionais e sociais deberíamos embarcarnos e poñernos a remar no mesmo rumbo. A ninguén se lle escapa o que podería supoñer nestes momentos de crise, tanto para a reactivación económica das empresas da comarca como para paliar o desemprego, o efecto anticíclico dun investimento duns 10 millóns de euros para a súa construción. Ademáis, o CAR, unha vez en funcionamento, constituiríase nun importante eixo vertebrador do territorio, podendo inducir, por exemplo, a posta en marcha de liñas regulares de transporte público debido ao importante fluxo de persoas que xeraría.
A estas alturas só falta que as institucións locais e as autoridades que están á súa fronte se involucren decididamente neste proxecto que leva empantanado desde que no ano 2008 o SERGAS e o Concello de Cangas elaboraran un primeiro informe técnico para situar o CAR no barrio da Rúa.
Desde a Plataforma somos moi conscientes das dificultades económicas que están a pasar as institucións locais, por iso propoñemos que esta obra se impulse como un proxecto de incidencia supramunicipal no que a Xunta tome a iniciativa, dado que o seu ámbito de influencia debe abranger polo menos aos concellos de Cangas, Moaña e Bueu. Pero esta unión de esforzos tense que producir xa. Non vaia ser que cheguemos a 2.013 e nos atopemos, de novo, sen partida orzamentaria por parte da Xunta, como lamentablemente sucedeu nos dous últimos exercicios.
Cangas, 27 de marzo de 2.012
Publicado en "Tribuna Libre" de Faro de Vigo, edición do Morrazo
Etiquetas:
car
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
Mi lista de blogs
C. de Saúde do Hío, XA!
100% público
Webs adheridos
Kiko da Silva
Plataformas de Galicia
- SOS Sanidade Pública
- Plataforma Contra a Privatización - Pontevedra
- Plataforma en defensa da Sanidade Pública - Área do Ferrol
- Plataforma en Defensa da Sanidade Pública da Área do Barco
- Plataforma en Defensa da Sanidade Pública de Monforte
- Plataforma en Defensa da Sanidade Pública do Barbanza
- Plataforma en Defensa da Sanidade Pública de Marín
- Asociación Pro Sanidade Digna de Ourense
0 comentarios: